O control dos alugueiros na zona tensionada da Coruña converte Vigo na cidade máis cara para vivir

Evolución dos prezos medios do alugueiro nas cidades galegas sobre unha imaxe xeral da Coruña © Montaxe: Praza.gal

No primeiro trimestre do 2026 o prezo medio dos contratos asinados na Coruña foi de 705 euros, 26 euros por debaixo do prezo medio nos sete primeiros meses do pasado ano. Esta redución do 3,6% contrasta cos aumentos que rexistra Pontevedra (55 euros máis, +8,6%), Ferrol (42 euros máis, +7,6%), Vigo (42 euros máis, +6,1%) ou Ourense (34 euros máis, +6,3%)

Durante a última década A Coruña foi case en todo momento a cidade galega na que era máis caro alugar unha vivenda. Os datos de todos os organismos e empresas que dan conta dos prezos dos arrendamentos daban conta, ano tras ano, do encarecemento dos contratos asinados na cidade herculina, que a mediados do do pasado ano se situaban nun nivel medio de 730 euros, fronte aos 675 euros de Vigo, os 653 de Pontevedra ou os 631 de Santiago. Nos barrios céntricos da Coruña os prezos medios superaban amplamente os 800 euros e mesmo o 900 euros nalgún distrito.

Nos últimos días de xullo do pasado ano o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana declarou A Coruña como zona de mercado residencial tensionado. As medidas aparelladas a esta declaración inclúen a fixación dun prezo de referencia para os inmobles alugados por grandes propietarios ou os vivendas que non estiveran previamente arrendados e unha suba máxima dun 2,5% anual para o resto de contratos.

A entrada en vigor da zona tensionada levou a un cambio de tendencia no encarecemento dos alugueiros na Coruña. Primeiro en forma de conxelación dos prezos (mentres no resto de cidades galegas seguían a subir), despois cun pequeno descenso nos últimos meses do ano (fronte a incrementos de entre 7 e 20 euros no resto de urbes) e, xa nos primeiros meses de 2026, cun abaratamento claro, de novo en contraste coas cifras de case todas as outras cidades.

A consecuencia destes movementos é que A Coruña deixa xa de ser a cidade galega cos prezos da vivenda máis caros, cunha media de 705 euros entre xaneiro e marzo que se sitúa por debaixo do dato de Vigo (721 euros) e mesmo de Pontevedra (711 euros)

No primeiro trimestre do 2026 o prezo medio dos contratos de alugueiro asinados na Coruña foi de 705 euros, practicamente igual que no primeiro trimestre de 2025 e 26 euros por debaixo do prezo medio dos alugueiros asinados na cidade nos sete primeiros meses do pasado ano, ata a entrada en vigor da zona tensionada.

Esta redución do 3,6% contrasta cos aumentos que dende o mes de xullo rexistran cidades como Pontevedra (55 euros máis, +8,6%), Ferrol (42 euros máis, +7,6%), Vigo (42 euros máis, +6,1%) ou Ourense (34 euros máis, +6,3%). En Santiago, en cambio, os prezos medraron de forma máis moderada (+2,1%), en termos semellantes á media galega (+2,2%). Na cidade de Lugo o prezo medio dos alugueiros mantívose estable (-0,3%).

A consecuencia destes movementos é que A Coruña deixa xa de ser a cidade galega cos prezos da vivenda máis caros, cunha media de 705 euros entre xaneiro e marzo que se sitúa por debaixo do dato de Vigo (721 euros) e mesmo de Pontevedra (711 euros).

Santiago semella ter moderado as subas no último ano. A declaración de zona tensionada, reclamada dende hai tempo polo Goberno municipal e aceptada finalmente pola Xunta hai unhas semanas, pode axudar a consolidar esta contención dos prezos

No seguinte gráfico pode verse a evolución dos prezos medios dos contratos de alugueiro asinados cada ano nas sete cidades. Os valores da Coruña e Vigo, moi igualados entre 2015 e 2022, comezaron a separarse dende a fin da pandemia, cun incremento maior para a cidade herculina, que encareceu un 37% entre xaneiro de 2022 e xullo de 2025.

