A implantación local de Ciudadanos e de Vox segue a ser escasa, moi pequena, en Galicia. Malia o medre e papel clave que a súa representación lles dá na maioría de autonomías tras os resultados do 26M, a súa presenza no país continúa sendo cativa e pouco importante.
Ciudadanos só obtén peores resultados municipais que os de Galicia en Euskadi; Catalunya e o País Vasco, únicos territorios con resultados peores para Vox
No caso do partido laranxa, só en Euskadi obtén uns números peores. En canto a Vox, son Catalunya e o País Vasco os únicos territorios onde empeora os resultados galegos, que tamén son dos máis baixos para ambas formacións nas eleccións europeas. As chamadas nacionalidades históricas seguen a ser a gran traba para dúas opcións de claro discurso centralista, tanto no político como no que ten que ver coa cultura e lingua propias.
Advertiuno mesmo Feijóo o pasado luns ao analizar o resultado das eleccións antes do comité nacional do PP en Madrid. Asegurou que unha das cousas das que estaba "máis satisfeito" era de que "Vox fose un partido absolutamente testemuñal en Galicia" tras o 26M e que Ciudadanos tamén o fose "nas eleccións municipais".
Así, a extrema dereita segue a ser residual en Galicia, onde non só non calla senón que obtén os peores resultados do Estado xunto aos de Euskadi e Catalunya. A insignificancia de Vox no país foi clara xa nas eleccións xerais, pero tamén desta vez nas europeas e nas municipais.
Nos comicios locais, Vox non obtivo representante ningún e sumou un total de 9.575 votos nas 13 localidades onde presentou candidatura, o 0,6% do total de sufraxios. Nas europeas, superou os 37.000 votos en Galicia, obtendo o 2,6% dos votos, un apoio que só foi menor no País Vasco (1,2%) e Catalunya (2%).
Vox non obtivo ningún representante nas eleccións municipais en Galicia, onde sumou o 0,6% dos votos; nas europeas, acadou o 2,6%, cun apoio que só foi menor en Euskadi e Catalunya
Xa que logo, Galicia inclúese no pequeno grupo de comunidades autónomas onde a extrema dereita non ten representante en institución ningunha: nin nos concellos, nin nas deputacións, nin no Parlamento autonómico. Tampouco achegou escanos ao grupo ultra no Congreso o 28A. É o mesmo panorama que afronta en Euskadi, Canarias e Navarra.
Vox presentou candidaturas nas sete cidades galegas, ademais de noutras seis localidades. Só superou o 3% en Baiona, onde obtivo 279 votos e un apoio do 4%, e non superou o 2,5% en ningún outro sitio. Conseguiu 350 votos en Ferrol (1%), máis de 2.600 na Coruña (2,1%), case 600 en Santiago (1,1%), máis de 1.000 en Pontevedra (2,47%), máis de 700 en Ourense (1,3%), case 2.000 en Vigo (1,3%) e 980 en Lugo (2%). Ademais, obtivo 68 votos en Burela, 155 en Verín, 444 en Vilagarcía e 200 en Sada.
Nas outras nacionalidades históricas, Euskadi e Catalunya, Vox presentou candidaturas en 25 e 45 localidades respectivamente, non obtendo tampouco ningún concelleiro, ao igual que lle ocorreu en Navarra e Canarias. No conxunto do Estado, sumou 528 edís, con importantes apoios en Andalucía, onde conseguiu máis dun cento, ou Madrid, onde sumou case o 8% dos votos e 140 escanos. En Murcia, ademais, apañou máis do 7% dos votos e 35 concelleiros. Tamén 11 representantes en Asturias, 17 nas Illes Balears, 74 en Castilla-La Mancha ou 64 en Castilla y León.
Vox superou o 5% de voto nas europeas en todas as autonomías agás en Catalunya, Euskadi, Galicia, Canarias e Navarra
En canto ás eleccións europeas, o apoio á candidatura de extrema dereita superou o 5% en todas as comunidades autónomas agás nas nacionalidades históricas, Canarias (3,3%) e Navarra (4,2%). Pola contra, a porcentaxe acadada por Vox foi especialmente importante en Ceuta (20,6%) e Melilla (10,7%), pero tamén en Murcia (11,1%), Madrid (9,9%), Castilla-La Mancha (8,2%) Aragón (7,9%) ou Andalucía (7,6%).
No conxunto do Estado, Vox obtivo o 6,2% dos votos, 3,6 puntos máis que en Galicia. Foron uns 50.000 votos no país menos nas xerais de hai un mes, onde a ultradereita apañara máis de 86.000 votos e superara o 5% de apoio, sendo tamén un dos territorios onde a irrupción da extrema dereita foi menos importante.
País Vasco e Galicia, os peores territorios para Ciudadanos
Ciudadanos tamén sufriu nestes comicios as consecuencias da súa escasa implantación e raizame social na maioría de localidaes galegas. Malia que nas pasadas xerais obtivo dous escanos e o 11,2% dos votos, nos comicios locais do pasado domingo quedou no 1,9% e menos de 30.000 votos que, no entanto, outorgáronlle 33 concelleiros e un deputado que pode ser clave para o futuro da Deputación de Ourense. Ademais, aumentou nun punto os resultados das anteriores municipais, pero quedando aínda lonxe dos obtidos noutros territorios.
Ciudadanos non chegou ao 2% dos votos nas eleccións municipais en Galicia pero obtivo 33 concelleiros; só en Euskadi obtivo menos apoio
Os resultados da formación laranxa só foron peores nunha autonomía, o País Vasco, onde sumou o 1% dos votos e non obtivo concelleiro ningún, perdendo o único que tiña. No resto de autonomías, supera o 5% en todas elas, agás nas Canarias, onde queda preto ao chegar ao 4,7%.
En Galicia, Ciudadanos debutará no pleno da Coruña e no de Ourense, ademais de manter a representación en Pontevedra e Lugo e tras perder a edil que tiña en Ferrol. Con todo, é no rural e nas pequenas localidades onde segue sen ter forza.
Nas europeas, o seu resultado en Galicia tampouco foi moito mellor. Obtivo a metade do apoio có conseguido a nivel estatal (6,7% fronte ao 12,2% de media en España) e só no País Vasco tivo peores resultados (2,7%). No caso dos comicios á Eurocámara, superou o 7% en todos os territorios, chegando mesmo a alcanzar o 18,2% en Madrid ou o 14% en Cantabria e Murcia.