Folgas contra o xenocidio e a prol de Palestina co cesamento do fogo ao fondo

Unha bandeira palestina nunha manifestación en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

As folgas convocadas son xerais, por afectaren a todos os sectores, pero con duración dispar. CCOO e UXT chamaron a parar dúas horas, a CIG catro e CGT e CUT, todo o día

As mobilizacións en apoio de Palestina e contra o xenocidio en Gaza que se veñen intensificando nas últimas semanas en todo o planeta, tamén nas cidades e vilas galegas, cunha gran manifestación hai dez días en Compostela, rexistrarán este mércores un paso máis, con diversas convocatorias de folgas xerais por parte dos principais sindicatos. As centrais sindicais seguiron adiante coas convocatorias malia irromper no escenario global o plan de cesamento de fogo abeirado por Donald Trup e asinado o pasado día 13 en Exipto.

As folgas convocadas son xerais, isto é, afectan a todos os sectores e empresas, públicos ou privados, pero os sindicatos non coincidiron na duración dos paros ao longo do día.

CCOO e UXT, dúas horas

CCOO insta á mobilización baixo o lema Stop xenocidio CC-BY-NC-SA CCOO Galicia

A convocatoria de folga de CCOO e UXT é de paros parciais de dúas horas, entre as 2 e as 4 da madrugada para a quenda de noite, entre as 10 e as 12 horas do mediodía na quenda de mañá e entre as 17 e as 19 horas na quenda de tarde, "o que permitirá ás persoas traballadoras ter garantías de participación sen ningún tipo de limitación", segundo os sindicatos. 

As dúas organizacións coinciden en que o que está a ocorrer en Gaza é un "xenocidio" contra o que convocan a folga xeral de dúas horas, con asembleas nos centros de traballo. "Mobilizarse contra o masacre do pobo palestino, contra este xenocidio, non é só un acto simbólico, é un deber", din os sindicatos. 

CIG, catro horas

Mobilizacións da CIG para este mércores 15 de outubro de 2025 CC-BY-SA CIG

A convocatoria da CIG é de catro horas por quenda laboral: das 22 horas do día 14 ás 2 horas do día 15 para a quenda de noite, das 10 ás 14 horas para a quenda da mañá e das 18 ás 22 horas para a quenda da tarde. 

O sindicato nacionalista convocou mobilizacións nas principais cidades e vilas arredor das doce do mediodía e tamén fai un chamamento a participar igualmente nas protestas que a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina organiza ás 20 horas.

Segundo a CIG, os paros queren "visibilizar a solidariedade do pobo galego co pobo palestino, reclamar a fin do xenocidio e da ocupación ilegal e exixir medidas políticas e económicas reais e efectivas contra o Estado sionista de Israel".

Detalle da manifestación por Palestina en Compostela, o pasado 5 de outubro CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

CGT e CUT, todo o día

Pola súa banda, sindicatos como CGT ou CUT convocaron para este mércores unha folga xeral de 24 horas. CGT fundamenta a súa convocatoria "na loita por unha redistribución do gasto público en favor dos traballadores e das traballadoras, e contra a auxe do investimento público en partidas destinadas á defensa e a militarización".

A CUT argumenta que "o pobo galego demanda un salto cualitativo de acción popular" e que a súa folga xeral "é un xeito de pór unha ferramenta ao servizo da clase traballadora e da sociedade civil para mostrar que non imos ficar caladas e calados". "Desde o momento no que fixemos a convocatoria as nosas siglas xa non importan e desaparecen, a convocatoria debe ser popular", engade o sindicato. 

A folga en Praza.gal

Praza.gal secundou a iniciativa de Reporteiros Sen Fronteiras para esixir a fin do masacre de xornalistas en Gaza CC-BY-SA Praza Pública

Este mércores Praza.gal enfoca o seu labor informativo no seguimento das mobilizacións polo pobo palestino, acorde coa posición editorial do xornal contra o xenocidio en Gaza. O traballo da xornada sobre este e demais asuntos da actualidade desenvolverase en función do persoal que exerza o seu dereito á folga. 

O pasado 1 de setembro Praza.gal e a nosa editora, a Fundación Praza Pública,  secundou a iniciativa global de Reporteiros Sen Fronteiras para esixir a fin do masacre de xornalistas en Gaza por parte de Israel e o acceso da prensa estranxeira á Franxa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.