O xulgado estima o recurso da Marea Atlántica contra o nomeamento da ex-edil de Ciudadanos como membro do goberno local
A Xustiza anula o nomeamento da ex-concelleira de Ciudadanos Mónica Martínez como membro do goberno local na Coruña.
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 da Coruña vén de estimar o recurso da edil e portavoz do grupo da Marea Atlántica fronte á resolución da Alcaldía, de decembro de 2020, por nomear unha concelleira como “membro da Xunta de Goberno Local” e como “responsable da área de Goberno de Deportes”.
Na sentenza, a xuíza considera que “as resolucións recorridas vulneran o disposto no artigo 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local, pois supoñen que a concelleira non adscrita asume novos cargos económicos con incremento das súas retribucións, polo que procede a declarar a nulidade das mesmas” e indica que o Concello da Coruña debe “cuantificar as cantidades percibidas como consecuencia dos devanditos acordos, que deberán ser reintegradas ao Concello cos intereses correspondentes”.
A resolución, contra a que cabe recurso de apelación, indica xa que logo que Martinez deberá reintegrar as cantidaes que cobrou como responsablñe de Deportes.
En xuño de 2020, e logo de presentarse ás eleccións por Ciudadanos e obter a acta de edil, Mónica Martínez deuse de baixa no partido laranxa, malia que a formación a instara a abandonar o seu cargo. Aos poucos meses, en setembro, incorporouse ao goberno local socialista como concelleira de Deportes, aínda que continúa adherida ao Grupo Mixto dopleno municipal.
Xa en outubro, a Marea Atlántica presentou un recurso de reposición no Concello e esixiu o cesamento da edil. Agora a Xustiza dálle a razón á formación municipalista, que cualificou de "tránsfuga" a Martínez e que advertira de que o seu nomeamento como responsable de Deportes era contrario á Lei de Bases de Réxime Local e ao Pacto Antitransfuguismo.
"O transfuguismo é unha estafa a milleiros de persoas que votaron unha candidatura e logo observan como rouban os seus votos e quedan sen representación", dicía a Marea ao anunciar a presentación do recurso contencioso-administrativo. Tanto Mónica Martínez como o goberno local defenderon sempre que non había causa.
Agora, a Marea aclara que agardará a estudar a sentenza para facer valorar a situación, pero adianta que a Xustiza "deulles a razón". "O nomeamento dunha tránsfuga como concelleira de goberno é ilegal", din.
Desde o BNG, pola súa banda, manifestarón a súa "perplexidade política pola situación que se está a dar no Concello da Coruña onde PSOE e Marea Atlántica desenvolven unha política de acordos, excluínte, sen contar co resto dos grupos da Corporación, ao tempo que dirimen as súas diferenzas nos tribunais".