Centrada na polarización entre esquerda e dereita, e baixo a ameaza da irrupción da extrema dereita, a campaña das xerais remata centrada no voto emocional fronte ao racional e cos líderes estatais alleos á axenda galega
“E non fai falla comprender a música”. Esa apelación á irracionalidade contida na letra da yenka, a canción que en 1965 instaba a bailar movéndose “esquerda, esquerda, dereita, dereita”, podería resumir a campaña das eleccións xerais. Centrada na polarización entre bloques, e baixo a ameaza da irrupción da extrema dereita, a campaña remata entre chamamentos ao voto emocional fronte ao racional e cos líderes estatais alleos á axenda galega.
As eleccións do domingo están chamadas a elixir no só a composición do Congreso que decidirá quen preside o Goberno central senón tamén moitas outras cousas: cantos dos principais líderes políticos estatais verán acabada a súa carreira política, se iso implica que Feijóo volve ter opcións de marchar á política estatal, se Gonzalo Caballero e o PSdeG soben en próximos comicios á posible ola de ascenso do PSOE, se o BNG confirma ou non a súa recuperación, se o divorcio de En Marea e Unidas Podemos foi tan grave como para afundir aos dous ou, pola contra, aclara o panorama sobre a primacía nese espazo político.
Todo iso decidirase en parte en Galicia malia que os líderes estatais deron por amortizado o resultado que poida saír das urnas galegas. Tanto Sánchez como Casado pasaron por aquí nos primeiros e máis intranscendentes días dunha campaña que sufriu un parón pola Semana Santa. Rivera nin se achegou e Iglesias fíxoo este xoves, pero con actos en horario de mañá e non con mitins centrais como os das tardes, o que non lle impediu protagonizar en Vigo o evento máis concorrido da carreira electoral de En Común.
Feijóo ten sobre a mesa ser o que queira nun hipotético Goberno de Casado, que de non concretarse abriría novamente as especulacións sobre as aspiracións madrileñas do galego
No caso dos populares, a defensa do seu fortín de votos que sempre foi Galicia e que segundo as enquisas podería estar en risco quedou nas mans de Feijóo, que desenvolveu unha campaña cunha axenda persoal tan activa como en todos os comicios da última década e esforzándose en evidenciar o seu apoio a Casado malia a incomodidade que provocaron no PPdeG algunhas das propostas do líder estatal, como a de recortar o uso do galego. Feijóo apostou por apelar ao voto emocional deixando de lado as propostas programáticas máis alá de insistir na necesidade dunha nova intervención da autonomía catalá co artigo 155 da Constitución.
Feijóo, que tanto se ligou á figura de Casado que optou por pechar a campaña no seu mitin central en Madrid en vez de facelo en Galicia, como adoitou na maioría dos comicios da última década, ten sobre a mesa a proposta de ser o que queira no hipotético Goberno do líder popular, como xa lle ofrecera Rajoy e rexeitara. Se ese Goberno non se chegase a concretar, o que se convertería en hipotético sería o propio liderado de Casado, o que abriría novamente a porta ás especulacións sobre as aspiracións madrileñas de Feijóo.
O Goberno central aprobou e publicitou en campaña medidas reclamadas hai anos das que se fixo eco un PSdeG cuxo líder, Gonzalo Caballero, pasará a confrontar directamente con Feijóo no Parlamento de Galicia tras os próximos comicios
No PSOE a campaña, á marxe da visita de Sánchez nos primeiros días, serviu como primeiro contacto coa maquinaria electoral do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tras a súa elección hai ano e medio e previo á súa entrada no Parlamento de Galicia tras as eleccións municipais. Do resultado de ambos comicios dependerá a forza que poidan ter as súas verbas nos seus primeiros enfrontamentos directos con Feijóo.
