Mañá de mobilizacións por Palestina: manifestacións nas rúas e concentracións no traballo

Concentración ante o MARCO de Vigo CC-BY-SA Praza.gal

As folgas convocadas en solidariedade con Palestina están a rexistrar unha participación dispar segundo os sectores, aínda que en xeral cun impacto baixo fóra de, por exemplo, o ensino

A xornada de protestas e folgas en solidariedade con Palestina convocada para este 15 de outubro desenvólvese con máis mobilización social que efectos laborais en Galicia. A participación nas moi diferentes folgas convocadas polos distintos sindicatos (de dúas horas no caso de CCOO e UXT, de catro horas no da CIG e todo o día por parte de CUT e CXT) está a amosar unha participación dispar segundo os sectores, aínda que en xeral cun impacto baixo fóra de, por exemplo, o ensino.

Pola contra, as concentracións e manifestacións convocadas nas cidades e vilas galegas están a rexistrar unha presenza moi importante de persoas de todas as idades, aínda que nesta mañá domina a participación da mocidade, que de forma moi numerosa optou por non acudir a clase. Tamén está a haber un gran número de concentracións nos propios centros de traballo. 

Esta ampla participación nas primeiras convocatorias da xornada de protestas augura unha asistencia moi relevante ás manifestacións que a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina convoca ás 20 horas.

Manifestación en Compostela, este mércores pola mañá CC-BY-SA Praza.gal

En cambio, as concentracións e manifestacións convocadas nas cidades e vilas galegas están a amosar unha presenza moi importante de persoas de todas as idades, aínda que nesta mañá domina a participación da mocidade

As citas na mañá deste mércores eran múltiples. Os sindicatos convocantes dos paros laborais chamaban a concentrarse nos propios centros de traballo e tamén ao mediodía en puntos sinalados de cada cidade. Tamén o facían os sindicatos estudantís e, por exemplo, a sede do MARCO en Vigo, a Praza de Pontevedra na Coruña, a Praza Roxa en Compostela ou a Praza Maior de Ourense foron espazos nos que confluíron diferentes protestas, cunha participación numerosa en todos os casos.

Na concentración convocada en Vigo escoitáronse lemas como "Dereito ao retorno do pobo palestino", "A infancia de Gaza non é unha ameaza", "Netanyahu asasino" ou "Onde están, que non se ven, as sanción a Israel"

Na manifestación convocada en Vigo pola CIG, con saída dende Vía Norte e remate na sede do MARCO, escoitáronse lemas como "Dereito ao retorno do pobo palestino", "A infancia de Gaza non é unha ameaza", "Netanyahu asasino" ou "Onde están, que non se ven, as sanción a Israel". No peche do acto Alberto Gonçalves secretario comarcal da CIG, que destacou que a xornada de loita deste mércores foi unha "demostración de dignidade da clase traballadora galega" sinalou que "exiximos a audeterminación do pobo palestino desde o río Jordán ata o Mar Mediterráneo. A loita palestina é a nosa loita. Contra o imperialismo. Do río ata o mar Palestina vencerá".

Concentración nun centro de traballo convocada pola CIG © CIG

Durante a mañá leváronse a cabo concentración en centros de traballo en distintos puntos do país

“A inhumanidade amosada polo PP ante a realidade palestina é inaceptábel”, denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lle reclamou ao Goberno de Rueda que deixe de estar de perfil “e tome postura clara na defensa da legalidade internacional”.

A xornada de paro xeral por Palestina busca "visibilizar a solidariedade do pobo galego co pobo palestino, reclamar a fin do xenocidio e da ocupación ilegal e para exixir medidas políticas e económicas reais e efectivas contra o Estado sionista de Israel", sinalou a CIG.

Carril engadiu que esta xornada de paro e mobilizacións ten que servir tamén para exixir medidas políticas e económicas reais e efectivas contra o Estado xenocida de Israel, que pasan porque a UE, o Goberno español e o Goberno galego rompan as relacións militares, comerciais e diplomáticas mentres non remate a ocupación ilegal da Palestina. 

Durante toda a mañá leváronse a cabo concentración nas sedes de parte das grandes empresas galegas, como Stellantis en Vigo ou Navantia en Ferrol, e tamén no aeroporto de Santiago, no CHUS compostelán, no IES Politécnico de Vigo ou no Gadis da rúa Montero Ríos na capital de Galicia. Tamén a sede da Xunta en San Caetano foi escenario dunha ampla protesta.

Concentración convocada por CCOO e UXT na Torre de Hércules CC-BY-SA CCOO

Esta tarde, a partir das 20 horas, haberá concentracións e manifestacións en 40 cidades e vilas galegas, convocadas pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina

Un dos actos máis simbólicos da mañá deste mércores tivo lugar ao pé da Torre de Hércules, lugar elixido por CCOO e UXT para a súa concentración na cidade da Coruña. O manifesto publicado por CCOO para esta xornada de protestas e paros laborais subliña que "a única vía posible e sostible para conseguir unha paz é que esta sexa xusta. Non hai paz sen xustiza. E non haberá xustiza mentres o pobo palestino non poida decidir sobre o seu propio futuro".

Esta tarde, a partir das 20 horas, haberá concentracións e manifestacións en 40 cidades e vilas galegas, convocadas pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.