"A Xunta elabora un procedemento para coordinar as actuacións dos profesionais sanitarios cando unha muller decide entregar o seu fillo en adopción". Cunha linguaxe desapaixonada e o ton inocuo do que semella un trámite administrativo o Goberno galego anunciaba este xoves que o Consello da Xunta viña de ter coñecemento de que o Servizo Galego de Saude xa conta cun "procedemento corporativo" para "homoxeneizar as actuacións dos profeisonais" cando "unha muller manifesta a súa decisión" de renunciar ao fillo ou filla que acaba de dar a luz. "Este procedemento enmárcase no Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada da Xunta de Galicia", especifica a nota oficial. Pero, cal é a orixe deste, en palabras de Alberto Núñez Feijóo, "protocolo único" para "facilitar a seguridade e a calidade asistenciala, tanto do recén nado como da súa nai"? Unha vez máis, a lei impulsada pola plataforma Red Madre ou, o que é o mesmo, polo ultraconservador Foro Español de la Familia.
Como vén acontecendo con boa parte das medidas impulsadas nos últimos anos polo Executivo galego en materia de familia e natalidade, este novo protocolo vén desenvolver a normativa "pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada" a cal vén permitindo, por exemplo, a recepción de axudas públicas por parte de asociacións antiabortistas ou a entrada en servizos como os Centros Quérote de persoas vinculadas a estas organizacións para atender á mocidade que procura asesoramento no ámbito afectivo-sexual. Aínda que o "texto definitivo" do protocolo só está dispoñible na rede interna do Sergas é posible coñecer a súa filosofía e intencións, alén da comunicación oficial da Xunta, que este xoves se limitou a facer fincapé en que a súa intención é "informar de todas as opcións dispoñibles" ás mulleres, "humanizando o trato, prestándolles soporte emocional e psicolóxico" e "velando pola confidencialidade".
O obxectivo do plan é "favorecer que a nai xestante" continúe co embarazo e "garantir a confidencialidade" ao dar o bebé en adopción
Para atopar estas motivacións abonda con acudir ao devandito Plan de Apoio á Muller Embarazada. Entre os seus eixos de actuación a consellería de Benestar márcase como obxectivo a "promoción" entre as mulleres que agardan un bebé, sobre todo entre aquelas que o agardan por mor dun embarazo non desexado, "da acollida e da adopción como alternativas eficaces para permitirlles seguir adiante co embarazo". "A Xunta porá á disposición das nais xestantes a información (...) sobre as medidas de apoio á maternidade e á crianza", así como das vías de "acollemento e adopción" no caso de que "manifesten, en calquera momento, que non poden facerse cargo da crianza tras o nacemento", explica o plan. Trátase, abonda, de "favorecer que a nai decida libremente respecto a continuar co embarazo" e, neste punto, "garantir a confidencialidade no caso de decisión de renunciar ao seu fillo/a"
Guía sobre "planificación do embarazo" e "erótica conceptiva e aconceptiva"
Para todo isto, o Goberno galego imponse, a través deste plan, a "realización e difusión" e dous documentos de título elocuente: o "protocolo de renuncia de bebés no hospital" e o "protocolo de renuncia de bebés fóra do ámbito hospitalario", isto é, os programas tratados este xoves polo Consello da Xunta. Como "actuacións estratéxicas" dos protocolos, explica o plan de Benestar, deben figurar o "fomento e información de programas de apoio á maternidade e crianza", froito da aposta por "favorecer" que, aínda que non estean en condicións de ter un bebé, culminen o embarazo. Aínda que fóra do Plan de Apoio, a estas medidas engádense outras como as incluídas na Lei de Familia que, tal e como ten informado Praza Pública, abre a porta á posta en marcha de campañas antiabortistas financiadas con fondos públicos.
A guía sobre "planificación do embarazo" incluirá conceptos de "erótica aconceptiva"
O plan imponlle ademais prazos para ter en marcha ambos protocolos, o 31 de maio deste mes. O departamento que dirixe Beatriz Mato outórgase un treito temporal máis amplo para aplicar outras medidas do plan especialmente rechamantes, caso da elaboración da guía Decidindo sobre a planificación do embarazo. Neste caso, ten ata finais de 2014 para elaborar unha publicación que incluirá "recursos, apoio e asistencia á maternidade". Coa mocidade como principal destinataria, incluirá datos sobre a "planificación do embarazo, erótica conceptiva e aconceptiva, métodos anticonceptivos, prestacións á maternidade, acollida e adopcións".