Para facilitar os resultados do PSOE, o Goberno central non tivo problemas de aprobar e publicitar en plena campaña electoral medidas que viñan sendo reclamadas desde hai anos, como a licitación do enlace Orbital de Santiago, a construción das fragatas en Navantia, ou encargar o proxecto da intermodal de Lugo. O atraso da posible solución para Alcoa axitou un chisco, así e todo, a imaxe gobernamental na recta final dunha campaña tamén decisiva internamente; un novo goberno de Pedro Sánchez contribuiría á calma en torno á dirección de Caballero cara ás eleccións municipais e, sobre todo, cara ás galegas.
En Común rematou a campaña entre a esperanza polo papel de Iglesias na carreira electoral e un aberto temor ao ascenso da extrema dereita
Pola banda de En Común-Unidas Podemos e mais de En Marea o 28A é o primeiro test ante o electorado do que noutrora foi unha única confluencia da esquerda rupturista galega. A coalición que tivo como caras máis visibles a Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz confía en obter os, cando menos, senllos escanos pola Coruña e Pontevedra que auguraban para eles as enquisas. Nesta formación a campaña rematou impregnada na esperanza interna que se espallou a nivel xeral dentro de Unidas Podemos pola actuación de Pablo Iglesias nos debates e actos de campaña, pero tamén con aberto temor ao ascenso da extrema dereita. Se, pola contra, os resultados do 28A permitisen unha coalición de esquerdas, En Común asegura confiar en sentar no Consello de Ministros.
A incógnita non é menor para En Marea. Tras unha campaña construída con escasos recursos, pero baixo o paraugas das siglas que obtiveron notable apoio en anteriores comicios, a formación que encabeza Luís Villares asegura confiar en sentar no vindeiro Congreso dos Deputados co aval da "coherencia", reiteraron durante toda a campaña electoral. Obter representación sería todo un aval para a dirección emanada das últimas eleccións internas do inicialmente constituído como partido instrumental. Non obtela suporía un duro revés organizativo pero tamén político, a comezar polo actual grupo no Parlamento de Galicia.
O BNG, pola súa banda, finaliza a carreira electoral entre apelacións á "remonta" e cun espírito interno semellante ao das eleccións galegas de 2016, cando partindo de expectativas mínimas acabou logrando 6 representantes no Pazo do Hórreo. Internamente no Bloque admítese como moi complicada a posibilidade de acabar obtendo representación pola gran competencia na esquerda e a posibilidade de saíren prexudicados polas chamadas ao "voto útil" en torno ao PSOE para frear á ultradereita. Ficaren outra volta fóra do Congreso non sería lido na formación como un fracaso irreparable, especialmente se os votos obtidos son máis que en 2016, pero un regreso ás Cortes sería para a organización todo un revulsivo, alén dunha crucial inxección de optimismo cara ás municipais e galegas.
Remata así unha campaña na que Praza.gal entrevistou líderes dos principais partidos coa excepción do PP, que non atendeu as peticións formuladas ao respecto
E pouco hai que contar dunha campaña de Ciudadanos que se limitou a pasear por Galicia a algúns dos líderes de segundo ou terceiro nivel orgánico, como se confiase en que a súa vaga de voto estatal se reproduza aquí sen ter que baixar ao detalle das propostas programáticas territorializadas, ao igual que o fixo, nunha maior medida, Vox, cuxo líder, Santiago Abascal, mitineou na Coruña de xeito improvisado tras ser apartado pola Xunta Electoral dos debates televisivos.
Remata así unha campaña na que Praza.gal analizou as propostas para Galicia dos programas electorais (en materia de demografía, sanidade, autogoberno, industria ou infraestruturas) e entrevistou a cabezas de lista galegos dos principais partidos (Pilar Cancela, do PSdeG; Antón Gómez-Reino, de En Común Unidas Podemos; Iris Malvido, de En Marea; e Carme da Silva, do BNG) coa excepción do PP. Este xornal solicitou entrevistas tanto coa cabeza de lista popular ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, como coa candidata ao Senado Pilar Rojo sen obter resposta nin proposta doutro candidato alternativo.