A suba do SMI a 1.286 euros ao mes beneficia 140.000 persoas en Galicia

Evolución do SMI e intervención de Yolanda Díaz tras o Consello de Ministros deste 17 de novembro CC-BY-NC-SA Foto: Ministerio de Traballo | Gráfico e montaxe: Praza.gal

Case 140.000 persoas veranse beneficiadas en Galicia desde o vindeiro mes de xaneiro pola suba do salario mínimo interpofesional (SMI), aprobada para 2027 polo Goberno de España este martes. Será un incremento do 5,3%, ata situalo nos 1.286 euros brutos ao mes en 14 pagas (1.500 euros brutos mensuais en 12) e un total de 18.004 euros brutos por ano. 

O SMI queda en 1.286 euros brutos ao mes en 14 pagas (1.500 en 12), 910 euros máis ao ano tras unha suba do 5,3%

Supoñen 65 euros máis ao mes respecto ao SMI actual, de 1.221 euros, e de 910 máis ao ano segundo o explicado pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros onde se aprobou tamén unha dedución fiscal para que todo o persoal traballador afectado non teña que pagar IRPF polas súas remuneracións. 

Segundo aclarou Díaz, o novo SMI alcanzará uns 2,7 millóns de persoas no Estado, un 13,6% de traballadores e traballadoras asalariadas, abranguendo especialmente a xente máis nova e as mulleres. De feito, máis do 65% das persoas beneficiaras do SMI son mulleres, un total de 1,7 millóns, e máis do 27% das persoas que cobran ese salario mínimo son menores de 25 anos. 

"Pagou a pena en dirección oposta á ortodoxia económica e moitos economistas que dicían que iamos afundir a economía española", dixo Díaz, que reivindicou o incremento como "a ferramenta política feminista máis importante" debido á "afectación de xénero" e porque "corrixe o déficit estrutural de desigualdade". 

Máis do 65% de persoas beneficiadas pola suba do SMI son mulleres; e máis do 27% menores de 25 anos

Ademais, Andalucía, con 550.000 persoas, e Madrid, con 387.000, son as comunidades con máis persoas beneficiadas polo incremento do SMI, seguidas de Comunitat Valencia (355.000), Catalunya (308.000), Canarias (215.000) e Galicia, en sexto lugar, con 139.000. 

Desde o ano 2018, cando Pedro Sánchez chegou á Moncloa e se conformou por primeira vez un goberno progresista, o SMI aumentou case un 75%: desde os 735,9 euros daquela aos 1.286 euros mensuais nos que quedará agora. 

A suba do 5,3% fíxase tendo en conta o IPC interanual do pasado mes de outubro (do 4,9%) pero sumando catro décimas para compensar a persa de poder adquisitivo do SMI deste ano. 

Os 1.286 euros nos que queda este salario mínimo son brutos, polo que o soldo neto que a persoa traballadora recibe na súa conta bancaria cada final de mes é algo inferior. A esa cantidade habería que descontarlle as cotizacións á Seguridade Social e a retención mensual de IRPF que logo era devolta por Facenda na declaración de renda. 

Desde a conformación do primeiro goberno progresista no Estado, o SMI subiu case un 75%: de 736 euros ao mes a 1.286

Pero para 2027 o IRPF xa non se reterá na nómina mensualmente. O ministro de Facenda, Arcadi España, explicou que se modificará o regulamento e que a suba do SMI chegará "íntegra" ao peto dos e das traballadoras. 

Con todo, iso non quere dicir que non haxa xente que poida cobrar menos do IRPF. Son aquelas que non traballan xornadas completas senon parciais. En todo caso, o SMI calcúlase de xeito proporcional en función das horas traballadas, polo que un emprego a media xornada suporía un salario mínimo de 643 euros brutos mensuais. 

O SMI tamén establece unha cantidade diaria, 42,87 euros brutos ao mes, así como o SMI para eventuais e xornaleiros, de 60,88 euros por xornada legal. En canto ás persoas empregadas do fogar, serían 10,06 euros brutos por xornada efectiva traballada. 

Garamendi critica unha suba "electoral"

Desde a patronal, o seu presidente, Antonio Garamendi, criticou a suba do SMI aprobada este martes e di que é unha "formulación de campaña electoral" e tamén que o Goberno de España faga "dous consellos de ministros á semana para facer campaña electoral". 

Antes de coñecerse os datos concretos, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, situou precisamente os salarios no centro da campaña do 29N e lembrou esa suba do SMI nun 75%. "E queremos blindar por lei que se siga gañando poder adquisitivo", dixo desde Vilagarcía. 

O líder dos socialistas galegos destacou a cantidade de galegos que se beneficiarán da suba do SMI, con especial incidencia entre as mulleres e salientou tamén que, xunto con este incremento, o Consello de Ministros tamén vén de aprobar un aumento do 4,5 % nas retribucións dos funcionarios e funcionarias.

“Lembran cando o PP e Vox dicían que subir salarios prexudicaba a produtividade? Pois todo o contrario: medramos máis e producimos máis e mellor”, afirmou Besteiro, que dixo que o 29N "tamén vai de mellorar o poder adquisitivo ou volver aos recortes”. 

Besteiro reivindica a suba do SMI e a CIG pide que chegue aos 1.426 euros mensuais para cumprir coa Carta Social Europea

Desde a CIG, pola súa banda, reclaman elevar o SMI até os 1.426 euros ao mes para cumprir coa Carta Social Europea. A central nacionalista reclama tamén que nos decretos que regulan o SMI "se especifique o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais". 

Porque esta é unha práctica empresarial moi estendida e que foi avalada polo Tribunal Supremo. Moitas compañías absorben a suba do SMI se o traballador gaña en total, incluíndo os pluses, polo menos eses 1.286 euros brutos ao mes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.