O CIS augura un empate técnico de PSOE e PP en Galicia e dá escanos a Unidas Podemos, C's e Vox

Pleno no Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

A recomposición do mapa político estatal tamén impactará de cheo en Galicia nas eleccións xerais do 28 de abril. Iso é, cando menos, o que prognostica a macro-enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) difundida este martes, a apenas tres días do comezo da campaña electoral. A nivel xeral o inquérito sitúa o PSOE como primeira forza do futuro Congreso con entre 123 e 138 escanos -na actualidade ten 84- cunha notable vantaxe sobre o PP, ao que a perda de apoios e a división do voto da dereita prexudicaría ata un intervalo de 66 a 76 escanos, lonxe de poder sumar maioría absoluta con Ciudadanos (42-51) e o partido de extrema dereita Vox (29-37). 

A nivel xeral o inquérito sitúa o PSOE como primeira forza do futuro Congreso con entre 123 e 138 escanos e augura que o PP, cunha forte caída, non daría sumado maioría absoluta con Ciudadanos e Vox

Si poderían chegar a cruzar o limiar dos 176 escanos da maioría absoluta a suma dos escanos que o CIS outorga ao PSOE xunto aos de Unidas Podemos (28-34), formación que sufriría un pronunciado devalo a respecto dos resultados obtidos en 2016 xunto ás súas confluencias. Do resto de forzas que apoiaron a moción de censura que levou a Pedro Sánchez á presidencia a que maior representación lograría sería Esquerra Republicana de Catalunya (17-18) seguida de En Comú-Podem (5-7). O PNV tería 6 escanos, JuntsxCAT roldaría os 4-5 e Compromís tería 1 ou 2, indica a enquisa. 

Especificamente para as circunscricións galegas o prognóstico desta enquisa, con 1.098 entrevistas entre A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, trae consigo múltiples variacións a respecto das xerais de 2016. Neses comicios o PP foi a forza máis votada e logrou 12 dos 23 escanos en xogo, seguida polo PSdeG con 6 e En Marea, daquela como coalición, con 5. 

A partir das 1.098 entrevistas realizadas en Galicia o CIS estima que estaría en risco a hexemonía do PP como primeira forza en escanos

As estimacións provinciais indican que a hexemonía do PP como primeira forza en escanos en Galicia estaría en risco xa que se movería nun empate técnico cos socialistas. O PSdeG-PSOE podería obter entre 9 e 10 dos vinte e tres postos que reparte Galicia, mentres que os populares poderían perder ata catro, quedando entre 8 e 9. A enquisa do CIS estima que En Común-Unidas Podemos tería 2 representantes, Ciudadanos outros 2 e Vox entraría cun escano. Con relación a 2016 apréciase un transvasamento de apoios da antiga coalición En Marea ao PSOE e do PP cara a C's e Vox.

O taboleiro moveríase con intensidade nas provincias atlánticas mentres que Lugo e Ourense volverían ser bipartidistas, pero cun notable crecemento do PSOE

Por circunscricións, Lugo e Ourense volverían ser provincias bipartidistas pero cunha distribución diferente. O PSdeG lograría sumar cadanseu segundo escano nestas dúas provincias, ficando o reparto en dous para os populares e outros dous para os socialistas, en ambos casos. 

Mentres, o taboleiro mudaría con intensidade nas provincias atlánticas. Na Coruña PP e PSdeG terían en disputa o primeiro posto en escanos con 2 ou 3 e os tres restantes repartiríanse entre En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e Vox. En Pontevedra o CIS augura que a primeira forza en representación sería o PSdeG (3), mentres que o PP quedaría con 2. En Común-Unidas Podemos obtería un posto e Ciudadanos,  outro pola circunscrición pontevedresa.

O inquérito deixa En Marea co 0,1% do voto estatal, pero sen detalle para Galicia, e non ofrece estimación de voto para o BNG

Como as demais enquisas publicadas nas últimas semanas a do CIS tampouco é allea á recomposición de forzas no espazo electoral que en 2015 e 2016 ocupou En Marea como coalición. Así, por exemplo, para estimar o recordo de voto o centro demoscópico público agrega as respostas "En Marea" e "Unidos Podemos". 

Á hora de prognosticar a representación no vindeiro Congreso si distingue dúas opcións electorais diferentes e deixa En Marea co 0,1 do total de votos estatais e cero escanos, sen indicar cal sería a porcentaxe de voto en Galicia. Ao non especificar porcentaxes totais de voto estimado por circunscricións tampouco é posible coñecer a ponderación que o CIS outorga a partir das respostas da cidadanía ao BNG, formación para a que non realiza proxección de escanos no próximo Congreso.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.