Dende este 12 de abril está en marcha a campaña electoral das eleccións xerais do 28 de abril. É unha carreira electoral en moitos sentidos, inédita. O feito que nun contexto habitual sería o máis relevante, o anticipo electoral, fica en segundo plano. Son unhas eleccións convocadas polo primeiro Goberno de España emanado dunha moción de censura aprobada nun Congreso xurdido doutras eleccións, as de xuño de 2016, obrigadas pola ausencia de maioría para formar Goberno nos prazos legais coa composición previa, a emanada das urnas en decembro de 2015. E mesturando mitins coa Semana Santa.
A carreira electoral comeza co PSOE á alza e cun PP á baixa cuxas principais vías de escape de votos son tamén esperanzas para acabar volvendo ao poder
O proceso soberanista catalán, a súa vertente política a transcorrer de xeito paralelo á xudicial con varios dos seus principais dirixentes en prisión foi o pano de fondo do remate da lexislatura e tamén é unha das grandes cuestións da campaña. Posiblemente, tamén das novas Cortes Xerais que as principais sondaxes bosquexan co PSOE de Pedro Sánchez en primeira posición, pero tamén cun PP á baixa para o que as súas principais vías de escape de voto, Ciudadanos e o partido de extrema dereita Vox, son tamén as principais esperanzas para acabar levando á presidencia da Pablo Casado, o seu novo líder.
En Galicia as xerais son a primeira cita dun ciclo electoral aínda máis prolongado que no resto do Estado, que non rematará ata os comicios ao Parlamento que tocaría celebrar, agás mudanzas ata agora non previstas, no outono de 2020. Este primeiro asalto electoral chega, atendendo ás sondaxes, cun PP moito menos desgastado que noutros lugares, pero tamén con fugas de voto cara a outras forzas de dereita que poderían amplificar o ascenso do PSdeG.
Os socialistas, previsiblemente, pescarán nos caladoiros de sufraxios aproveitados en 2015 e 2016 con éxito por En Marea, daquela coalición electoral. Nesa enésima recomposición do espazo electoral galega confía tamén o BNG para regresar ao Congreso, onde sentou ininterrompidamente entre 1996 e 2011. E todo cun ollo posto no efecto que o 28A poida ter nos concellos que o electorado está chamado a renovar menos dun mes despois.
Feijóo clama pola "unión" da dereita no PP e repite "Batasuna"
Como en cada elección da última década, sexa do ámbito que for, polo PPdeG concorren as candidaturas correspondentes e, dalgún xeito, tamén Alberto Núñez Feijóo, quen nas últimas semanas navega entre os intentos de manter perfil propio sen discordar do xiro á dereita do seu xefe de filas. No mitin inaugural da primeira campaña en quince anos sen Mariano Rajoy como máximo dirixente -aínda que si participará na campaña galega- os populares galegos xuntáronse nun hotel da Coruña dende o que o presidente da Xunta chamou a "unir o voto" en torno ao PP.
O PP asegura ser o "único partido" ao que "lle importa Galicia" e "quere unha España unida"
Igual que nas últimas semanas unha das palabras máis repetidas do presidente dos populares galegos foi "Batasuna". Así, co nome da desaparecida formación abertzale, Feijóo identifica os potenciais socios aos que se "debe" Pedro Sánchez, acusa. Fronte a el debuxa a un único partido ao que lle "importa Galicia" e que ao tempo quere "unha España unida", o PP, a "alternativa con solidez" e "libre de imposicións", dixo horas despois de afirmar, dende o atril da Presidencia da Xunta, que está convencido de que "o PPdeG vai gañar as eleccións en Galicia". Se non o fixese sería a primeira vez que non é o máis votado dende a desaparición da UCD.
Caballero sinala o PSOE como dique fronte ao "risco da ultradereita"
Para o PSdeG a do 28A é a campaña que afronta, a priori, con máis optimismo cando menos dende a perda do goberno da Xunta en 2009. Tamén a primeira con Gonzalo Caballero como secretario xeral. No comezo da campaña en Santiago o líder socialista evidenciou a súa aposta por subir á onda de Pedro Sánchez para aspirar aos seus mellores resultados en Galicia dende os tempos de Zapatero.
