A vivenda é unha carga económica "pesada" para a maioría dos fogares galegos de alugueiro

Edificios de vivendas na Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

Actualmente en Galicia a poboación reside en 1,10 millóns de fogares. Son uns 41.000 máis que hai media década, case 50.000 máis que en 2020 e 226.000 máis que a principios de século. A maioría, antes e agora, son unidades familiares ou de convivencia que residen en vivendas en propiedade e sen hipoteca.

Máis do 60% dos fogares galegos son vivendas en propiedade e sen hipoteca

Este retrato tírase do módulo de vivendas familiares da enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística, que o IGE vén de actualizar con datos correspondentes a 2025. Permite ollar algúns dos grandes trazos do xeito en que habita a poboación galega en plena crise da vivenda e, polo tanto, a distribución do seu impacto. Así, os datos revelan que só para a poboación que vive de alugueiro a vivenda é, maioritariamente, considerada como unha carga económica "pesada", en liña coa alerta que reiterarán as mobilizacións convocadas para este venres e sábado en varias cidades galegas.

Os máis de 675.000 fogares que son vivendas en propiedade e sen hipoteca supoñen un 61% do total, apenas cinco puntos menos que a finais do século XX e case oito por baixo da porcentaxe acadada hai vinte anos, antes do estoupido da burbulla inmobiliaria e crediticia. Mentres, os fogares que residen en vivendas en propiedade, pero coa hipoteca aínda pendente, supoñen pouco máis do 15% do total (uns 175.000). En 2010, xusto despois de estourar a burbulla, roldaban o 22%. 

A porcentaxe de fogares en vivendas alugadas supera por primeira vez dende que hai datos comparables en Galicia á dos residentes en pisos e casas con hipoteca

Fronte a estas porcentaxes relativamente estables, a que segue sendo minoritaria porción de fogares que son vivendas de alugueiro supera por primeira vez dende que hai datos comparables ás das familias que viven en pisos hipotecados. Son xa no noso país máis de 185.000 os fogares onde se reside de alugueiro e o seu peso sobre o total ascendeu case dez puntos en vinte anos ata situarse xa por riba do 16%.

E é neste crecente sector da poboación onde a carga da vivenda pesa máis nos petos. Atendendo outra volta aos resultados da enquisa do IGE, se tratamos os fogares galegos coma un todo, a carga económica da vivenda (a hipoteca ou o alugueiro sumado con outros gastos como comunidade ou subministros) é considerada "pesada" para algo menos do 38%. En 2020 esta resposta chegaba ao 40% e en plena gran recesión superaba o 60%. A serie destes datos comeza en 2010.

Mentres, para a maioría (58%) a carga económica derivada da vivenda é considerada "razoable". E un moi minoritario 3,54% responden que a vivenda "non supón ningunha carga".

Entre o total de fogares os gastos da vivenda son unha carga "razoable" no 58% dos casos, pero nos arrendados a porcentaxe cae ao 46%

Pero ao desagregarmos os datos por réxime de tenza da vivenda, a situación muda. Quen vive en vivendas en propiedade e sen hipoteca ven no piso ou casa unha carga económica "pesada" en apenas o 30% dos casos. Nos fogares con vivendas hipotecadas o dato ascende ao 43% (cinco anos antes estaban na contorna do 40%) e entre a poboación que vive de alugueiro a vivenda é unha carga económica "pesada" na maior parte dos casos, case un 53%, apenas un punto por baixo da anterior edición da enquisa, elaborada en 2020.

Nos fogares arrendados a porcentaxe de quen percibe a carga económica da vivenda como "razoable" é a máis baixa, un 46%. E nun ínfimo 1,37% a resposta é que a vievnda "non supón ningunha carga".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.