Galicia perderá 35.000 vivendas protexidas ata 2030, máis da metade das construídas dende o fraguismo

Datos de vivendas protexidas obtidos por Civio, sobre unha imaxe de edificios de vivendas na Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal
Esta información foi elaborada na redacción de Praza.gal a partir da investigación de Ter García, David Cabo, Carmen Torrecillas e Adrián Maqueda na Fundación Civio. Os gráficos foron traducidos ao galego e inseridos en colaboración e co consentimento da Fundación Civio, á que a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, desexa transmitir expresamente o seu agradecemento.

Unha ampla investigación de Civio analiza as repercusións da fin do réxime de protección para milleiros de pisos en todo o Estado

Entre 1991 e 2025 construíronse en Galicia case 66.500 vivendas protexidas, a maior parte delas mentres na Xunta gobernaron o PP de Fraga (1991-2005, con case 49.000 vivendas) e a coalición de PSdeG e BNG (2005-2009, cunhas 14.000). Pero menos de 300 delas, concretamente 297, teñen consideración de vivenda protexida para sempre. 

As restantes van pasando ao mercado libre en función da normativa aplicable en cada momento. É dicir, van quedando sen restricións para a súa compra e venda, sen límites de prezos e sen ter que destinarse a que vivan nelas persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida. En virtude dese permiso, no horizonte de 2030 o país levará perdidas unhas 35.000 vivendas protexidas, máis da metade das construídas dende 1991.

Estas cifras son algunhas das máis salientables referidas a Galicia dentro da ampla investigación desenvolvida por Civio para coñecer o estado do parque de vivenda protexida no conxunto do Estado. No caso galego, a finais do pasado 2025 a maior parte destas vivendas construídas dende 1991 seguían dentro do seu prazo de protección, unhas 50.400. 

Nos últimos catro anos unhas 16.000 vivendas protexidas cumpriron en Galicia o prazo de descualificación. Arredor de 50.000 das construídas dende 1991 seguían protexidas, pero case 34.000 pódense descualificar anticipadamente

Non obstante, case 34.300 delas están atinxidas pola posibilidade de descualificación anticipada, isto é, suprimirlles a protección mediante a devolución de axudas, unha posibilidade que a Xunta permitiu ata 2021. Daquela, cabe a posibilidade de que o parque real de vivenda protexida estea xa na contorna das 16.000 vivendas.

Pero, alén desa posibilidade de descualificación anticipada, o certo é que entre 2021 e 2025 entre 16.000 e 17.000 cumpriron en Galicia o prazo xeral de protección de trinta anos, como acredita a investigación de Civio. E de 2026 a 2030 chegarán a ese mesmo limiar unhas 19.000. 

Daquela, contra finais de 2030 das máis de 66.000 vivendas protexidas construídas dende o inicio do fraguismo en 1991 quedarán con esa condición entre 15.830 e unhas 31.300. É dicir, entre algo menos dunha cuarta parte e algo menos da metade. A perda segura estará daquela, en calquera caso, na contorna das 35.000 vivendas, como amosa o gráfico que acompaña esta información, inserido en Praza.gal grazas á colaboración de Civio.

As leis que o permitiron

En 2008 o Goberno PSdeG-BNG aprobou que as vivendas de promoción pública estivesen protexidas permanentemente, pero o goberno de Feijóo derrogou o requisito en 2012 e volveu instaurar o prazo de 30 anos. A Xunta recuperouno en 2025 para a vivenda protexida pública e en solo público

Estas perdas son posibles porque na maior parte do período analizado a figura da protección permanente nas vivendas foi en Galicia, como na práctica totalidade do Estado -así o evidencia a pescuda de Civio- unha rareza. No caso galego a primeira declaración de protección permanente chegou en 2008, coa Lei de Vivenda do Goberno de coalición PSdeG-BNG, dependente da Consellería de Vivenda que dirixía Teresa Táboas. Atinxía as vivendas protexidas de promoción pública -nas que a promotora é a propia Xunta- construídas sobre solos destinados a pisos públicos. Aquela norma deixou o prazo de 30 anos para o resto de pisos de protección.

Pero esa protección indefinida desapareceu en 2012, coa Lei de Vivenda do Goberno do PP de Feijóo. A vivenda protexida e de promoción pública volveu ter unha protección de trinta anos e da protexida de promoción privada quedou rebaixada a 15, 20 ou 25 anos, segundo as zonas.

En 2023, cando o Goberno xa dirixido por Alfonso Rueda principiou a súa viraxe política en materia de vivenda, a Xunta decidiu ampliar a 50 anos o período de protección para a vivenda protexida de protección pública e para as erguidas en solos públicos desenvolvidas para pisos protexidos. E só dende o ano pasado, coa reforma introducida na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2025, todas estas vivendas públicas, ou protexidas "nun solo desenvolvido por un promotor público" teñen protección permanente. 

As vivendas protexidas de promoción privada seguirán podendo descualificarse aos 30 anos

Esa última reforma unificou, asemade, en 30 anos o prazo de protección para as vivendas protexidas de promoción privada en réxime de venda. Mentres, as protexidas de promoción privada para alugueiro seguen perdendo a protección aos 15 anos.

A protección permanente vixente dende este ano, vén resaltando a Xunta, atinxirá aos 4.000 pisos de promoción pública que asegura ter xa "en marcha" -dende trámites previos ata construción-. Tamén as que saen ao mercado libre tras perderen a protección pero son mercadas polo Goberno galego en aplicación do chamado dereito de tanteo. A imposibilidade de retirar a condición de vivenda protexida é tamén unha das claves do novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, que a fixa como un dos principais requisitos para financiar pisos de protección, con independencia de que sexan para compra ou alugueiro ou de promoción pública ou privada. 

Ese plan está dotado con 7.000 millóns para todo o Estado, dos que 399 corresponden a Galicia -o anterior plan contaba con 106 millóns, no caso galego-. A Xunta asinouno entre críticas ao considerar que "as axudas só alcanzarán para arredor de 600 vivendas ao ano, o que resulta irrisorio". Dende a primeira lexislatura de Feijóo como presidente na Xunta e ata o ano 2025 construíronse en Galicia unhas 2.000 vivendas protexidas e, actualmente, no Rexistro de Demandantes hai 32.802 solicitudes pendentes.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.