Así votamos nas Xerais en Galicia: máis votos para a esquerda, máis escanos para a dereita

Votos obtidos nas eleccións xerais en Galicia polas principais candidaturas de esquerda e dereita sobre a imaxe dun colexio electoral en Lugo © Montaxe: Praza.gal

As esquerdas veñen obtendo máis votos que as dereitas en case todas as convocatorias xerais. Iso si, esta vantaxe no número de votos recibidos non se traduciu moitas veces na obtención dun maior número de escanos, debido á dispersión do voto progresista e á dificultade para obter representación en Lugo e Ourense

O vindeiro 29 de novembro a cidadanía está chamada de novo ás urnas para elixir os seus representantes nos Congreso dos Deputados e no Senado. Un comicios Xerais que serán os décimo sétimos dende o ano 1977, unha xa ampla lista de convocatorias que nos deixan unha historia electoral cambiante e na que Galicia pasou de ser un couto privado dos partidos consevadores durante a Transición a un territorio no que esquerdas e dereitas obteñen resultados moi parellos, aínda que con dominio das forzas progresistas. Cando menos en votos.

Así, despois de que as eleccións de 1977, 1979 e 1982 deixasen ampla vitorias das dereitas en Galicia (UCD ou AP), dende o ano 1986 as esquerdas veñen obtendo máis votos que as dereitas en case todas as convocatorias xerais. Con tres excepcións: 2000 (cun resultado espectacular do PP de Aznar), 2011 (marcado polo descenso do PSOE no medio da crise) e o 2016 da repetición electoral que lle acabou dando o Goberno a Rajoy.

O resto das convocatorias deixaron vitorias máis ou menos amplas para a esquerda, especialmente no ano 2008 e tamén no 2015 da irrupción de Podemos/EnMarea e nos dous comicios celebrados en 2019. 

Iso si, esta vantaxe no número de votos recibidos non se traduciu moitas veces na obtención dun maior número de escanos, debido á dispersión do voto progresista en dúas, tres, catro e mesmo máis candidaturas. Así, sen chegar ao dominio conservador nas eleccións de 1977 (21 dos 17 escanos en xogo), a dereita vén obtendo en case todas as convocatorias un maior número de escanos en Galicia.

En 2004 por primeira vez as candidaturas de esquerda acadaron o mesmo número de deputados e deputadas que o PP e en 2008 PSdeG e BNG mesmo superaron aos conservadores. Isto repetiuse en 2015 e 2019

Isto foi así entre os anos 1977 e 2000. En 2004 por primeira vez as candidaturas de esquerda acadaron o mesmo número de deputados e deputadas que o PP (12) e en 2008 PSdeG e BNG mesmo superaron aos conservadores (12 a 11 deputados e deputadas). Isto repetiuse nos comicios de 2015 (12 escanos para En Marea e PSdeG, 11 escanos para PP e Ciudadanos), nas eleccións de abril de 2019 (12 escanos para PSdeG e Galicia en Común, 11 para PP e C's) e na repetición electoral de novembro dese ano, na que as forzas de esquerda (PSdeG, GEC e BNG) se fixeron con 13 escanos, fronte aos 10 do PP.

A dispersión do voto progresista prexudicou durante anos a obtención de máis escanos sobre todo nas dúas provincias orientais, nas que por exemplo o BNG nunca puido obter representación e En Marea só o fixo en Lugo en 2015 e 2016 e en Ourense en 2015. Dende o ano 2015 a dispersión do voto comezou a afectar negativamente tamén á dereita, coa irrupción de Ciudadanos e VOX.

En 2023 de novo as forzas progresistas obtiveron en Galicia máis votos que as conservadoras, aínda que a diferenza en favor da esquerda foi mínima, de menos de trinta mil votos. Porén, o PP obtivo 13 dos 23 escanos en xogo

O gráfico anterior, que amosa os escanos obtidos en cada provincia dende 1977, amosa o número relativamente pequeno de formacións que acadaron representación nas eleccións xerais en Galicia. Así, canda a PP (anteriormente AP ou CP), PSdeG-PSOE, BNG e as candidaturas de En Marea-GEC-Sumar, tan só o CDS (1986 e 1989), Coalición Galega (1986) e Ciudadanos (2015 e 2019) obtiveron escanos. No caso de Ciudadanos, ademais, dáse a circunstancia de que nas dúas ocasións os seus representantes practicamente non exerceron como tal, pois en ambos casos as cámaras foron disoltas de inmediato para levar a cabo unha repetición electoral.

 

Os comicios de 2023

Nas últimas eleccións xerais celebradas, as do 23 de xullo de 2023, de novo as forzas progresistas obtiveron en Galicia máis votos que as conservadoras, aínda que a diferenza en favor da esquerda foi mínima, de menos de trinta mil votos. PSdeG e BNG obtiveron máis apoios que en novembro de 2019 (aínda que no caso dos socialistas unha porcentaxe de voto inferior), compensando o descenso experimentado por Sumar en relación ao resultado acadado por Galicia en Común.

Porén, no outro extremo o PP gañou 237 mil votos, en parte chegados dende Ciudadanos, que practicamente despareceu, e VOX, que empeorou amplamente o seu resultado de 2019. En conxunto, as tres dereitas gañaron case 130 mil votos fronte a unha esquerda case estancada (+25 mil) e igualaron o resultado das forzas progresistas.

Fronte a este resultado igualado, o PP fíxose con 13 escanos (gañou tres), fronte aos 10 de PSdeG, Sumar e BNG (os socialistas perderon tres deputados). Mentres que na Coruña e Pontevedra a esquerda dominou (8 a 7), en Lugo e Ourense o PP fíxose con 6 deputados, fronte aos 2 do PSdeG.

En 2023 o PP asentou o seu dominio nas zonas rurais e nos concellos menos poboados pero foi nas vilas -grandes ou pequenas- onde máis incrementou a súa porcentaxe de voto

No derradeiro gráfico pódese consultar o resultado das eleccións de 2023 e de novembro de 2019 en cada concello. En 2023, como é habitual, o PP asentou o seu dominio nas zonas rurais e nos concellos menos poboados, roldando o 56% dos votos nas localidades de menos de 2 mil habitantes e o 53% nos que teñen entre 2 e 5 mil. Nas cidades, en cambio, a súa porcentaxe de voto situouse por debaixo do 40%. A súa mellora foi semellante nas sete urbes (9 puntos máis) e nas localidades de menos tamaño (+8 puntos) e destacou especialmente nas grandes e pequenas vilas, cun aumento duns 12 puntos.

Mentres, o PSdeG acadou unha porcentaxe de voto moi semellante en todos os tipos de concello, entre o 30 e o 34% dos apoios, rexistrando os maiores descensos nas zonas rurais. O PP foi a forza máis votada en todas as cidades, agás Vigo, onde gañou o PSdeG. Os populares melloraron os seus resultados en todas elas, especialmente en Lugo (+13,7 puntos) e A Coruña (+12,4). Os socialistas, en cambio, empeoraron o seu resultado de 2019 en todas as urbes, agás Vigo e Pontevedra, onde aumentaron lixeiramente a súa porcentaxe de voto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.