Ata 150 persoas chegaron a durmir no último mes na acampada pola vivenda da Praza do Obradoiro. Persoas diversas que se están a organizar para que ninguén esqueza esta crise que vulnera un dereito fundamental
Yasmina ten 24 anos e é de Cambados, estuda e traballa as fins de semana, viviu de alugueiro e tivo problemas cos caseiros, e agora vive cos seus pais. "O problema da vivenda non é só nas cidades, en Cambados é todo piso turístico, ou alugueiros só durante o curso para que volvas cos teus pais no verán. Así non podemos construír as nosas vidas", explica. Leva un mes acampando na Praza do Obradoiro, aínda que marcha para traballar. "Estamos cansas e enfadadas co que está a pasar, seguimos polas compañeiras e por todas", confesa.
Ana está emigrada por razóns laborais, pero estaba moi pendente do movemento que estaba agromando arredor da problemática da vivenda aquí e leva na acampada de Compostela dende a segunda semana. "Xa fun moi consciente do que pasou no 15M e agora quería ser parte activa do que se fixera, pedinlle ás amigas que me avisasen en canto se articulase algo e pedín días libres no traballo para poder vir. Non poderei volver polo Nadal pero estou aquí coas compañeiras", defende.
A acampada do Obradoiro chegou a contar con 150 persoas, pero a cifra vai variando en función do día, sendo un mínimo de cincuenta as que pasan a noite baixo as lonas dun cento de tendas. Neste tempo, consensuaron en asemblea unhas reclamacións "de mínimos" que defenden como colectivo. A primeira é a "expropiación do patrimonio aos grandes empresarios", como a Igrexa e os fondos voitre –din– para o seu "uso" por parte da clase traballadora.
A ilegalización das empresa chamadas de 'desokupación', que definen como o "brazo armado dos grandes empresarios" nos barrios e a "normalización do fascismo nas rúas". Reclaman a "axilización de trámites e eliminación de cláusulas abusivas" que permiten que non se renoven alugueiros "a aqueles que non encaixamos cos estándares de inquilines", así como o "cumprimento das condicións de habitabilidade e accesibilidade" das vivendas para todas as persoas.
A primeira reclamación desta acampada é a "expropiación do patrimonio aos grandes empresarios", como a Igrexa e os fondos boitre –din– para o seu "uso" por parte da clase traballadora
Como sucede noutras acampadas pola vivenda do país, como as de Vigo e Pontevedra, piden que o Estado español se sume á tendencia europea e declare indefinidos por defecto todos os contratos de alugueiro de vivendas de uso residencial, "para que os prezos non aumenten co cambio de contrato". Da man desta demanda vai a esixencia dunha "baixada ao 50% dos alugueiros" e que os prezos se "vinculen" ao nivel de ingresos das persoas inquilinas.
Dende a acampada pola vivenda de Santiago poñen sobre a mesa o debate sobre un "reparto racional do parque de vivenda en resposta ás necesidades da clase traballadora", que ademais na capital do país relacionan co "exceso" de pisos turísticos. Pola súa ubicación, fronte á catedral, conviven a diario con peregrinos que se meten entre as súas tendas buscando o ángulo perfecto para tirar fotos uns dos outros, ás veces en posturas difíciles de describir.
Aseguran que algúns turistas si se achegan a elas e eles coa vontade de coñecer por que están alí e que está pasando, incluso teñen colaborado coa caixa de resistencia que habilitaron ao comezo da acampada ou aportado materiais, comida e bebida para o grupo. "Temos compartido experiencias cos seus respectivos países, porque este é un problema a nivel europeo, e diría mundial", razoa Ana. Con todo, a maioría da xente de paso que para no Obradoiro opta por ignorar que están acampados.
"Eu vivín a Compostela antes da hiper-mega-turistificación. Estudei aquí e vivín en pisos de alugueiro once anos. Tocoume o momento no que os alugueiros eran de 150 euros o cuarto e que, de pronto, os caseiros querían subir a 250; tendo que ir pululando de barrio en barrio por toda a cidade. Despois foi cando emigrei porque vin que non tiña ningún tipo de futuro, que non tiña acceso a un traballo bo, un traballo que me permitise vivir e pagar o alugueiro... Non sei, un traballo decente, digno", debulla Ana, a piques de cumprir os trinta anos.
