Os populares pasan de 10 a 13 escanos grazas a subas na Coruña, Lugo e Ourense a conta do PSOE, que queda con 7, mentres Sumar revalida os dous escanos pola Coruña e Pontevedra que tiña Unidas Podemos e o BNG mantén o da Coruña
O PP volveu ser a forza máis votada en Galicia este 23X, con algo menos do 44% dos votos totais, un notable aumento a respecto do 32% obtido hai catro anos que lle permite incrementar o número de escanos de 10 a 13, dos 23 totais que se xogaban no país. Porén, fronte a ese dominio sobre a esquerda en escanos, xa que esta pasou de ter 13 a quedar con 10, a suma de votos de PSdeG, Sumar e BNG supera lixeiramente o 50% do total de sufraxios emitidos.
Estes resultados das xerais en Galicia, cun candidato no PP como Feijóo que apelou precisamente á súa orixe para facer do país un dos seus principais celeiros de votos, prodúcense despois de que a esquerda volvese obter o groso do poder nas principais institucións locais nas municipais do pasado 28 de maio. Unha situación que abre todo tipo de expectativas de cara aos comicios autonómicos que se deben celebrar no momento en que o presidente Rueda elixa ao longo de como moito o próximo ano.
O PP logra aumentar nestas xerais os seus escanos en Galicia grazas a subas na Coruña, Lugo e Ourense a conta do PSdeG, que resistiu mellor en Pontevedra. Mentres, as outras dúas formacións de esquerdas repetiron os seus resultados de hai catro anos no que a escanos se refire, con dous para Sumar (os mesmos que tiña Unidas Podemos, na Coruña e Pontevedra) e un para o BNG (na Coruña).
Tradicionalmente o PP (e antes UCD e AP) fora sempre a forza máis votada en Galicia nunhas eleccións xerais, situación que só se viu alterada nas primeiras xerais de 2019, as de abril, cando por primeira vez o PSdeG quedou por diante. Medio ano máis tarde, nas xerais repetidas de novembro, o PP volveu gañar pero cunha situación de práctico empate. Porén, a esquerda foi quen de sumar máis votos en cinco das sete últimas xerais, e así volveu ocorrer desta volta.
O PP non lograría acadar o conxunto de votos de PSdeG, Sumar e BNG nin engadindo os sufraxios de VOX, que volveu quedar sen representación en Galicia e por baixo do 5% dos votos totais.
Onde si obtivo o PP un dominio esmagador, grazas ao sistema de elección, foi no Senado, onde logrou tres senadores en cada provincia por só un do PSdeG en cada circunscrición. Isto é, os populares fanse con 12 senadores por 4 dos socialistas, aos que hai que engadir os de designación do Parlamento de Galicia, actualmente dous do PP e un do PSOE pero de agora en diante, dous populares e 1 do BNG.