O pasado ano descendeu por primeira vez dende o 2020 o gasto medio dos fogares galegos (-1,7%). En cambio, no conxunto do Estado o gasto continuou a medrar (+3,1% en relación ao 2024)
En que gastamos os cartos? Nos últimos anos están a medrar de forma notable os salarios, comezando polo Salario Mínimo Interprofesional, pero tamén o fan os gastos, por exemplo os da alimentación -especialmente afectados pola crise de prezos iniciada en 2022- e, de forma singular, os da vivenda. Diversas análises alertan de que o encarecemento dos alugueiros está a comer boa parte da mellora dos salarios máis baixos.
En efecto, segundo a Enquisa de Orzamentos Familiares que todos os anos publica o INE, os gastos da vivenda -alugueiro, auga, electricidade, gas...- representan unha parte cada vez maior do gasto total das familias. En 2025, ademais, esta circunstancia se uniu a un cambio de tendencia no desembolso dos fogares: por primeira vez dende o 2020 galegos e galegas gastaron menos cartos que no ano precendente.
En concreto, o gasto medio por fogar (33.111 euros anuais) situouse 600 euros por debaixo do dato de 2024 (-1,7)%. De igual xeito, o gasto medio por persoa (13.882) baixou en case 200 euros (-1,4%). A evolución seguida por Galicia contrasta coa do conxunto do Estado, onde o gasto medio por familia seguiu a medrar un 3,1% e o gasto por persoa un 3,2%. Galicia foi, de feito, a única comunidade autónoma na que descendeu o gasto, xunto con Baleares e Navarra.
O gasto total por fogar, ademais, sitúase en Galicia claramente por debaixo da media do Estado, uns dous mil euros anuais menos (33.111 fronte a 35.101), e sucede o mesmo co gasto medio por persoa, aínda que neste caso a diferenza é menor: 13.882 euros fronte a 14.066.
En 2025 o gasto dos galegos e galegas reduciuse en todos os grupos de gasto. Houbo apenas catro excepcións, comenzando pola vivenda (que inclúe tamén electricidade, gas e auga), que aumentou un 10,4%, os mobles (+7,3%) e ocio, deportes e cultura (+4,5%)
En 2025 o gasto dos galegos e galegas reduciuse en todos os grupos de gasto. Houbo apenas catro excepcións: vivenda (que inclúe tamén electricidade, gas e auga), que aumentou un 10,4%. Tamén mobles e artigos para o fogar -tamén relacionado cos inmobles-, cunha suba do 7,3%. Medrou igualmente o gasto en ocio, deportes e cultura (+4,5%) e, de forma máis moderada, en sanidade (+1,8%).
En cambio, reduciuse de forma importante o gasto en transporte (-11,5%), alimentación (-5,8%), vestido e calzado (-12,2%), información e comunicacións (-7,4%), restauración e aloxamento (-6,5%) e bebidas alcohólicas e tabaco (-20,9%).
Nalgúns casos, o descenso é debido a unha redución da demanda (de forma clara no caso do alcohol e tabaco), noutros inflúe un descenso dos prezos (no transporte ou na alimentación, ao moderarse o custo dalgún elemento que se disparara en anos anteriores). Algún dos descensos pode indicar unha priorización do gasto, na que ante a necesidade de aforrar son relegadas algunhas compras ou hábitos que se consideran máis prescindibles, como comer fóra, as viaxes ou mercar roupa.
O gasto en vivenda (e subministros) no último ano pasou de representar o 28,15% do gasto total a ser o 31,52%
Na táboa pódese ver tamén a cantidade que cada capítulo representaba no ano 2019, antes da pandemia. Obsérvase así como o gasto en vivenda (e subministros) non deixou de medrar e, de feito, no último ano pasou de representar o 28,15% a ser o 31,52%. Aumenta tamén de maneira significativa o gasto en ocio, deporte e cultura, dende o 4,2% de 2019 ao 5,8% actual.
En cambio, outros grupos de gasto manteñen dende hai anos unha tendencia descendente, comezando polo vestido e calzado, os mobles (a pesar da súa suba en 2025) ou información e comunicacións.
Destaca igualmente o aumento do gasto en medicamentos (+6%) e tamén en xardinaría e mascotas (+14,7%) e en servizos culturais (+10,9%)
Indo máis ao detalle sobre o incremento do gasto no capítulo de vivenda, na enquisa destaca, efectivamente, a suba do gasto en alugueiro (+7%), pero tamén en electricidade e gas (+6%). E, de forma moi rechamante, en mobles (+29%).
Destaca igualmente o aumento do gasto en medicamentos (+6%) e tamén en xardinaría e mascotas (+14,7%) e en servizos culturais (+10,9%).
Na alimentación, moi ligado á evolución dos prezos (pero tamén en parte aos cambios de hábitos), cae o gasto en aceites (+30%), carne (+10%), pan (-10,7%), peixe (-4,3%), legumes e hortalizas (-7,3%). E en cambio medra en froitas (+7%). Destaca, ademais, o descenso no gasto en tabaco (un 25% menos nun ano).
Nos datos chama a atención a caída do gasto en paquetes turísticos (-7,4%) e restaurantes (-7,7%)
Nos datos chama a atención a caída do gasto en paquetes turísticos (-7,4%) e restaurantes (-7,7%), pero non tanto os servizos de aloxamento (-1,3%).
Igualmente, cae de forma abrupta o gasto na compra de vehículos (-26,5%) e tamén na adquisición de equipos de información e comunicación, é dicir, móbiles, tablets, ordenadores ou televisores (-18,9%).