"Seguramente non me poida permitir comprar unha casa, como fixeron meus pais. Aínda así, son moi afortunada de que teñan un piso. Esa é a única vía que vexo para poder permitirme, nun futuro, ter algo propio"
Yasmina di estar "enfada co mundo en xeral" e ve con preocupación como as súas circunstancias vitais son máis precarias que as que viviron seus pais. "Seguramente non me poida permitir comprar unha casa, como fixeron eles, polos prezos. Aínda así, son moi afortunada de que teñan un piso e que no momento no que me queira independizar, teño esa oportunidade. Esa é a única vía que vexo para poder permitirme, nun futuro, ter algo propio. Estou aforrando, pero está moi complicado", detalla.
Na acampada tamén están a participar persoas en situación de rúa. "Só están buscando unha oportunidade, como todas nós. Actualmente o risco de exclusión social para a mocidade é bastante alto, poderíamos ser calquera de nós en algún momento", salienta Ana, que conta que cando chegou á acampada xa había varias persoas sen fogar integradas no grupo, e outras que se achegan nas horas das comidas.
"Creo que é un problema moi grande que non ten moita visibilidade, que a xente non empatiza. Tes a túa casa e non te preocupas dos que non teñen. Nós dicímoslle á xente que está na rúa pedindo que veña xantar connosco, é bastante lamentable que a acampada se converta nunha alternativa, sei que non somos unha solución, pero si unha resposta temporal a un problema", incide.
"Se non nos organizamos para vixiar, a acampada non tería pasado da primeira noite"
Alex ten 46 anos e vive de alugueiro nun piso da rúa Nova, participou no movemento 15M e agora apoia a acampada axudando nas quendas de garda "de protección" e participando nas asembleas. Coñece ben a problemática da vivenda porque seus pais foron desafiuzados no ano 2010 e ela mesma ten serias dificultades para abonar o alugueiro a pesar de que traballa dende os dezasete anos.
"Se non nos organizamos para vixiar, a acampada non tería pasado da primeira noite", asegura Alex con certa tristeza. Os berros e insultos son diarios, aínda que consideran que cada vez de menos intensidade. Porén, organízanse para facer garda e que o resto poidan durmir tranquilas e cada noite teñen incidencias, rematando moitas veces con avisos á Policía para tratar de frear o acoso. "Hai xente dun determinado espectro político que non quere que esteamos aquí e que nos falta ao respecto, sempre lles pedimos que nos deixen en paz porque o que estamos facendo é por todo o mundo, incluído por eles", argumenta Ana.
A acampada do Obradoiro será o punto de partida da manifestación unitaria do 11N en Compostela, ás 18 horas
Alex é das maiores do grupo e destaca con entusiasmo todo o que está a aprender da xente máis nova da acampada. "A verdade é que estou moi orgullosa, oxalá poidamos seguir organizadas despois da acampada. Estamos artellando ferramentas para ir máis aló da acampada no Obradoiro e facer máis grupos que perduren", explica. Ela pon o foco en que a acampada se converta nunha "metamorfose" para moita rapazada que está a descubrir o asociacionismo como un valor comunitario: "Temos unha xuventude moi sensibilizada".
Na acampada as persoas son diversas e ninguén é irregular, calquera persoa é benvida. Se cadra nunca pensaron en erguerse na Praza do Obradoiro, menos aínda co frío que chegou a Compostela no inicio do mes de novembro. "Claro que tes frío, pero espertas, saes da tenda e ves ás compis, xúntaste a falar e todo mellora automaticamente, sentes que paga a pena. Aquí hai respecto por todas, estamos todas polo mesmo", asevera Yasmina. Están preparadas e preparados para a folga xeral, de feito, a acampada será o punto de partida da manifestación unitaria das seis da tarde do 11N en Compostela. O que pasará despois dese día non o avanzan, decidirán nas asembleas.