No resto de urbes, destacan tamén os aumentos de Pontevedra e Santiago, pero a cidade compostelá semella ter moderado as subas no último ano. A declaración de zona tensionada para a capital de Galicia, reclamada dende hai tempo polo Goberno municipal e aceptada finalmente pola Xunta hai unhas semanas, pode axudar a consolidar esta contención dos prezos.

Os prezos aumentan de forma moi importante en Ferrol dende 2024 (+34%)

Ourense, Lugo e Ferrol viñeron presentando ata agora prezos moi inferiores aos das outras catro cidades. Porén, chama a atención o forte incremento dos custos do alugueiro na cidade naval nos últimos dous anos e medio (+34% dende xaneiro de 2024). Neste primeiro trimestre, de feito, os prezos dos contratos asinados en Ferrol foron superiores aos de Ourense e Lugo, onde mesmo descenden.

É certo que nos tres primeiros meses do ano o número de contratos asinados na Coruña foi notablemente inferior ao do mesmo período de 2025, un 42% menos. Porén, da mesma maneira que isto é indiscutible, tamén é incuestionable que o número de contratos asinados baixou en todas as cidades galegas

A Xunta e o PP argumentan que a declaración non ten efectos positivos sobre os prezos -o que non é certo- e que, en cambio, ten un efecto negativo de redución do parque dispoñible, ao levar a moitos propietarios a optar por non poñer as súas vivendas en alugueiro ao atopar unha menor rendibilidade económica. Observemos os datos que ofrece a propia Xunta a través do Observatorio da Vivenda de Galicia. 

É certo que nos tres primeiros meses do ano o número de contratos asinados na Coruña foi notablemente inferior ao do mesmo período de 2025, un 42% menos. Porén, da mesma maneira que isto é indiscutible, tamén é incuestionable que o número de contratos asinados baixou en todas as cidades galegas, especialmente en Pontevedra (-37%) e tamén en Santiago (-36%) ou Vigo (-29%), que carecen de zonas declaradas tensionadas

A redución pode deberse a distintos factores e a redución de prezos forzada pola zona tensionada é seguramente un deles, pero non o único

En realidade, estanse a asinar menos contratos en todas as urbes e os descensos son importantes tamén en Lugo, Ourense e mesmo Ferrol. A redución pode deberse a distintos factores e a redución de prezos forzada pola zona tensionada é seguramente un deles (A Coruña é onde máis se reduce a cifra de contratos), pero non o único

No seguinte gráfico amósanse os valores medios dos contratos asinados cada mes dende xaneiro do pasado ano (non a media acumulada). Nel, obsérvase que existen importantes variacións entre un mes e outro (en xaneiro e marzo, por exemplo, Pontevedra foi a cidade máis cara), o que fai máis interesante atender ás medias acumuladas en tres, seis ou doce meses. En todo caso, revela o cambio de tendencia iniciado o pasado verán na Coruña, ata entón con prezos moi por riba das restantes cidades.

A Coruña segue a ser a cidade cos barrios máis caros para vivir, pero tres destes catro distritos con prezos máis altos reducíronos no primeiro trimestre de 2026 en relación aos sete primeiros meses do pasado ano

O Observatorio da Vivenda de Galicia ofrece tamén información sobre os prezos medios dos alugueiros asinados en cada sección censual. A Coruña segue a ser a cidade cos barrios máis caros para vivir, particularmente o distrito 15004 (Ensanche) e 15005 (Falperra e parte do Ensanche), con 907 e 857 euros de media, e tamén o 15003 (Pescaría, Orzán) e 15001 (Cidade Vella), igualmente por riba dos 800 euros. Con todo, tres destes catro distritos reduciron o seu prezo medio no primeiro trimestre de 2026 en relación aos sete primeiros meses do pasado ano.

En cambio, o resto de distritos galegos que encabezan a lista dos barrios máis caros para vivir presentan todos subas superiores ao 5% no último ano

En cambio, o resto de distritos galegos que encabezan a lista dos barrios máis caros para vivir presentan todos subas superiores ao 5% no último ano, especialmente o 36003 de Pontevedra e os 36201, 36202 e 36208 de Vigo.

As diferenzas que antes existían entre os barrios céntricos da Coruña e os distritos máis caros de Vigo, Pontevedra ou Santiago son moito menores agora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.