O PP consolida o seu dominio da dereita con Ciudadanos incapaz de manter os edís que obtivera en 2019 en varias cidades e vilas e cunha soa concelleira en Avión para a formación de Abascal
En Galicia o 28M deixa un panorama de resistencia da esquerda fronte ao ascenso da dereita, pero tamén reconfiguracións dentro deses bloques. Se na esquerda medra o BNG en detrimento das mareas locais, na dereita consolídase o dominio do PP, que aglutina votos tanto do centro como da extrema dereita, como confirman a desaparición de Ciudadanos e o único concelleiro que obtivo Vox.
En 2019 Ciudadanos saíu das eleccións xerais de abril daquel ano como terceira forza política, con 57 escanos, pisando os talóns dos 66 do PP, e o seu daquela líder, Albert Rivera, estivo ás portas de ser vicepresidente do Goberno de España. Un mes máis tarde, nas municipais de maio, a formación laranxa lograba entrar en múltiples corporacións municipais, tamén en Galicia, onde logrou edís con maior ou menor capacidade de influencia na Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, Sanxenxo ou Ames.
Pero nas xerais repetidas de novembro de 2019 Rivera afundiuse ata os 10 escanos para despois deixar a política, iniciando así o esfarelamento da formación. Algo que confirmaron estes comicios locais en todo o Estado e especialmente en Galicia, onde Ciudadanos non logrou escano en ningún concello. No resto de España a formación laranxa unicamente 300.000 votos, moi lonxe dos 4,15 millóns de votos obtidos nas xerais de 2019.
Malia non obter representación nas cidades, Vox logra 4.500 votos na Coruña, 3.500 en Vigo, 1.600 en Santiago, 1.400 en Pontevedra e arredor de mil en Ourense, Lugo ou Ferrol
Pola súa banda, na extrema dereita Vox tampouco calla en Galicia. Se hai catro anos, cando desembarcou con forza en concellos de toda España, non logrou ningún escano, desta volta só obtén un dos nove que se elixían en Avión, onde seguirá gobernando o PP e onde 176 votos supuxeron para a formación de Abascal o 18% do total. Iso si, sen obter representación na Coruña logra 4.500 votos, en Vigo 3.500, en Santiago 1.600, en Pontevedra 1.400 e arredor de mil en Ourense, Lugo ou Ferrol.
No conxunto de España a formación de extrema dereita logra 1,6 millóns de votos, o 7% do total, e resultará fundamental en moitos concellos e mesmo comunidades para que o PP de Feijóo logre gobernar alí onde non obtivo maioría absoluta.