O acto deste pasado mércores do líder de Vox, Santiago Abascal, na Coruña derivou en altercados e violencia. Primeiro pola mañá, xa na praza de María Pita, con duras cargas policiais e lanzamento de pedras e cadeiras de locais hostaleiros por parte dalgúns manifestantes que participaran na concentración antifascista; e logo á tardiña, con bengalas e petardos ciscados contra axentes por parte dun grupo que formou parte da mobilización para rexeitar a "represión" policial que persoas manifestantes denunciaran horas antes.
A Delegación do Goberno de España defende a actuación policial que colectivos mobilizados, BNG ou Sumar cualifican de "desproporcionada"
Malia as críticas de varios sindicatos e colectivos mobilizados ou do BNG e Sumar —que falaron dunha actuación "desproporcionada" por parte da policía—, o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, defendeuna. "Foi a que tiña que ser", dixo.
Respecto das cargas en María Pita, aclarou en rolda de prensa que os axentes actuaron no momento no que varios manifestantes, finalizado o acto de Vox, non respectaron os requirimentos policiais e comezaron "a lanzar mobiliario urbano e outros obxectos".
Persoas presentes na praza aseguran, no entanto, que os antidisturbios cargaron antes de que se lanzase obxecto ningún, acúsanos de encerrar a xente e denuncian disparos de pelotas e balas de goma a poucos metros e por riba da cintura de varios mozos, ademais dun empurrón a unha persoa discapacitada ou actitude desafiante dalgún axente moito antes da chegada de Santiago Abascal. Tamén que permitiron as provocacións de simpatizantes de Vox, ante as que actuaron tarde.
Pedro Blanco atribúe os disturbios a "uns poucos" pola mañá (fala de entre 300 e 400 encarapuchados) e tamén a un "grupo mínimo" de "radicais e antisistema" que protagonizou "actos vandálicos" tras a protesta convocada —esta sen previo aviso á Subdelegación, aclarou— xa pola tarde.
Logo dunha mobilización á tarde "contra a represión policial", grupos de mozos enfrontáronse á policía tirándolle bengalas e petardos e queimando arredor de 30 contedores
Nesta última, grupos de mozos, unha vez finalizada a concentración, lanzaron bengalas e petardos á policía, que contestou cunha carga policial. Os enfrontamentos derivaron en carreiras por varias rúas do centro da Coruña, a queima de arredor de trinta contedores, a colocación de barricadas nalgunha estrada e importantes danos no mobiliario urbano.
O delegado do Goberno central instou a "expulsar" esas persoas violentas por estragaren unha mobilización pacífica e advertiu de trece policías contusionados —doce á mañá e un á noite— e tres detidos, pero non detallou o número de feridos entre os manifestantes, que se eleva a máis dunha ducia segundo diferentes fontes.
Así o asegura a Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS), un dos grupos que secundou a protesta, que este xoves en rolda de prensa criticou a "brutalidade" da policía, á que acusan de actuar na protesta de pola mañá con "prácticas que exceden as propias normativas". Sinálana por "disparar pelotas a poucos centímetros e á altura das caras", usar "gases en contacto directo coa pel" e golpear coa porra "na cabeza a decenas e decenas de mozos".
A Coordinadora da Mocidade Socialista denuncia a "brutalidade" da policía, á que acusa de disparar pelotas de goma a poucos centímetros ou golpear na cabeza
Así, a CMS culpa o delegado do Goberno e a alcaldesa, Inés Rey, dunha situación "vergoñenta" e "exixe" a súa dimisión, tras asegurar que " a violencia foi xerada polo fascismo e pola brutalidade policial" e denunciar que se "equiparen" os que veñen "promover ideas antidemocráticas" coas "persoas antifascistas que saíron a defender" dereitos. "Vox veu realizar una acto racista e clasista", denuncian, tras difundir varias imaxes das feridas que terían sufrido varios mozos e mozas polas cargas policiais, entre elas graves secuelas nun ollo e múltiples negróns.
Mentres, o delegado do Goberno de España lembraba este xoves que nas dúas mobilizacións do mércores houbo centos de persoas que querían "exercer o seu dereito lexítimo e así o fixeron", pero, lamentou que outra xente "se aproveitase desta concentración para xerar desorde". "E iso cómpre denuncialo e perseguilo", engadiu, tras reiterar a "condena" a unha violencia que “de ningunha maneira podemos consentir nin aceptar”. Tamén chamou a "rebaixar este clima de crispación".
Na súa comparecencia, Pedro Blanco tamén deu detalles sobre o acto de Vox na praza de María Pita, para cuxa convocatoria informou o partido de extrema dereita días antes á Subdelegación do Goberno de España advertindo dunha "mesa informativa" que "quedaba fóra da aplicación do dereito de reunión comunicada" (menos de 21 persoas e punto de información).
Vox comunicou a convocatoria dunha "mesa informativa", que non requiría de aviso previo, pero reclamou medidas para "garantir a seguridade"
Con todo, a ultradereita reclamou medidas para "garantir a seguridade do acto", razón polo que se trasladou esta comunicación á policía, que enviou á zona doce furgóns policiais logo de que Galiza Nova anunciase e comunicase oficialmente a convocatoria dunha mobilización "pacífica" para o mesmo día.
O acto de Vox tornouse finalmente nunha rolda de prensa ante algúns centos de persoas na que Santiago Abascal atacou con dureza o goberno de España e as persoas que se manifestaban a poucos metros, acusándoas de exercer a "coacción" e a "violencia", antes de que ocorrese ningún altercado. Todo entre repetidos berros de "Pedro Sánchez, hijo de puta" por parte de seguidores da ultradereita, algúns deles achegándose logo á concentración antifascista insultando.
Inés Rey: "A violencia dá máis ás a Vox"
Pasadas as horas, as reaccións políticas continúan. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, advertiu de que a violencia "non é o camiño", asegurando que o que se consegue con estes actos "é dar máis ás á ultradereita". Ademais, asegurou tamén que Vox busca "provocar" e que houbo "grupos violentos" que lograron "deslexitimar" unha mobilización que estaba a ser "pacífica".
Xa o mércores, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou "o goberno máis progresista da historia" por mandar "cargar contra miles de galegos e galegas que pacificamente se manifestan en contra do fascismo". "En Galiza, non pasarán", dixo. Mentres, desde o Bloque da Coruña desvinculáronse da queima de contedores, que denunciaron, pero insistiron na "desproporcionada actuación policial". Mentres, Sumar-Fronte Ampla rexeitou que "os altercados minoritarios oculten a mobilización contra o odio".
Ademais, o líder do PP estatal e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "Galicia non é así" e enviou "todo o apoio aos coruñeses e ás forzas e corpos de seguridade de Estado". "Non merecen isto", engadiu.
"Galicia non é así", di Feijóo, que amosou o seu apoio "aos coruñeses" e á policía
Desde o eido sindical, CCOO de Galicia defende "o dereito á manifestacións pacíficas" e "condena calquera forma de violencia, con independencia de quen a exerza, a xustifique ou a ampare". Ademais, pide á Delegación do Goberno "que aclare se houbo un uso desproporcionado da forza" e chama aos movementos sociais "a manifestarse de forma pacífica".
A CIG, pola súa banda, exixiu xa a dimisión do delegado, Pedro Blanco, "ante a violenta represión policial exercida contra manifestantes antifascistas na Coruña".
Por outra banda, Galiza Nova, CIG, Erguer e o BNG convocaron para o vindeiro domingo concentracións nas sete cidades galegas "contra a represión policial".