Os desafiuzamentos crecen en Galicia ata o nivel máis elevado dende 2015

Acción de Stop Desafiuzamentos en Compostela © Praza Pública

Nos peores momentos da crise producíanse sete desafiuzamentos cada día en Galicia e outros tantos desaloxos de vivendas. Máis de 200 cada mes, ao redor de 2.500 por ano. A situación, hoxe, está por debaixo deses niveis, pero os datos feitos públicos polo TSXG este venres amosan que o número de execucións hipotecarias se situou en 2018 no seu nivel máis elevado dende o 2015. Houbo un total de 1.323, un 28,7% máis que o ano anterior. Pola contra, no conxunto de España os desafiuzamentos descenderon un 9% en 2018.

No primeiro trimestre, coincidindo coa longa folga no sector da Xustiza, as execucións hipotecarias foron 288, pero nos tres trimestres seguintes superaron os 300 (391, 301 e 343).

Mentres, o número de lanzamentos practicados en Galicia no conxunto do ano foi 1.709, o que supón un descenso do 31,4% con respecto aos 2.493 de 2017. Con todo, nestas cifras inflúe poderosamente o efecto da folga, que reduciu notablemente a cantidade de lanzamentos no primeiro e segundo trimestre. De feito, o cuarto trimestre producírone un total de 645, máis de sete por día, regresando aos niveis dos peores momentos da crise económica. O final de 2018 foi o peor cuarto trimestre de ano dende o 2014.

A maioría dos lanzamentos seguen sendo motivados polo impago do alugueiro (481 nos últimos 3 meses), triplicando os que se deben a execucións hipotecarias (135).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.