O presidente do Parlamento rexeita ler a formulación do PSdeG que condena o "xenocidio" do pobo palestino e Rueda di que finalmente aceptou ese texto para "evitar politizar" o asunto
O Parlamento de Galicia gardou este mércores un minuto de silencio unánime "polo xenocidio do pobo palestino". Pero fíxoo sen que o presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, verbalizase, como adoita nestes casos, o motivo polo que se gardaba o minuto de silencio.
Foi a reviravolta final dada polos populares á polémica negociación das dúas últimas xornadas arredor da proposta formulada polo PSdeG, que o PPdeG tentou primeiro rebaixar quitando a palabra "xenocidio" e despois acabou aceptando, segundo admitiu o propio presidente Rueda, para "evitar politizar" o asunto. O mesmo Rueda que, tras esas manobras do seu partido, acusou á oposición de preferir "a consigna e o politiqueo barato por encima das vítimas".
A petición do PSdeG formulada o luns dun minuto de silencio "polo xenocidio do pobo palestino" foi contestada este martes polo PP cunha proposta alternativa que eliminaba a palabra "xenocidio" e estendía o minuto de silencio aos "inocentes civís" tanto de Palestina como de Israel. Pero ao tempo este mesmo martes o PP estatal gardaba no Congreso -coa ausencia de Feijóo- un minuto de silencio polo "xenocidio".
Besteiro lamenta que o PP "non está convencido, nin dixo a palabra xenocidio" e Pontón amosa a súa "perplexidade" polo "papel bochornoso" dos populares: "A historia xulgaraos"
Ante esta situación este mércores, apenas uns segundos antes de que comezase o Pleno do Parlamento de Galicia, o grupo parlamentario popular acababa renunciando á súa proposta rebaixada e aceptando a formulación do PSdeG coa palabra "xenocidio". Pero ao comezar o Pleno e instar a gardar o silencio en pé, o presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, evitou ler o motivo. Malia as protestas de BNG e PSdeG, Santalices dixo que todos coñecían xa a proposta e deu paso ao minuto de silencio, aplaudido ao seu remate por todos os presentes, tamén os populares.
A continuación foi o momento das preguntas da oposición ao presidente Rueda, que o socialista José Ramón Gómez Besteiro e a nacionalista Ana Pontón aproveitaron para reprochar ao popular as súas manobras. "Non está convencido, nin dixo a palabra xenocidio", afeoulle Besteiro, para quen "é o momento de tomar partido" e "as prioridades" en temas como o de Gaza "tamén se poden e se deben trasladar desde a nosa comunidade".

Pola súa banda Pontón amosou a súa "perplexidade ante un feito que nunca pasou, que se garde un minuto de silencio e non se diga por que". E respondeuse a si mesma: "a razón está clara, porque o PP non quere usar a palabra xenocidio". A nacionalista lamentou o "papel bochornoso que está a xogar o PP, a historia xulgaraos".
Ante as críticas, Rueda dixo que gardaron o minuto de silencio "sendo perfectamente conscientes" de que este "condenaba o xenocidio en Gaza". A continuación, o PP votou "non" a secundar esa condena nunha iniciativa do BNG
Ante as críticas, o presidente Rueda afeou a socialistas e nacionalistas que non quixesen incluír unha condena de "os asasinatos de Hamas". "Acabamos de gardar un minuto de silencio nunha declaración que condenaba o xenocidio en Gaza sendo perfectamente conscientes", dixo Rueda, ao que engadiu seren "tamén perfectamente conscientes, como todo o pobo galego, de que serán sempre e xamais incapaces de condenar os asasinatos de Hamas". O presidente tamén evidenciou que a postura do seu grupo se debía a unha estratexia política: "Acabamos de gardar un minuto de silencio polas vítimas de Gaza, probablemente vostede non o esperaba", díxolle a Besteiro, engadindo que con esa actuación "evitamos politizar este asunto".
Un par de horas despois do minuto de silencio e do debate ao respecto, o servizo de comunicación do Parlamento, dependente da súa Presidencia, fixo público un comunicado no que explicita que o minuto de silencio foi "polas vítimas inocentes do xenocidio". A continuación, na votación dunha iniciativa do BNG ao respecto os populares votaron "non" a "manifestar unha clara e contundente condena do xenocidio que está a cometer o goberno de Israel contra o pobo palestino, ademais da ocupación sionista".
Durante anos, as mostras de solidariedade do Parlamento de Galicia co pobo palestino aprobadas por unanimidade foron habituais
Durante anos, as mostras de solidariedade do Parlamento de Galicia co pobo palestino aprobadas por unanimidade foron habituais sen que o PP esixise que incluísen equiparación ningunha. Do mesmo xeito, a Cámara galega lembrou e homenaxeou as vítimas do Holocausto en diversas ocasións sen que nesas declaracións unánimes houbese referencias a outros conflitos ou crimes.