Teño que avisar de que vou facer folga? 11 preguntas e respostas sobre o 11N

Un cartel chamando á folga nunha rúa da Coruña CC-BY-SA Praza.gal

O traballador ou traballadora que faga folga non ten que realizar comunicación ningunha á súa empresa sobre o que vai facer o 11 de novembro e tampouco ten a obriga de contestar a esa pregunta se o seu empregador lla fai

Este mércores 11 de novembro está convocada unha folga xeral pola dificultade de acceso á vivenda, a suba dos prezos e a perda de poder adquisitivo. É a primeira en 14 anos. Por este motivo é conveniente facer un repaso a algunhas cuestións básicas sobre o dereito á folga e o que implica e as garantías coas que contan traballadores e traballadoras.

Nas últimas semanas é frecuente escoitar (ou ler nas redes sociais) preguntas sobre a folga que para moitos teñen respostas obvias, como por exemplo se é necesario avisar previamente á empresa da intención de secundar a convocatoria ou sobre as consecuencias -económicas ou laborais- da participación. Pero ninguén nace aprendido e máis despois de 14 anos sen unha gran convocatoria de folga xeral. É por iso que os sindicatos publican e difunden guías da folga con informacións prácticas sobre estas cuestións e cuxas conclusións recollemos nestas 11 preguntas e respostas sobre a folga xeral do 11 de novembro.

 

Teño que avisar previamente ou notificar á empresa que vas facer folga?

Non. O traballador ou traballadora que faga folga non ten que realizar comunicación ningunha á súa empresa sobre o que vai facer o 11 de novembro e tampouco ten a obriga de contestar a esa pregunta se o seu empregador lla fai. De feito, a empresa non ten dereito a realizar esa pregunta, sobre todo se con iso tenta presionar o persoal ou coartar o seu dereito á folga.

Carteis de CCOO, CIG e UXT chamando á folga xeral do 11 de novembro ©

Pode suceder que algunhas empresas ofrezan ese día ao seu persoal traballar dende a casa para manter a actividade sen que teñan que acudir á oficina. Os sindicatos veñen alertando contra esta “esquirolaxe tecnolóxica” e lembran que a folga significa non traballar, non só non asistir ao centro de traballo

E que pasa co teletraballo?

Os traballadores que habitualmente fan teletraballo tamén poden facer folga. O que deben facer ese día é non conectarse ás redes da empresa, non fichar, non responder correos nin chamadas de ámbito laboral. Pode suceder que algunhas empresas ofrezan ese día ao seu persoal traballar dende a casa para manter a actividade sen que teñan que acudir á oficina. Os sindicatos veñen alertando contra esta “esquirolaxe tecnolóxica” e lembran que a folga significa non traballar non só non asistir ao centro de traballo.

 

Podo facer folga aínda que non estea afiliado a un sindicato?

Si, por suposto, todo traballador ou traballadora, estea ou non este afiliado a un sindicato, ten dereito a facer folga. Tamén se pode facer folga aínda que a túa empresa careza de representación sindical (como sucede en moitas compañías de pequeno tamaño)

A única repercusión da folga é o desconto salarial do día non traballado, un desconto que se aplica a todos os concepto (salario base, complementos, pagas extras, etc…)

Podo facer folga se son autónomo?

Aos traballadores autónomo non lles afecta a folga, porque a folga é un chamamento para os traballadores e traballadoras asalariadas. Isto non significa que os autónomos non poidan unirse ao chamamento e decidan non traballar ese día -como traballador autónomo ten esa liberdade- aínda que a súa participación non vai ser contabilizada. Isto aplícase ás persoas autónomas economicamente dependentes (ás que traballan, esencialmente, para un único empregador). Dende os colectivos que apoian a convocatoria da folga tense proposto tamén unha folga de consumo para o 11N e un chamamento ao pequeno comercio para que a secunde, incidindo na defensa das "tendas de barrio" fronte ás grandes superficies e grandes corporacións tecnolóxicas.

 

Que consecuencias ten para min facer folga? Pódenme despedir por facer folga?

A única repercusión da folga é o desconto salarial do día non traballado, un desconto que se aplica a todos os concepto (salario base, complementos, pagas extras, etc…). Tamén se deduce a parte proporcional do descanso semanal correspondente a ese día e, en cambio, non afecta ás vacacións anuais nin a outros incentivos que o traballador poida percibir.

A empresa non pode despedir un traballador por exercer o seu dereito a realizar a folga. Tampouco pode aplicar ningún tipo de sanción, empeorando as condicións laborais desa persoa por ter secundado a mobilización. Os sindicatos recomendan que se se dá algunha destas situacións a persoa afectada debe reunir as probas necesarias (correos electrónicos, capturas de pantalla...) para iniciar posteriores reclamacións, que pode facer coa colaboración e asesoramento das propias centrais sindicais.

