A sentenza que desbota o recurso do Goberno galego contra a lei estatal de vivenda tamén admite que a igualdade consagrada na Constitución non ten que ser absoluta para grandes propietarios cun número "considerable" de vivendas
A semana pasada o Tribunal Constitucional fixo público que viña de rexeitar o recurso interposto pola Xunta contra a lei estatal de vivenda de 2023 que pretendía controlar os prezos dos alugueiros ou dar más dereitos aos inquilinos en desafiuzamentos por parte de grandes propietarios. En liña co PP estatal, o Goberno galego criticara que a norma vulneraba dereitos constitucionais como o de igualdade ou propiedade privada. Tras comunicar as súas principais conclusións cunha nota de prensa, agora o tribunal vén de facer pública a sentenza íntegra, que entre outras cuestións lembra ao Goberno galego que a Constitución Española permite graduar os dereitos á propiedade privada ou á igualdade ante a lei atendendo á "función social" da vivenda ou a que as medidas restritivas sexan "proporcionadas á finalidade perseguida".
A sentenza agora feita pública polo Constitucional, avalada por sete dos seus 12 maxistrados fronte aos votos particulares en contra de cinco deles, é a oitava e derradeira dunha serie de respostas do tribunal no mesmo sentido contra recursos formulados por outras comunidades e o PP. Así que sobre diversos argumentos formulados pola Xunta a nova sentenza limítase a remitirse aos pronunciamentos sobre esas cuestións realizados nas sentenzas previas. Pero esta resolución si afonda fundamentalmente na análise de dúas alegacións da Xunta coas súas propias particularidades para rematar desbotándoas.
A lei non vulnera a igualdade ante a lei e a xustiza
O Constitucional matiza a igualdade ante a lei e a xustiza e di que pode haber diferenza de trato cando as consecuencias sexan "proporcionadas á finalidade perseguida"
A lei de 2023 estableceu un procedemento específico nos tribunais para os desafiuzamentos de inquilinos vulnerables por parte de grandes propietarios, cun proceso previo de conciliación ou intermediación e prazos máis lentos. A Xunta alegaba por unha banda que o Estado estaba así a invadir a competencia autonómica sobre vivenda, pero o Constitucional di que neste caso non se estaba a lexislar en materia de vivenda senón en materia de procesos xudiciais, de competencia estatal. E engade que máis alá desa competencia estatal en materia procesual, a lei deixaba en mans das administracións autonómicas e locais "a xestión deste tipo de servizos administrativos de intermediación, logrando con iso unha situación de equilibrio razoable".
Ademais a Xunta criticaba que establecer un proceso distinto de desafiuzamento para grandes propietarios atentaba contra a igualdade protexida pola Constitución, pero o Tribunal Constitucional rexeita tamén esa posibilidade. A sentenza lembra que "o principio de igualdade non esixe en todos os casos un tratamento legal igual con abstracción de calquera elemento diferenciador de relevancia xurídica, de xeito que non toda desigualdade de trato normativo respecto á regulación dunha determinada materia supón unha infracción" da Constitución. O tribunal salienta, baseándose na súa propia xurisprudencia, que pode haber diferencia de trato cando "as consecuencias xurídicas que se deriven de tal distinción sexan proporcionadas á finalidade perseguida, de sorte que se eviten resultados excesivamente gravosos ou desmedidos".
A sentenza valora que as condicións dispares da lei de vivenda impóñense a grandes propietarios que se caracterizan "pola titularidade por parte dunha persoa física ou xurídica dun número considerable de inmobles urbanos e uso residencial, a saber, cando menos 10 con carácter xeral ou 5 se as vivendas se atopan emprazadas nunha contorna de mercado tensionado". O tribunal engade que "esta acumulación de propiedades inmobiliarias urbanas de tipo residencial pon de relevo que a propiedade inmobiliaria constitúe, en moitos casos, un produto de investimento e, ademais, outorga aos grandes propietarios un certo estatus de dominio no mercado de vivenda do que carecen quen non ten a condición de gran tenedor".
Ante esa vantaxe dos grandes propietarios, segue o Constitucional, a diferenza de trato que prevé para eles a lei, con prazos e procedementos máis garantistas para os inquilinos, "debe reputarse obxectivamente xustificada e non resulta desproporcionada nin excesivamente gravosa". Tamén desbota o Constitucional que eses procesos específicos de desafiuzamento para grandes propietarios vulneren o seu dereito á tutela xudicial efectiva e di que os pasos previos de intermediación ou conciliación buscan "uns fins constitucionalmente lexítimos" como "unha solución máis áxil e que satisfaga os intereses de ambas partes" axudando a "desconxestionar os tribunais".
A lei non vulnera a propiedade privada
Sobre o dereito á propiedade privada o tribunal dille á Xunta que a lei "non impide ao gran propietario" exercer os seus dereitos senón que "simplemente lle impón unha carga temporal" que "atopa o seu fundamento na función social da propiedade da vivenda"
"Non impide ao propietario gran tenedor o exercicio das accións posesorias, senón que simplemente lle impón unha carga temporal e procesual adecuada e razoable que atopa o seu funcionamento na función social da propiedade da vivenda"
A sentenza tamén analiza e igualmente desbota a suposta vulneración do dereito á propiedade privada cos procesos de desafiuzamento específicos para grandes propietarios. O tribunal lembra que a súa xurisprudencia vén establecendo que a lexislación sobre o dereito de propiedade "non atopa outro límite que o de non sobrepasar o equilibrio xusto ou relación razoable entre os medios empregados e a finalidade pretendida". Así, razoa que "a previsión legal de intervencións públicas na esfera das facultades e responsabilidades do propietario non desnaturaliza o dereito de propiedade, sempre que se realice de forma adecuada e razoable e responda a un obxectivo considerado constitucionalmente lexítimo".
Neste caso ese obxectivo, engade o Constitucional, busca "tanto a optimización do funcionamento da Administración de Xustiza como a tutela do dereito á vivenda das persoas en situación de vulnerabilidade económica". E faino cunha medida que considera que "non desborda o xusto equilibrio entre os medios empregados e a finalidade pretendida". "Non impide ao propietario gran tenedor o exercicio das accións posesorias, senón que simplemente lle impón unha carga temporal e procesual adecuada e razoable que atopa o seu fundamento na función social da propiedade da vivenda", conclúe o Tribunal Constitucional.