O voto é secreto e non se pode saber con certeza que votou cada persoa. Porén, a análise dos datos das algo máis de 2.100 seccións censuais existentes en Galicia permiten coñecer información moi importante sobre o perfil dos votantes de cada formación política, comparando os resultados obtidos nesas mesas electorais coas características (idade, renda, taxa de actividade, lugar de nacemento...) das persoas que alí viven. Saber por exemplo en que tipo de lugares -e con que perfil de votantes- obtén o PP o seu mellor resultado, ou onde a esquerda supera o bloque de dereitas.
En Galicia hai dous grandes factores que determinan o voto: a idade e o nivel de renda, aínda que é posiblemente a idade o máis importante ou, cando menos, o que establece fronteiras máis claras
Nas zonas urbanas as seccións correspóndense cun barrio ou cunha agrupacións de rúas dentro de cada barrio, mentres que nos concellos menos poboados en ocasións só existe unha sección censual ou apenas dúas ou tres, agrupando varias parroquias .
En Galicia hai dous grandes factores que determinan o voto: a idade e o nivel de renda, aínda que é posiblemente a idade o máis importante ou, cando menos, o que establece fronteiras máis claras. O voto dos barrios ricos adoitan ser un voto conservador, pero tamén as zonas con menor renda media votan principalmente o PP. Isto débese en boa medida a que estas zonas son maioritariamente rurais e envellecidas (con pensiós de xubilación que adoitan ser baixas).
As seccións censuais cunha maior idade media votaron de forma contundente o PP, que superou o 50% dos votos en case 600 seccións de toda Galicia, máis de unha de cada catro, e case sempre coa característica común de ser zonas envellecidas e maioritariamente rurais
As eleccións do pasado domingo confirman estas tendencias, apuntadas en anteriores convocatorias: as seccións censuais cunha maior idade media votaron de forma contundente o PP, que superou o 50% dos votos en case 600 seccións de toda Galicia, máis de unha de cada catro, e case sempre coa característica común de ser zonas envellecidas e maioritariamente rurais.
Se dividimos as 2.133 seccións censuais en dez grupos, atopamos que no 10% que ten unha maior idade media o PP superou o 56% dos votos, un dato que rolda o 52% no 10% seguinte. O apoio ao PP vai descendendo de forma lineal a medida que as seccións censuais teñen unha poboación máis nova. Nas 213 seccións cunha menor idade media o PP baixou do 38%, un resultado notable, pero moi lonxe da suma de PSdeG (29,8%), Sumar (13,7%) e BNG (10,4%).
A porcentaxe voto ao PSdeG non semella depender da idade media de cada lugar, pois os socialistas manteñen un nivel de apoio moi homoxéneo entre as zonas máis novas e máis envellecidas. En cambio, Sumar acada os seus mellores resultados nos barrios máis novos (case o 14% dos apoios)
A porcentaxe voto ao PSdeG non semella depender en exceso da idade media de cada lugar, pois os socialistas manteñen un nivel de apoio moi homoxéneo entre as zonas máis novas e máis envellecidas. Con todo, si que se observa un dato máis baixo nas seccións de maior idade media (por debaixo do 27%), nas que o PP domina.
En cambio, si que o voto a Sumar semella estar moi ligado á idade dos e das votantes, pois a formación acada os seus mellores resultados nos barrios máis novos (case o 14% dos apoios) e o seu dato vai descendendo a medida que aumenta a idade media, ata ficar no 4% nas seccións máis envellecidas e rurais.
No BNG tamén se observa esa tendencia, pero menos acentuada (móvese entre o 10,4 e o 7,3%), o mesmo que con VOX, que tamén obtén o seu mellor resultado nos barrios máis novos (5,58%).
Nas seccions na que a poboación maior de 65 anos non chega ao 10%, o PP baixa do 35% e case é igualado polo PSdeG (29,4%)
Este segundo gráfico ofrece unha información semellante, a través neste caso da porcentaxe de poboación de máis de 65 anos que reside en cada sección. Nas seccions na que a poboación maior de 65 anos non chega ao 10% (apenas 35 en toda Galicia, distiribuídas entre barrios de Vigo, A Coruña, Santiago ou Ourense, pero tamén de Ames, Teo, Salceda de Caselas, Cambre, Ponteareas, Oroso ou Narón), o PP baixa do 35% e case é igualado polo PSdeG (29,4%). Sumar obtén neles o seu mellor resultado (16,7%), o mesmo que o BNG (10,9%).
