Milleiros de persoas mobilízaronse este mércores na praza de María Pita, na Coruña, convocados por varias organizacións políticas xuvenís e sindicais "contra o fascismo" e en repulsa á presenza do líder de Vox, Santiago Abascal, nun acto ante a prensa celebrado ao mediodía no que acusou as persoas manifestantes de "extremistas", exercer a "violencia" e a "coacción" e ser "cómplices de Pedro Sánchez".
Unha importante manifestación protestou contra a presenza do líder de Vox nun acto no que acusou a xente mobilizada, obxecto de cargas policiais, de "violencia" e "coacción"
Unha ducia de furgóns policiais, no medio da praza, facían de barreira entre os milleiros de persoas —arredor de 5.000 segundo o Concello— que protestaban nun lado contra a presenza do líder extremista e as arredor dos 300 que asistiron á intervención de Abascal. As forzas de seguridade impediron desde bastante antes da chegada do político a entrada á praza por varias das súas entradas, ademais de cortar o paso á altura dos Cantóns. E houbo cargas policiais do lado da mobilización contra Vox.
Diversos manifestantes resaltan que foron golpeados por axentes que, destacan, principiaron cos empurróns e golpes sen ningunha violencia previa por parte da concorrencia. Os policías, afirman, empregaron contra eles tamén material antidisturbios como balas e pelotas de goma (a moi poucos metros de distancia, como se ve en varios vídeos) ou gas lacrimóxeno. Non só na praza, tamén na súa contorna e sen que houbese risco ningún para o líder ultra.
Actuación policial "desproporcionada"
Eses lanzamentos reproducíronse unha vez concluída a mobilización, nese caso cun reducido grupo de persoas encarapuchadas que, nalgúns casos, guindaron mobiliario dunha terraza hostaleira, ademais de facer voar tamén algún ovo ou mandarina. Finalmente, houbo varios feridos —algún deles moi novo xa que a mobilización foi basicamente estudantil— e polo menos dous detidos. Ao tempo, seguidores de Vox intentaban achegarse á mobilización para provocar, sendo disuadidos por axentes. Tempo despois, varias horas despois do acto, o balbordo seguía por algunhas rúas céntricas da cidade.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a concorrida mobilización pero expresou a súa "rotunda condena" dos altercados. "Foron case 5.000 persoas as concentradas en María Pita, mais a actuación dalgúns violentos derivaron ao final en actos de vandalismo", dixo quen destacou tamén o "dereito e o comportamento cívico de todas aquelas persoas que acudiron á convocatoria para manifestarse pacificamente contra o fascismo".
"Esta cidade sempre foi un bastión antifascista e un muro para os que veñen recortar conquistas sociais", dixera horas antes a rexedora ao ser preguntada pola presenza de Abascal, nunhas declaracións nas que acusou o PP de darlle ás ao partida da extrema dereita. "É o PP o que está disposto a negociar e presentarse conxuntamente no Senado", lembrou.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, lamenta os "actos de vandalismo" de "algúns" nunha mobilización que cifrou en case 5.000 persoas
Pola súa banda, o BNG local cualificou a actuación policial de "absolutamente desproporcionada e sen xustificación fronte a unha mobilización pacífica", ademais de denunciar a agresión a un militante de Galiza Nova por parte dun axente. O Bloque manifestou o seu "orgullo" ao ver á Coruña "erguer a bandeira do antifascismo e a súa total oposición ás políticas do medo, o racismo, a xenofobia, o clasismo e o machismo".
Ademais, o PP da Coruña lamentou a "imaxe de cidade que se transmitiu" e condenou o "intento de boicotear" o acto de Vox. Ás 20 horas, e ante a Subdelegación do Goberno de España, convocouse unha manifestación "contra a represión policial e o fascismo" que xa apoiaron varios colectivos.
Á marxe deses sucesos posteriores á mobilización, a concorrencia convocada por Galiza Nova, a Coordinadora da Mocidade Socialista, o Sindicato de Estudantes, o Sindicato de Inquilinas, os Riazor Blues ou Erguer accedeu á mobilización ao carón do palacio municipal, fronte ao que se xuntaron milleiros de persoas que se reivindicaron como "antifascistas" e protestaron pola presenza do líder de Vox.
Abascal acusou a Sánchez de querer seguir gobernando "de calquera maneira" a través da "compra e roubo de votos, violencia e fraude"
Xa antes da chegada do político e de manifestantes, dous grandes carteis coa bandeira estreleira galega e a proclama Galiza Antifascista foron colocados tras a estatua de María Pita, a poucos metros da pequena carpa onde Abascal ofreceu declaracións aos medios de comunicación. Unha intervención ante os medios para a que o equipo de Vox escolleu a principal praza da Coruña e para a que se acabou situando nun dos seus currunchos e rodeado de axentes antidisturbios e algúns centos de acólitos.
Pancartas de "non pasarán", "fóra fascismo das nosas rúas" ou de "fagamos fronte ao fascismo" contrapuxéronse ás que portaban bandeiras de España e mesmo retratos dun Abascal, recibido ao berro de "presidente". Do outro lado, bandeiras galegas coa estrela, co escudo de Castelao ou da República, que foron mesmo erguidas xuntas desde unha farol, nunha imaxe simbólica.
Na manifestación antifascista destacaba a presenza, na súa inmensa maioría, de xente nova. Mentres, durante a rolda de prensa, Santiago Abascal acusaba o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, de "tirano" e de "querer seguir gobernando de calquera maneira" a través da "compra e roubo de votos, violencia e fraude".
Fíxoo nunha intervención cargada de descualificacións cara ao goberno de España e cara á xente que se manifestaba, a poucos metros, ás súas costas.
"Espiña cravada en Galicia"
"O único que lle queda a Sánchez é a violencia e a coacción", insistiu Abascal, que acusou os manifestantes de ser "cómplices" do presidente do Executivo central e de exercer esa suposta "violencia" e esa presumible "coacción" contra a súa formación. "O seu gran logro é unir todos os extremistas de España", asegurou o líder de Vox, que advertiu que despois do 29N "non haberá quen impida con violencia que a xente poida acudir a unha praza a escoitar".
Tellado manifesta "solidariedade" con Abascal e atribúe "violencia" á manifestación
Abascal asegurou que "Vox disputa un escano coa esquerda pola provincia da Coruña" e que esa representación "é a que queren impedir" os que se manifestan. "Temos unha espiña cravada en Galicia porque aínda non obtivemos representación, pero estou convencido de que iso vai rematar o 29 de novembro", engadiu
De fondo, un cento de persoas insistía en berrar "Viva España" e "Pedro Sánchez, hijo de puta". "Estiveron alegres", respondeu Abascal cando foi inquirido sobre o ruído dos seus seguidores e as protestas de moitos estudantes contra a súa presenza, recriminando varias preguntas a xornalistas, ás que chegou a acusar de "defender a coacción". "Se quere debater comigo e dedicarse á política, fágao, preséntese", espetou.
Tras o acto e a mobilización, o secretario xeral e cabeza de lista do PP ao Congreso pola Coruña, Miguel Tellado, expresou a súa "solidariedade con Santiago Abascal". "Condenamos de forma rotunda os disturbios provocados polos intolerantes na Coruña"; di Tellado, quen advirte de "graves consecuencias" por "axitar as rúas e acirrar o enfrontamento". "O PP sempre actuará con sensatez para que reine a serenidade, o respecto á lei e a paz social", di o número dous de Feijóo, que nestes días negocia as súas candidaturas ao Senado con Vox.