A esquerda 'perde' moito voto que non se converte en escano (pero ultimamente tamén o fai a dereita)

Relación entre a porcentaxe de votos e de escanos acadada pola esquerda en Galicia nas eleccións xerais e votos que en cada cita no se traduciron en representación ©

En 2023 a esquerda, co 50,2% dos votos, ficou co 43% dos representantes. E non foi a primeira vez. A razón está, principalmente, na fragmentación do voto de esquerda e tamén na dificultade para obter representación en Lugo e Ourense

Nas eleccións xerais de xullo de 2023 as formacións de esquerda (PSdeG, Sumar e BNG) obtiveron en Galicia 23 mil votos máis que as de dereita (PP e VOX), unha diferenza de case dous puntos porcentuais que, con todo, non se traduciu nunha maioría de escanos. De feito, o PP fíxose con 13 dos 23 postos en xogo, fronte aos 10 das forzas progresistas (7 do PSdeG-PSOE, 2 de Sumar e 1 do BNG). A esquerda, co 50,2% dos votos, ficou co 43% dos representantes. E non foi a primeira vez.

Dende o ano 1977 vén sendo habitual que as formacións progresistas obteñan unha maior porcentaxe de votos que de escanos. É dicir, que non sexan quen de optimizar o seu resultado electoral para convertelo en máis representantes no Congreso. Esta desproporción entre votos e escanos era máis importante nos anos 70, 80 e 90 e reduciuse nas últimas dúas décadas, pero aínda foi moi importante nos comicios de 2011 e nos de 2023.

Na dereita, que viña concentrando o seu voto no PP, apareceron formacións como Ciudadanos e VOX, que fragmentaron ese espazo. En novembro de 2019 a esquerda mesmo se fixo co 56% dos escanos co 54% dos votos. O nunca visto

A razón está, principalmente, na fragmentación do voto de esquerda (que foi reducíndose co tempo), con moitas formacións que non adoitaban obter escano, e tamén na dificultade para obter representación en Lugo e Ourense, circunscricións nas que, por exemplo, o BNG nunca obtivo un escano. 

En cambio, a dereita concentrou durante moitos anos os seus votos no Partido Popular, que elección tras eleccións obtiña unha maioría en escanos superior á vantaxe que acadaba en votos.

A especial dificultade que as formacións minoritarias teñen para obter representación nas provincias de Lugo e Ourense fai que o prezo dun escano en Galicia sexa historicamente inferior para PP e PSdeG

Nas eleccións celebradas neste século, en cambio, a esquerda comezou a maximizar os seus resultados e entre 2004 e 2019 -coa excepción dos comicios de 2011- o número de escanos acadados correspondeuse coa cifra total de votos obtidos polas forzas progresistas. De feito, en novembro de 2019 a esquerda mesmo se fixo co 56% dos escanos co 54% dos votos. O nunca visto.

A razón foi a fragmentación do voto de dereitas por mor da aparición de candidaturas como UPyD, Ciudadanos ou VOX, que só en contadas ocasións (Ciudadanos dúas veces) foron quen de obter representación en Galicia.

Cantos votos custa un escano no Congreso? Pois depende para quen. A especial dificultade que as formacións minoritarias teñen para obter representación nas provincias de Lugo e Ourense fai que o prezo dun escano en Galicia sexa historicamente inferior para PP e PSdeG (entre 50.000 e 75.000 votos por cada escano) que para o BNG (dende os 90.000 votos por escano en 2011 ata os máis de 153.000 de 2023), Ciudadanos, Galicia en Común ou Sumar.

Esta diferenza entre as formacións con máis apoios e as que obteñen unha cifra menor de sufraxios débese en boa medida aos votos perdidos, aqueles que nunha determinada circunscricións non chegaron ao mínimo necesario para se converter nun escano. Estes votos perdidos penalizaron historicamente máis á esquerda que á dereita, especialmente antes de 1996, momento en que o BNG obtivo representación por primeira vez. En 1993 máis de 200.000 votos progresistas non se traduciron en representación, 125.000 deles do BNG e 75.000 de Esquerda Unida.

A obtención de escanos na Coruña e Pontevedra por parte do BNG e a redución do apoio a EU foron limitando as perdas da esquerda, que case tocaron valores mínimos no ano 2008. Aínda así, neses comicios 78.000 votos progresistas non se traduciron en escano (sobre todo en Lugo e Ourense). Na dereita, en cambio, ata a aparición de UPyD, a práctica totalidade do voto conservador concentrábase no PP e obtiña representación nas catro provincias. 

As eleccións de 2015 mudaron por completo o panorama. En Marea obtivo escanos nas catro provincias e aínda que en 2016 perdeu a súa representación por Ourense, nunca o número de votos progresistas sen representación foi tan baixo. En cambio, na dereita a irrupción de Ciudadanos e VOX elevou o número de sufraxios perdidos na dereita mesmo por riba das cifras da esquerda.

2016 e novembro de 2019 foron os comicios nas que a esquerda maximizou mellor o seu resultado en relación á dereita, debido ao gran número de apoios a Ciudadanos e VOX que ficaron sen representación. En 2023 o PP foi quen de concentrar mellor o voto conservador

As citas electorais de 2016 e novembro de 2019 foron os comicios nas que a esquerda maximizou mellor o seu resultado en relación á dereita, debido ao gran número de apoios a Ciudadanos e VOX que ficaron sen representación. 

En 2023, desaparecido Ciudadanos e con VOX en descenso, o PP foi quen de concentrar mellor o voto conservador, mentres que na esquerda moitos sufraxios ficaron sen premio, sobre todo en Lugo e Ourense, pero tamén os máis de 53 mil votos do BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.