Carteis chamando á folga nunha rúa da Coruña CC-BY-SA Praza.gal

A empresa non pode despedir un traballador por exercer o seu dereito a realizar a folga. Tampouco pode aplicar ningún tipo de sanción, empeorando as condicións laborais desa persoa ou beneficiando os que non a secundaron. Os sindicatos recomendan que se se dá algunha destas situacións a persoa afectada debe reunir as probas necesarias (correos electrónicos, capturas de pantalla...) para iniciar posteriores reclamacións

Que pasa se a empresa non me deixa facer folga?

Se un traballador é advertido de que non se lle vai permitir realizar a folga, recibe ameazas ou coaccións para non secundala, debe poñelo en coñecemento dos sindicatos e comités de folga. A CGT sinala que neses casos é importante que se consiga que a empresa lle comunique por escrito esa prohibición de secundar a folga ou que o traballador ou traballadora afectada grave as indicacións dadas verbalmente polo empregador para poder acudir posteriormente aos tribunais ou a Inspección de Traballo.

 

Que pode comunicar a empresa de cara á folga? Pode preguntar quen vai facer folga?

A empresa pode facilitar información obxectiva e neutral sobre a organización do traballo no día da folga, os servizos mínimos existentes (se os houber), ademais de informar sobre os efectos que esta terá sobre a nómina e a cotización. O que non pode facer é preguntar quen vai facer folga, realizar ameazas de penalizacións a quen queira secundala ou facer promesas de gratificacións a quen non a realice. Na súa guía da folga, o bufete Caballero y Fuentes engade que se existe “unha necesidade organizativa imprescindible”, o empregador debe estudiar “como obter información de maneira xenérica, voluntaria e sen consecuencias para quen non responda, preferiblemente a través da representación legal dos traballadores”

A empresa non pode substituír un traballador en folga por outra persoa que realice a súa actividade. Nin contratando outra persoa para ese día (esquirolaxe externa) nin tampouco reorganizando internamento o cadro de persoal para neutralizar os efectos da folga (esquirolaxe interna)

Se fago folga a empresa pode poñer a outra persoa a facer o meu traballo?

A empresa non pode substituír un traballador en folga por outra persoa que realice a súa actividade. Nin contratando outra persoa para ese día (esquirolaxe externa) nin tampouco reorganizando internamento o cadro de persoal para neutralizar os efectos da folga (esquirolaxe interna).

 

Que implican os servizos mínimos?

Os servizos mínimos teñen como obxectivo manter as prestacións imprescindibles dos servizos esenciais durante unha folga. Son fixados pola Administración, previa audiencia sindical e en ningún caso poden ser establecidos por unha empresa unilateralmente. De feito, fíxanse en ámbitos moi específicos. O traballador ou traballadora afectada polos servizos mínimos recibe unha comunicación escrita previa ao día de folga. Se a recibe, ten a obriga de acudir ao seu posto de traballo aínda que non estea conforme pois de non facelo exponse a sancións. Se o traballador ou traballadora considera que a orde constitúe un abuso, debe asinala indicando “recibido, non conforme” e presentación unha reclamación (a través dos tribunais ou dos sindicatos) pero en todo caso debe acudir ao seu posto de traballo.

Carteis chamando á folga nunha rúa da Coruña CC-BY-SA Praza.gal

A folga é un dereito fundamental (artigo 28 da Constitución) que polo tanto prevalece sobre a liberdade de traballo individual no marco do conflito colectivo. A normativa ampara a existencia e actividade dos piquetes informativos, que aseguran que a folga é eficaz e visible

Que poden facer os piquetes?

A folga é un dereito fundamental (artigo 28 da Constitución) que polo tanto prevalece sobre a liberdade de traballo individual no marco do conflito colectivo. A normativa ampara a existencia e actividade dos piquetes informativos, que aseguran que a folga é eficaz e visible. As súas funcións son informativas, facendo propaganda dos motivos da convocatoria e poden persuadir os traballadores para que se unan á folga. Os seus límites son a coacción violenta e a intimidación grave, estando totalmente fóra de lugar as agresións físicas ou as ameazas.

 

Como debo actuar ante unha petición de identificación da Policía?

No marco da actividade dos piquetes informativos ou das manifestacións convocadas para o día da folga é posible que se rexistren peticións de identificación a cargo da Policía. Para eses casos é aconsellable levar o DNI e identificarse, pois non caso de non facelo os axentes poden requirir que esa identificación se realicen en Comisaría. Na guía da folga difundida por CC.OO. recoméndase “manter unha actitude serena: evitar movementos bruscos, enfrontamentos verbais ou xestos que poidan interpretarse como provocación”. Tamén se recomenda “memorizar ou solicitar de forma educada o número de identificación do axente (carné profesional ou NIP)”, que os policías están obrigados a proporcionar. Se o axente da autoridade entrega un acta de sanción no lugar, non é obrigatorio asinala ou pódese facer constar “non conforme” xunto á sinatura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.