Pedro Sánchez opta a seguir gobernando con pactos coa esquerda e o soberanismo malia ao primeiro posto do PP

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, votando este 23X, e distribución do novo Congreso dos Deputados CC-BY-NC-SA Fotos: PSOE e PP | Montaxe: Praza.gal

Contra case todos os prognósticos (agás o do Centro de Investigacións Sociolóxicas), malia a fortísimo medre dun PP que acada a primeira posición e nun escenario axustadísimo, Pedro Sánchez volveuno facer. Os resultados das eleccións xerais deste 23 de xullo sitúan o PSOE en condicións de volver tentar a investidura do seu secretario xeral como presidente do Goberno de España, aínda que nun contexto aínda máis complexo que o de hai catro anos. [Pedro Sánchez celebra a "derrota do bloque involucionista" e que son "máis os que queren que España avance"]

A suma das dereitas queda cando menos cinco escanos por baixo da absoluta e sen posibilidades de tender pontes con outras forzas por mor da dependencia de Vox

Enfronte do dende este 24 de xullo presidente en funcións está un PP que debutaba co ex-presidente galego Alberto Núñez Feijóo e que, en ausencia de Ciudadanos, dispárase en case medio cento de escanos. Son, en total, 136 os conseguidos populares, que sumados aos 33 de Vox -que perde 19- e, potencialmente, aos conseguidos por UPN e Coalición Canaria (cadanseus representante) quedan en 171. Isto é, cinco por baixo do limiar da maioría absoluta e sen posibilidades de tender pontes con outras forzas por mor da dependencia da extrema dereita. Feijóo, non obstante e tal, aférrase ao previsible argumento de que debe formar goberno quen "gaña", en referencia á primeira posición en votos e escanos.

Máis lonxe de atravesaren en solitario ese limiar están os socios do actual Goberno de España, pero teñen máis alianzas potenciais. Tras un resultado que, afastado dun devalo, supón para o PSOE dous escanos e case catro puntos máis que hai catro anos, os 122 votos socialistas do novo Congreso poderían dar soporte a un Executivo que tamén tería da súa banda 31 escanos de Sumar, a formación que lidera Yolanda Díaz. En total, 153 que fan imprescindibles os acordos coas forzas soberanistas vascas e catalás e mesmo co BNG malia lograr un único escano, o de Néstor Rego pola Coruña.

A correlación de forzas dun eventual duelo de investiduras entre Feijóo e Sánchez estaría nun apertadísimo 172 fronte a 171 que dependería dunha, a priori, complexa abstención de Junts

O total de votos da esquerda e do soberanismo que apoiou a Sánchez nalgún punto do anterior mandato suman 172 escanos no novo Congreso. Iso inclúe aos considerados socios habituais do Goberno do PSOE e UP na lexislatura que vén de rematar, ERC (7), PNV (5) e Bildu (6) e tamén o escano do BNG

Deste xeito, a correlación de forzas dun eventual duelo de investiduras entre Feijóo e Sánchez estaría nun apertadísimo 172 fronte a 171 a prol do socialista, que dependería dunha eventual -e a priori, complexa- abstención da dereita soberanista catalá de Junts per Catalunya e os seus 7 escanos.

Este escrutinio provisional dá lugar a un panorama que, en termos de porcentaxe de votos válidos, é de práctico empate técnico na primeira posición entre PP e PSOE, con apenas un punto de diferenza entre ambos á espera do reconto do voto exterior -estas xerais son as primeiras dende a eliminación do sufraxio rogado-. Ese escenario de práctico empate técnico rexístrase tamén entre a terceira e cuarta forza a nivel estatal, Vox e Sumar, ambos na contorna do 12% dos votos.

Absoluta do PP no Senado

Se, finalmente, Pedro Sánchez logra a investidura e fiar un novo Goberno da esquerda mediante alianzas co soberanismo, eses novo Executivo terá máis complicada a aritmética parlamentaria do Congreso e, asemade, o Senado en contra. A Cámara Alta, en cuxa composición rexe o sistema maioritario, estará controlada polo PP con maioría absoluta. Os 116 escanos logrados este 23X permitiranlles -máis aínda cos senadores e senadoras por designación autonómica- demorar a aprobación de leis e lanzar iniciativas como comisións de investigacións contra o Goberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.