O PP pide un minuto de silencio por "inocentes civís" de Israel e Palestina tras esquivar outro contra o xenocidio

Poboación refuxiada e infraestruturas destruídas polos bombardeos israelís en Gaza, a pasada primavera de 2025 © UNRWA

Os populares substitúen a petición do PSdeG para amosar solidariedade coas vítimas do "xenocidio", apoiada polo BNG, por outra de "solidariedade e respecto" con quen padecen a "inxustificada acción militar" de Israel e mais coas "vítimas do terrorismo de Hamás"

Este pasado luns o PSdeG levou á Mesa do Parlamento, órgano reitor da Cámara, a solicitude de gardar un minuto de silencio "polas vítimas do xenocidio de Gaza" no inicio do pleno que comezou este martes. A propostas foi votada neste órgano e recibiu o apoio do BNG, mentres que o PP se opuxo. A ausencia dunha das representantes dos populares deste órgano de 5 membros, Elena Candia, deu lugar a un empate: 2 "non" dos conservadores e dous "si" das representantes nacionalista e socialista, o que propiciou que o presidente da institución, Miguel Santalices, adiase a decisión.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou a reclamación ao inicio da sesión plenaria. Outra volta, obtivo o apoio do BNG. E unha vez máis, o xefe do lexislativo optou por adiar a cuestión abeirándose en cuestións formais como que non recibira a comunicación da postura dos voceiros de todos os grupos sobre a cuestión, adiándoa para unha nova xuntanza da Mesa, fixada para este mesmo martes ás tres da tarde.

Alberto Pazos, voceiro parlamentario do PP, este 23 de setembro de 2025 na Cámara CC-BY-SA PPdeG

Apenas 25 minutos antes da xuntanza o voceiro do PP, Alberto Pazos, rexistrou unha petición de seu. Outro minuto de silencio, pero esquivando o termo "xenocidio" e estendéndoo aos "inocentes civís" tanto de Palestina como de Israel.

Segundo o texto, ao que puido acceder Praza.gal, os populares solicitan esa mostra simbólica de solidariedade "ante o masivo asasinato de civís producido pola invasión de Gaza en resposta aos atentados perpetrados en territorio israelí pola organización terrorista Hamás". Trátase de amosar, indica, "solidariedade e respecto" aos "inocentes civís palestinos vítimas" da "inxustificada acción militar ordenada polo Goberno de Israel" e cos "inocentes civís israelís vítimas do terrorismo de Hamás".

Os conservadores teñen garantido, dada a súa maioría absoluta, que o texto rexistrado por Pazos substitúa a reclamación de Besteiro. Nela, ademais de referirse explicitamente ao "xenocidio", figuraba que "milleiros de persoas inocentes —entre elas 20.000 nenos e nenas— foron asasinadas, os seus fogares arrasados e as condicións mínimas de vida destruídas" en Gaza. E por iso consideraba que o Parlamento "debe expresar a súa solidariedade coa dor que sofren milleiros de persoas, manifestar o noso rexeitamento a esta violencia indiscriminada e apoiar con firmeza os esforzos da comunidade internacional para acadar unha paz xusta e duradeira na rexión” 

Besteiro reclama comezar o pleno cun minuto de silencio en solidariedade coas vítimas do xenocidio en Gaza
Rodil (BNG) apoia a petición do PSdeG de gardar un minuto de silencio polas vítimas do xenocidio en Gaza

Durante anos, as mostras de solidariedade do Parlamento de Galicia co pobo palestino aprobadas por unanimidade foron habituais sen que o PP esixise que incluísen equiparación ningunha. Do mesmo xeito, a Cámara galega lembrou e homenaxeou as vítimas do Holocausto en diversas ocasións sen que nesas declaracións unánimes houbese referencias a outros conflitos ou crimes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.