O PP perde por primeira vez unhas eleccións en Galicia

Gonzalo Caballero, xunto a Pedro Sánchez nunha foto de arquivo © PSOE

A esquerda gaña as eleccións xerais en Galicia e o PSdeG supera por primeira vez nuns comicios ao PP, que acada o seu peor resultado no país. Os socialistas son os máis votados no Estado e tamén a nivel galego, neste caso por primeira vez. A fragmentación na dereita golpeou a habitual fortaleza do PPdeG, que suma nove escanos e non alcanza os dez, cifra que fora o seu peor resultado histórico. É a primeira derrota do Partido Popular a nivel autonómico desde que se denomina así. Nunca desde 1989 a formación conservadora non acadara o primeiro posto nuns comicios galegos.

O PP perde por primeira vez unhas eleccións en Galicia, onde a esquerda é maioritaria

O PSdeG vence con máis do 32% dos votos, dez puntos máis que hai tres anos, e suma dez escanos en Galicia, recollendo votos de ambas beiras e aproveitándose tamén da división no espazo á súa esquerda, pero sobre todo da apelación ao voto útil. En Común-Unidas Podemos obtén dous representantes, un pola Coruña e outro por Pontevedra, mentres que En Marea sae moi tocada, con apenas o 1% dos votos, resultado moi achegado ao obtido polo PACMA. O BNG, pola súa banda, dobrou os seus apoios respecto das xerais de 2016 pero non deu conseguido representación tras quedar preto do 6% de apoio.

Na dereita, Ciudadanos irrompe tamén no escenario galego das xerais con dous escanos, pola Coruña e por Pontevedra e máis do 11%, mentres que a extrema dereita de Vox, malia sumar un importante apoio, non obtén representación tras obter máis do 5% de votos e uns 86.000 sufraxios que optaron por unha formación ultra. 

En 2016, cando Feijóo foi preguntado polos resultados das eleccións xerais, asegurara que daquela foran dos que lle gusta ter ao PP, “por riba do 40%”. Agora, case tres anos despois, quedou por debaixo do 28% e superado polo PSOE. Nin en Galicia, tradicional feudo popular, aguantaron os populares. Por primeira vez desde que existe, o Partido Popular non é a primeira forza electoral no país.

O PPdeG perde máis de trece puntos de apoio e queda por baixo do 28%

O PPdeG, respecto a 2016, perdeu máis de trece puntos en Galicia, mentres que Ciudadanos medrou dous e Vox irrompeu con máis dun 5%. O bloque da dereita recomponse, baixa en apoio e a esquerda imponse liderada polo PSOE, que gaña dez puntos en tres anos. O espazo progresista suma máis do 53% dos votos.

Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, destacou que "a mobilización masiva permitiu un novo tempo político" e que "por primeira vez na historía democrática do país" o socialismo gañou as eleccións en Galicia "de forma clara e contundente". "Pecha o ciclo político do PP como primeira forza do país", engadiu. 

O antigo espazo de En Marea sofre a fragmentación: En Común queda con dous escanos e o partido liderado por Villares consegue un 1% dos votos en Galicia

O espazo de En Marea, que abranguía as Unidos Podemos, as mareas ou Esquerda Unida, sofre a fragmentación. En Común obtén dous escanos e queda no 14,5% dos votos, fronte aos cinco que conseguira a antiga coalición de En Marea en 2016. O partido homónimo, liderado polo portavoz parlamentario Luís Villares, foi o gran derrotado: supera por pouco o 1% e consegue só uns 18.000 votos.

Yolanda Díaz, reelixida deputada, amosou a súa "enorme satisfacción" pola "derrota do bloque da dereita" e advertiu ao PSOE de que "cumpra co mandato da cidadanía" para que así sexa. Ademais, fixo un "chamado" tamén ao PSdeG e ao seu líder, Gonzalo Caballero, e asegurou que este domingo "é a pista de saída para gobernar a Xunta de Galicia e derrotar a Feijóo"

O BNG dobra resultados pero non acada escano

Desde En Marea, Villares recoñeceu estar "insatisfeito", tras asegurar que "toca reflexionar". Culpou dos malos resultados á "polarización do voto", á "clave estatal" dos comicios e á "excepcionalidade" dunhas eleccións nunha "mobilización polo medo". "A xente que decidiu concentrar o voto no PSOE é a mesma que apoiou o proxecto político de En Marea antes; foi unha situación de emerxencia na que se optou por unha solución de emerxencia", dixo. 

Ademais, por primeira vez en moitos anos, o nacionalismo galego non terá represenante ningún no Congreso. Na anterior lexislatura, Anova colocara dous representantes na coalición de En Marea. Desta vez, o BNG multiplicou por dous o apoio pero a mellora non foi dabondo para que sumase o ansiado escano. Obtivo case 94.000 votos. 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, destacou que a súa formación lograse "duplicar" votos nun "contexto difícil". Ademais, recoñeceu que o obxectivo "difícil" non se consegiu e culpou dos resultados "á polarizaicón, á chamada ao voto útil e á fragmentación en Galicia". Ademais, asegurou que o Bloque está "en remontada" e que será "determinante para poñer fin ao decenio negro de Feijóo e fin á hexemonía do PP" no país

O espazo á esquerda do PSdeG --a antiga En Marea, con Podemos, EU e Anova e mais o BNG-- sumaran en 2016 o 25% dos votos en Galicia. Desta vez, ese mesmo espazo, aínda máis dividido, quedou en algo máis do 21%. En escanos, pasou de 5 escanos a 2. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.