É verdadeiramente excepcional que o PPdeG non se mova motu proprio, senón pola presión política desoutra media Galicia que apenas deu tocado goberno en máis de catro décadas de autonomía. Por iso é significativo o acontecido a respecto de Gaza nos últimos días
Na praia de Altar, en Barreiros, o restaurante Moby Dick foi durante décadas emblema desa oferta turística que tiña entre os seus atractivos gozar dun xantar ou dunha bebida refrescante o máis preto posible da beira do mar, mesmo desafiando os límites da física. Mentres isto sucedía, o Cantábrico ía batendo teimudo, impenitente, no cantil que sustentaba parte da estrutura do local.
Aparentemente, nada se movía. Pero en 2023 o Moby Dick tivo que pechar. O efecto das ondas -agudizado por controvertidas alteracións dende os anos 70- fixo que a escoleira baixo a terraza non aguantase máis. En realidade, todo aquilo levaba moito tempo movéndose e obrigou a instalar puntais para evitar unha derruba que o propietario do restaurante segue tentando esquivar para procurar reabrir.
Se na política galega hai algo que semella tan inamovible e pétreo é a primacía do PPdeG, partido gobernamental no que as mudanzas ou cambios de postura adoitan ser motu proprio, anticipándose aos problemas ou atallándoos decontado. É verdadeiramente excepcional que os populares se movan como froito da presión política desoutra media Galicia que apenas deu tocado goberno en máis de catro décadas de autonomía. Por iso é significativo o acontecido nos últimos días a respecto do xenocidio israelí en Gaza no Parlamento, onde o partido que lidera Alfonso Rueda acabou secundando un minuto de silencio formalmente solicitado polo PSdeG para condenar o xenocidio e solidarizarse coas súas vítimas.
En plena vaga de protestas ao paso da Vuelta pola participación do equipo Israel o PP evitou a declaración institucional contra o xenocidio que promovía o BNG
Alén de titulares que dan en situar o presidente Rueda nunha caste de sector crítico ou moderado que cuestiona a Alberto Núñez Feijóo ou Isabel Díaz Ayuso chamando ao xenocidio polo seu nome, resulta relevante reparar no contexto. En como as augas sociais e políticas de solidariedade con Palestina e condena a Israel foron batendo nas últimas semanas no rochedo do PPdeG.
Xa nos primeiros días de setembro, en plena vaga de protestas ao paso da Vuelta España por Galicia pola participación do equipo Israel-Premier Tech, o BNG formulou a posibilidade de aprobar unha declaración institucional -figura que require unanimidade- de condena do xenocidio, así como de apoio ás mobilizacións. Os populares nin consideraron a posibilidade mentres metían no saco da "violencia" o conxunto das protestas, nas que membros e dirixentes do Bloque participaron activamente ao carón de colectivos sociais e cidadanía a título individual. Ana Pontón esixiu naqueles días sen éxito que Rueda explicase en público o "por que veta unha declaración institucional contra o xenocidio en Gaza".

Poucos días despois o PSdeG avanzaba que ía tentalo por outra vía: un minuto de silencio como "xesto unánime contra o xenocidio en Palestina", anunciaba José Ramón Gómez Besteiro. A petición concretárona os socialistas na Mesa do Parlamento este pasado luns. Abeirándose en cuestións formais, o presidente da Cámara adiou a decisión e volveuno facer cando, o martes ao inicio do pleno, Besteiro solicitou verbalmente gardar ese minuto de silencio. Miguel Santalices remitiuse a unha nova xuntanza da Mesa, convocada para o mediodía dese mesmo martes.
O PP chegou a presentar unha contraproposta ao minuto de silencio promovido polo PSdeG na que evitaba a palabra "xenocidio" e incluía ás "vítimas do terrorismo de Hamás". Tras acabar secundándoo para "evitar o que estaban buscando" os socialistas, os populares votaron "non" a unha condena do xenocidio formulada polo Bloque
Minutos antes da xuntanza, o voceiro do PP, Alberto Pazos, rexistrou unha contraproposta: gardaríase un minuto de silencio por "solidariedade e respecto" con quen padecen a "inxustificada acción militar" de Israel e mais coas "vítimas do terrorismo de Hamás". E sen mención ningunha á palabra "xenocidio". E así chegou o reinicio do pleno na mañá do mércores, cando Santalices anunciaba que finalmente se gardaría o minuto de silencio proposto polo PSdeG, pero sen dicir por que, como é habitual nestes casos. Contra o xenocidio, pero sen mencionalo.
A paradoxal situación foi evidenciada por Pontón e Besteiro xusto despois, na sesión de control ao presidente, onde o propio Rueda evidenciou que acabaran aceptando para "evitar o que estaba buscando" o PSdeG, retratar o PPdeG na resistencia a condenar o xenocidio. Para non "politizar este asunto", xustificou Rueda, "acabamos de gardar un minuto de silencio nunha declaración que condenaba o xenocidio en Gaza sendo perfectamente conscientes". Velaí o movemento tras tres semanas de presión política e social contra o xenocidio e a prol do pobo palestino. Unha das escasas ocasións nas que a esquerda social dá movido o guión ao pétreo PPdeG.

Unha vez aliviada a presión e cos titulares, especialmente en clave estatal, situando a Rueda entre os escasos líderes do PP que admiten que o que fai Israel en Gaza é un xenocidio, continuou o pleno. No que restaba da orde do día figuraba unha proposición non de lei na que o BNG, entre outros aspectos, reclamaba "manifestar unha clara e contundente condena do xenocidio que está a cometer o goberno de Israel contra o pobo palestino, ademais da ocupación sionista". O Bloque propiciou votar ese punto por separado e o PP, que non formulara emenda ningunha ao texto, votou "non".