Os salarios soben un 20% en cinco anos en Galicia, sobre todo os máis baixos grazas ao aumento do SMI

Evolución anual dos salarios en Galicia nos últimos anos © Montaxe: Praza.gal

O salario medio en Galicia (26.547 euros brutos anuais) sitúase case tres mil euros por debaixo do salario medio no conxunto do Estado (29.540 euros). Ademais, o incremento nestes cinco anos en Galicia foi inferior á media (+21,1%)

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este xoves a Enquisa Anual de Estrutura Salarial, con datos definitivos correspondentes ao ano 2024. A estatística amosa un crecemento sostido dos salarios nos últimos anos nos distintos indicadores e niveis, cun aumento do 19,7% do salario medio entre 2019 e 2024. O salario medio en Galicia (26.547 euros brutos anuais) sitúase case tres mil euros por debaixo do salario medio no conxunto do Estado (29.540 euros). Ademais, o incremento nestes cinco anos en Galicia foi inferior á media (+21,1%).

A enquisa achega tamén datos sobre a evolución do salario mediano (aquel que se sitúa exactamente na metade, cun 50% de soldos por riba e outro 50% por debaixo), que en Galicia é notablemente inferior á media (22.603) debido á distorsión que introducen os valores máis elevados.

E tamén sobre os salarios situados no percentil 90 (por riba só ten o 10% dos soldos), 75 (cuartil superior, por riba só están o 25% dos salarios), 25 (cuartil inferior, por debaixo só están o 25% dos traballadores) e 10 (por debaixo só están o 10% dos soldos).

Estes indicadores amosan unha realidade moi significativa: entre o 2019 e o 2024 os salarios que máis se incrementaron en termos relativos foron os máis baixos. Isto foi debido, en boa medida, ás sucesivas subas do salario mínimo interprofesional aprobadas polos gobernos progresistas de coalición PSOE-Podemos e PSOE-Sumar. O SMI, que se mantivera practicamente conxelado nos anos anteriores, elevouse dende o 2018 dos 736 aos 1.221 euros brutos mensuais.

Dende o 2019 o incremento do SMI fixo que subiran especialmente os salarios máis baixos (o percentil 10), que en Galicia pasaron dos 8.825 euros anuais en 2019 aos 12.148 euros en 2024, unha suba do 37,7% en cinco anos, case o dobre que a media

A consecuencia foi a suba dos salarios máis baixos (o percentil 10), que en Galicia pasaron dos 8.825 euros anuais en 2019 aos 12.148 euros en 2024, unha suba do 37,7% en cinco anos, case o dobre que a media. De igual xeito o cuartil inferior (o 25% de soldos máis reducidos) elevouse neste tempo un 21,6% fronte a unha suba do 18% do cuartil superior (o 25% de soldos máis altos).

A evolución seguida nos últimos anos polas retribucións dos traballadores e traballadoras que menos ingresan contrasta coa que experimentara na década anterior, especialmente nos peores anos da crise da Gran Recesión iniciada en 2008.

Entre os anos 2008 e 2014 os salarios máis baixos caeron un 7,9% en Galicia, mentres que os soldos medios subían un 5,4%. Tamén o cuartil superior (+5,9%) se incrementou por riba do cuartil inferior (+2,7%)

Entre os anos 2008 e 2014 os salarios máis baixos caeron un 7,9% en Galicia, mentres que os soldos medios subían un 5,4%. Tamén o cuartil superior (+5,9%) se incrementou por riba do cuartil inferior (+2,7%).

No bienio seguinte (2014-19) os salarios máis reducidos si medraron por riba da media (+14,1% fronte ao +9,8%) e tamén o fixo o cuartil inferior (+10,8%) fronte ao superior (+9,8%). Porén, a análise conxunta de ambos períodos (o 2008-19) resulta nunha suba máis elevada dos salarios altos fronte aos baixos.

As persoas con rendas inferiores, en cambio, víronse prexudicadas polo incremento dos prezos de artigos de primeira necesidade e dos alugueiros

A evolución seguida dende o 2019 consegue que no dato de 2024 o aumento experimentado polo 10% de salarios máis baixos sexa superior á media e tamén aos resultados dos soldos máis altos.

Cómpre sinalar, en todo caso, que as persoas con rendas inferiores, en cambio, se viron prexudicadas polo incremento dos prezos de artigos de primeira necesidade, coma os alimentos e especialmente pola evolución seguida polos prezos de arrendamento da vivenda (a maior parte viven de alugueiro), subas que limitaron o efecto do incremento salarial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.