Caballero: "O vento sopra a favor, pero non nos confiemos"
"O vento sopra a favor", admite Caballero, pero "non nos confiemos". "O voto ao PSOE é máis necesario ca nunca" porque un "retroceso" nesas expectativas suporía tanto como que Sánchez non dea formado goberno e sexa substituído na presidencia por unha alianza impulsada dende "a ultradereita". "Para seguir progresando, para defender o sistema público de pensións, dar dereitos á clase traballadora, apostar polos dereitos das mulleres", clamou, cómpre unha "mobilización masiva" da esquerda en torno ao PSOE.
En Común eríxese en garante de "goberno progresista"
Dende Vigo comezou a campaña electoral unha das incógnitas desta carreira cara ao 28A, En Común-Unidas Podemos. Ou, o que é o mesmo, a nova marca da alianza de parte das formacións que nas anteriores convocatorias participaron de En Marea como coalición: Podemos, Esquerda Unida e Equo. Como nos actos de precampaña a cabeza de lista da formación por Pontevedra, Yolanda Díaz, presentou as súas candidaturas como garante dun "goberno progresista" que tamén, asegura, "depende dos resultados en Galicia".
Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino aseguran que non será posible un Executivo "ao servizo da maioría" cun pacto do PSOE con C's
A xuízo de Díaz e tamén de Antón Gómez-Reino, cabeza de lista pola Coruña, o voto a Unidas Podemos vai ser clave para que o vindeiro Executivo do Estado estea "ao servizo das maiorías sociais" e "coloque a Galicia" no Congreso. "Temos que derrogar a reforma laboral, loitar contra a precariedade" e afrontar o "reto democrático" de avanzar cara a un Estado plurinacional, di Gómez-Reino. Pero nada disto será posible cun Goberno da dereita, pero tampouco do PSOE se opta por "gobernar con Ciudadanos", advirten.
En Marea promete "alianzas de progreso" sen "cheques en branco"
Aínda que a marca electoral non é nova, a fórmula de concorrencia de En Marea si é inédita nunhas eleccións xerais. Dende a rúa nova de Compostela o voceiro da formación, Luís Villares, bosquexou no primeiro acto da campaña cal sería o labor da representación de En Marea no Congreso. A súa aposta, di, é que "con En Marea haxa investidura para unha maioría que non deixe ninguén atrás", isto é, unha "alianza de progreso" que ao mesmo tempo se comprometa a "ampliar dereitos" e "fomentar investimentos" en Galicia.
Luís Villares subliña a "coherencia" como "o maior aval de En Marea nestas eleccións; temos palabra"
A "coherencia", resalta Villares, é "o maior aval de En Marea para estas eleccións xerais". "Por iso pedimos ás galegas e galegos a súa confianza; temos palabra e imos cumprir", afirmou o voceiro de En Marea entre apelacións ao "espírito do 8M e do 15M". Estas eleccións, agregou a cabeza de lista pola Coruña, Ana Seijas, son "cruciais" para "recuperar dereitos democráticos", pero tamén para que "Galicia sexa tida en conta como merece".
O BNG chama a "votar con ilusión" para "defender Galiza" e "frear a involución"
O comezo de campaña do BNG cara ao 28A tivo, en certo xeito, mensaxes semellantes ao inicio da campaña das eleccións galegas de 2016. Hai "ilusión", asegura Ana Pontón, porque "votar BNG é votar con ilusión a favor de Galiza" porque, se a formación soberanista regresa ao Congreso, vai "condicionar a política do Estado para mellorar a vida dos galegos e galegas", pero tamén defender "os dereitos e as liberdades" fronte á "involución democrática".
Pontón amósase segura da "remontada" da man das "persoas, nacionalistas ou non, que queren que este país teña voz propia e forte"
O Bloque, sinalou Pontón en Santiago xunto ao cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, "ofrece un proxecto sólido" e "coa man tendida" a "todas as persoas, nacionalistas ou non" que "queren que este país teña voz propia e forte en Madrid, sen subordinación ás forzas estatais, vellas e novas, que agravian e decepcionan". O BNG está a detectar un "torrente de simpatía" en "aumento" que, afirma, se van traducir nunha "remontada". "O Bloque vai por todas" porque "paga a pena defender unha Galiza sen emigración, unha AP-9 galega libre de peaxes, unhas rías saneadas" ou "un prezo xusto na factura da luz", exemplificou.