Amnistía Internacional volve denunciar o "uso excesivo da forza policial", desta vez na folga do 11N

Piquetes e policía nas cocheiras de Amio, en Santiago, polo 11N CC-BY-SA CMS Compostela

Amnistía Internacional denuncia o "uso excesivo da forza policial" na folga xeral do 11N —en varios puntos do Estado e tamén en Galicia— e pide aos partidos que "defendan o dereito á protesta reformando a lei mordaza e revisando protocolos policiais".

A entidade pide aos partidos que "defendan o dereito á protesta reformando a lei mordaza e revisando protocolos policiais"

A demanda da entidade en defensa dos dereitos humanos chega só unhas semanas despois de que criticase as cargas policiais levadas a cabo na Coruña o pasado 21 de outubro tras unha concentración en protesta contra un acto de Vox que acabou con varios mozos e mozas feridas. 

Daquela, Amnistía Internacional pedía aos axentes que garantan o dereito á protesta e que non usasen pelotas de goma, logo de que unha delas provocase a rotura da órbita ocular nunha rapaza que estivo a piques de perder un ollo. 

Piquetes nas cocheiras de Amio, en Santiago, polo 11N CC-BY-NC-SA CIG

Agora, a organización advirte que documentou 61 casos de "uso excesivo da forza" por parte de axentes de diversos corpos de policía "contra manifestantes pacíficos e xornalistas durante a xornada de folga xeral pola vivenda do 11 de novembro". 

Amnistía Internacional critica a actuación policial contra os piquetes nas cocheiras de Amio tras denunciar as cargas tras un acto de Vox na Coruña o mes pasado

Inclúen, segundo aclara Amnistía, "golpes de porra na cabeza e a parte superior do corpo, tamén contra persoas no chan, uso de spray pementa contra persoas pacíficas, lanzamento de botes de gas lacrimóxeno contra unha multitude illada e disparos de pelotas de goma por detrás".

Entre os casos inclúe a carga policial levada a cabo contra piquetes nas cocheiras de Amio onde, segundo a entidade, "os axentes golpearon reiteradamente unha persoa en actitude pacífica, con polo menos catro porradas nas pernas". 

Esta actuación, xunto ás levadas a cabo na Coruña semanas antes, levan a Amnistía Internacional a pedir ao delegado do Goberno de España en Galicia "unha investigación independente, exhaustiva sen demora sobre as denuncias de abusos policiais" nestas dúas cidades, e que as conclusións das investigacións "se fagan públicas". 

Imaxes das cargas policiais en Amio difundidas pola CMS de Compostela

"Non é ocasional"

"A investigación debe alcanzar á cadea de mando, incluídas as ordes dadas aos axentes", di Amnistía Internacional, que asegura que o uso excesivo da forza "non é ocasional". "Responde a un padrón que a organización denuncia desde hai máis dunha década e que se repetiu de forma continuada durante o último ano, como documentamos en polo menos dez accións de protesta", advirte. 

De cara ás vindeiras eleccións xerais, Amnistía pide aos partidos que "asuman a limitación do uso da forza e o respecto ao dereito á protesta pacífica como un compromiso centra". "O novo goberno debe facelo cumprir e garantir a transparencia e rendición de contas para evitar a impunidade", engade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.