"Había xente moi preocupada e creo que hoxe a xente vai durmir máis tranquila. A democracia gañou e a democracia sae fortalecida. Gañamos. Hoxe temos un país mellor", resumiu Yolanda Díaz, candidata á presidencia do Goberno de España por Sumar, ao valorar os resultados das eleccións xerais.
Para a vicepresidenta do Executivo central, a campaña logrou "mudar o guión" que tiña o PP. "Fixemos posible cambiar a vida da xente para un país mellor; o guión escribírono democraticamente as españolas e os españois", dixo.
Ademais, Díaz avanzou que a partir deste luns manterá diálogo con todas as "forzas progresistas e democráticas" do país para garantir un goberno alternativo á dereita. "A esperanza venceu o medo (...). Hoxe España e Europa respiran mellor", manifestou nunha comparecencia na que proclamou que o bloque progresista gañou ao da dereita.
Díaz avanza que desde este luns dialogará con todas as "forzas progresistas e democráticas" para garantir un goberno alternativo á dereita
Acompañada dos principais dirixentes dos partidos que conforman a coalición, aos que deu as grazas, prometeu que "van gobernar mellor" na seguinte lexislatura, gañando dereitos para a cidadanía.
Durante a súa intervención, rememorou que xa dixeron na campaña que a dereita ía cun "relato" de que ían a gañar as eleccións e precisamente Sumar cambiou ese guión e fixo posible cambiar a vida da xente.
Sumar Galicia advirte que asistimos "ao inicio da derrota dos herdeiros de Feijóo" e reivindica ser a terceira forza no país
Desde Galicia, Sumar reivindicou o resultado da "terceira forza" no país e deu por "derrotado" a Feijóo. A súa número un e candidata pola Coruña, Marta Lois, dixo que asistíamos "ao inicio da derrota dos herdeiros de Feijóo".
Lois destacou que Sumar mantivo os dous escanos logrados por En Común Galicia en 2019 e advertiu de que a súa formación "vai ser determinante para o futuro goberno". Pola súa banda, Verónica Martínez Barbero, número un por Pontevedra, destacou que "España derrotou a Feijóo" e que as urnas deixaron claro que "ninguén quere volver 50 anos atrás". "Galicia hoxe respira mellor, España Respira mellor e Europa, grazas a nós, respira mellor", rematou.