Nos lugares onde a renda da poboación depende máis dos salarios (e menos das pensións), o nivel de voto do PP é menor e sube o da esquerda, especialmente o de Sumar, pero tamén o do BNG
Podemos ver datos semellantes, aínda que expresados doutro xeito, neste gráfico, que amosa o nivel de apoio dos partidos en función do peso que nun lugar teñen os salarios na renda total percibida, en contraposición con outras achegas (principalmente pensións e outras prestacións). Nos lugares onde a renda da poboación depende máis dos salarios, o nivel de voto do PP é menor e sube o da esquerda, especialmente o de Sumar, pero tamén o do BNG. En calquera caso, estes datos teñen que ver principalmente coa idade media de cada lugar: onde hai poboación máis nova cóbranse máis salarios e menos pensións.
Finalmente, este gráfico de regresión lineal amosa a porcentaxe de voto obtida polo PP en todas as seccións galegas e compara o dato coa idade media de cada unha delas. A relación entre maior voto ao PP e maior idade media é evidente, como amosa a liña de tendencia.
O voto en función da renda
O PP obtén máis do 45% no primeiro terzo de seccións con menor renda media. Despois, o nivel de apoio ao PP vai descendendo. Pero no derradeiro 10% todo cambia
E que pasa coa renda? Votan as zonas ricas ao PP e as máis pobres á esquerda, como cabería agardar? Pois si e non. En Galicia, ao igual que noutros territorios do Estado, como Andalucía, as seccións censuais máis pobres atópanse nas zonas rurais, que son ademais as máis envellecidas. As seccións con maior renda media localízanse principalmente nos centros das cidades e de zonas residenciais das súas contornas, pero o fenómenos de barrios populares nas zonas urbanas con baixo nivel de renda é menos importante que noutras comunidades autónomas, como Madrid ou Catalunya.
O seguinte gráfico, que de novo amosa a porcentaxe de voto obtida por cada forza política nas seccións censuais divididas en dez grupos (neste caso en función da súa renda neta media por persoa), indica dúas cousas aparentemente contraditorias: que o PP obtén os seus mellores resultados nas zonas con menor renda, pero tamén nas máis ricas.
En efecto, nas seccións con menor renda (situadas, por exemplo na Lama, Avión, Boborás, pero tamén en zonas deprimidas de Ferrol, Pontevedra ou Carballo) o PP obtén máis do 46% dos votos. En xeral, os populares mantéñense por riba do 45% no primeiro terzo de seccións con menor renda media. Despois, o nivel de apoio ao PP vai descendendo a medida que as seccións teñen progresivamente máis renda. Pero no derradeiro 10% todo cambia.
Nas 213 seccións con máis renda, o voto ao PP volve dispararse por riba do 45% e o da esquerda cae de forma abrupta, mentres que tamén medra o de VOX
Nesas 213 seccións con máis renda (situadas no centro da Coruña, de Vigo, de Ourense, de Santiago ou de Lugo, pero tamén de Oleiros ou Teo), o voto ao PP volve dispararse por riba do 45% e o da esquerda cae de forma abrupta, mentres que tamén medra o de VOX.
O voto a PSdeG e, especialemente, a Sumar, é menor nas seccións con menor renda (máis envellecidas e rurais), mentres que o apoio ao BNG mantense estable.
Nas zonas cunha renda neta media superior a 20.000 euros anuais o PP supera o 55%. En cambio, nelas o PSdeG apenas recibe o 21,5% dos votos, Sumar o 9,5% e o BNG o 6,4%. VOX, en cambio, obtén nestas zonas o seu mellor resultado en Galicia, o 5,5%
Podemos velo de forma máis clara neste outro gráfico, que amosa a porcentaxe de voto obtida por cada forza política en función dos niveis de renda de cada sección. Nas zonas cunha renda neta media superior a 20.000 euros anuais (apenas 31 en toda Galicia) o PP supera o 55%, acadando o 60% en moitas delas. En cambio, nelas o PSdeG apenas recibe o 21,5% dos votos, Sumar o 9,5% e o BNG o 6,4%. VOX, en cambio, obtén nestas zonas o seu mellor resultado en Galicia, o 5,5%.
De feito, na sección cunha maior renda media, situada no centro da Coruña, a ultradereita é a segunda forza e supera o 8,4% (e o PP acada o 56%), mentres que PSdeG (18%), Sumar (8%) e BNG (8%) non chegan ao 35% dos apoios.
Este derradeiro gráfico de regresión amosa a relación entre o apoio ao PP e o nivel de renda dunha sección, indicando que a partir dos 15.000 euros de renda media si existe unha clara relación directa entre o nivel de riqueza media dun barrio e a porcentaxe de voto do Partido Popular.