O debate previo ás eleccións xerais do 28 de abril axitouse o pasado mércores coa proposta dunha candidata que nin sequera concorre a elas, a cabeza de lista do PP á Asemblea de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, de considerar un embrión como un membro da familia para conceder axudas públicas. O balbordo político e mediático foi enorme. Tamén, nalgúns casos, en Galicia. Pero obviando, en case todos eles, que a idea bosquexada pola dirixente conservadora madrileña leva vixente en Galicia case unha década, dende que a aprobou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, e ao seu abeiro xa foron concedidos máis de 400 dereitos a recibir axudas ou beneficios da Administración.
O balbordo político e mediático xerado pola proposta da dirixente do PP madrileño para computar os "concibidos e non nacidos" como membros da unidade familiar obviou, en case todos os casos, que a medida leva vixente en Galicia case unha década
En Galicia a orixe política do recoñecemento dos nenos e nenas "concibidos e non nados" como membros da unidade familiar hai que buscalo na "lei pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada", a tradución legal da iniciativa lexislativa popular impulsada pola Red Madre -organización ligada ao Foro Español da Familia- cuxa aprobación acelerou o PPdeG tras recuperar a maioría absoluta no ano 2009. Aquela norma fixaba entre os seus obxectivos a protección do "dereito á vida en formación desde a concepción".
Na senda da norma inspirada pola Red Madre chegaron en 2011 algúns dos preceptos da "lei de apoio á familia e á convivencia". Esta norma regulou diversos aspectos da política social e por primeira vez estableceu a "asimilación a descendente" do "fillo ou filla concibido ou concibida" á hora de considerar a unha familia como numerosa "sempre que mediante a aplicación desta asimilación se obteña un maior beneficio". Esa lei tamén permite computar o "concibido ou concibida" para acreditar a condición de familia monoparental.
Na primeira lexislatura de Feijóo o Goberno galego aprobou tamén o seu Plan integral de apoio á muller embarazada, que desenvolvía a lei da Red Madre. Unha das súas "áreas de actuación" foi "priorizar para acceder a axudas ou programas" autonómicos criterios como "valoración da vida en formación (nasciturus) como un membro máis da unidade familiar aos efectos das axudas previstas en materia de vivenda", en baremos para o acceso a prazas de colexios" ou outras "materias sociais".
A orixe política do recoñecemento dos "nasciturus" como membros da unidade familiar está na lei inspirada pola Red Madre e quedou plasmada na lei de familia de 2011; Política Social confirma que "dende a entrada en vigor desta medida" xa foron concedidos "algo máis de 400 certificados"
O propio Alberto Núñez Feijóo destacaba en 2013, no marco da presentación da súa "estratexia de apoio ás familias numerosas", que daquela o seu Goberno xa concedera "80 certificacións" para que fillos "concibidos e non nados" fosen "asimilados á categoría de descendente" a "efectos de todo tipo de axudas ou subvencións". Un ano despois, en 2014, gabábase ante a oposición parlamentaria de "estar a apoiar ás familias numerosas considerando a efectos fiscais a un nasciturus membro xa dunha familia".
A Consellería de Política Social confirma, a preguntas de Praza.gal, que "desde a entrada en vigor desta medida" o Goberno galego xa concedeu "algo máis de 400 certificados" para que os "concibidos non nados" sexan "asimilados á categoría de descendentes". Durante a xestación as familias teñen a "obriga" de "comunicar calquera cambio", informan as mesmas fontes, por se o bebé non chega a nacer. Por exemplo, se se obtén por esta circunstancia o certificado de familia numerosa, "o beneficio perde a súa validez se o nacemento non ten lugar".
Nestes anos a figura do "concibido e non na do" apareceu xa en numerosas ordes de axudas da Xunta e tamén foi inserida no vixente Plan Estratéxico para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes
Nestes anos a figura da filla ou fillo "concibido e non nado" apareceu xa en numerosas convocatorias de axudas da Xunta, como as destinadas á rehabilitación de vivendas ou ao alugueiro. Do mesmo xeito, foi inserido nalgunhas ordes de axudas municipais e computa, por exemplo, á hora de tramitar a reserva en escolas infantís dependentes do Goberno galego.
Tamén, máis recentemente, esta filosofía política foi inserida no VI Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2020. Este documento inclúe entre as súas medidas para "potenciar os recursos de atención e apoio para garantir unha asistencia integral ás mulleres embarazadas" a "valoración da vida en formación (nasciturus) como un membro máis da unidade familiar a efectos de acceso a axudas e outros recursos públicos".
O líder do partido, Pablo Casado, defendeu a proposta da súa candidata horas despois como unha "reivindicación que lle fixeron a Isabel e a nós a asociación de familias numerosas". O PP de Madrid tamén lembrou xenericamente as medidas vixentes en Galicia e as aprobadas na Comunitat Valenciana en tempos do Goberno popular nun sentido moi semellante. Casado, non obstante, circunscribe a medida á "reserva da praza escolar", informa Sofía Pérez Mendoza para eldiario.es