O PSdeG gañou con claridade as eleccións en Galicia. A polarización, a chamada ao voto útil e a alta participación favoreceron os socialistas, cuxos resultados alargan o espazo progresista no país, que suma un 53,44% dos votos, case dez puntos máis que as dereitas e a ultradereita (PP, Ciudadanos e Vox).
O espazo progresista en Galicia suma un 53,44% dos votos, case dez puntos máis que as dereitas e a ultradereita
O PSOE lidera agora con claridade o bloque de progreso no país, pero non só a costa do espazo á súa esquerda, que perde apoio pero que se ve sobre todo lastrado pola súa fragmentación, senón tamén dos votos que acada da abstención e mesmo do PP.
Así se tira de analizarmos os datos destes bloques. O espazo á esquerda do PSdeG, formado desta vez por En Común-Unidas Podemos, BNG e En Marea, suma case 350.000 votos nestas eleccións xerais (348.282). Son uns 40.000 menos que nos comicios ao Congreso de 2016 e que nas eleccións galegas de setembro dese mesmo ano. E baixa algo menos de catro puntos respecto a daquela pero perde tres escanos.
Daquela, a confluencia baixo o nome de En Marea presentárase unida e coa inclusión da póla nacionalista de Anova, que non concorreu desta vez. Nas xerais de hai tres anos, sumara cinco escanos e 347.542 votos, uns 110.000 máis que desta vez, xa baixo a denominación de En Común, sen a formación fundada por Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega e sen o partido liderado por Luís Villares, que quedou co nome orixinal do espazo pero con escasos votos.
O espazo á esquerda do PSOE (En Común, BNG e En Marea) sumou nestas xerais case 350.000 votos, uns 40.000 menos que hai tres anos
En Marea mantivo a marca e apañou menos de 18.000 sufraxios e o 1% dos votos neste domingo. Foi a sétima formación política en Galicia e nas circunscricións máis poboadas, A Coruña e Pontevedra, mesmo baixou un posto ao verse superada polos animalistas de PACMA. Obviamente, non sumou escano ningún.
Tampouco o BNG, malia que dobra os seus resultados respecto das últimas xerais, ao pasar dos pouco máis de 45.000 aos case 94.000 desta vez: uns 50.000 apoios máis que non foron dabondo para sumar o desexado escano. Entre En Marea e o Bloque suman 112.000 votos que non obtiveron representación ningunha nas Cortes. Os 37.000 de En Común en Ourense e Lugo, tampouco.
O BNG dobrou resultados e subiu uns 50.000 votos até alcanzar os 94.000, aínda que non deu sumado escano; En Marea obtivo apenas o 1% e uns 18.000 votos
Xa que logo, o espazo á esquerda do PSOE pasa en Galicia de representar o 25% nas eleccións xerais de 2016 ao 21,3% das deste domingo, mentres que nas últimas autonómicas chegara a superar o 27% de apoio nunha cita habitualmente con menos participación. Nos comicios estatais de 2015 roldara o 30%.
O efecto Sánchez levou o PSdeG a incrementar en máis de 175.000 en tres anos o número de votos e en gañar catro escanos máis no país, no mesmo onde os partidos á súa esquerda perderon 40.000 sufraxios e deixaron polo camiño tres representantes. Ambos espazos xuntos (PSdeG, En Común, En Marea e BNG) suman 873.126 votos en Galicia fronte aos 716.366 de PP, Ciudadanos e Vox. 156.760 máis a prol do progresismo.