O PP tende a afastarse do consenso parlamentario galego a prol do pobo palestino

Unha familia palestina, fuxindo dos bombardeos israelís en Gaza, a pasada primavera © UNRWA

As declaracións unánimes do Parlamento a prol de Palestina mesmo levaran o Estado de Israel a sinalalo como "inimigo"

A solidariedade co pobo palestino foi, durante lustros, habitual entre as principais forzas políticas galegas a través da súa representación parlamentaria. Así, por exemplo, dende o retorno do PP á Xunta en 2009 foron cando menos catro as ocasións nas que a unanimidade do lexislativo galego abeirou declaracións institucionais a prol da creación e recoñecemento internacional do Estado de Palestina. así como na defensa "do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas" por mor da fundación do Estado de Israel.

Os arquivos parlamentarios conservan os explícitos textos -nestas ligazóns pódense consultar, por exemplo, o aprobado en 2013, os de maio de 2014 e novembro do mesmo ano, o de 2016 ou tamén o de 2007, este último tamén unánime pero con maioría parlamentaria de PSdeG e BNG- de apoio político de Galicia a Palestina que, cando menos nunha ocasión, xeraron iradas reaccións de Israel. Foi en 2014, cando o Goberno hebreo sinalou o Parlamento galego como "inimigo" por estas posicións.

Protestas en Monforte ao paso da Vuelta a España pola participación do equipo Israel © RTVE

Nas últimas semanas voces relevantes do PP galego e estatal tenden a afastarse deste tradicional consenso. Ao fío das posicións do Goberno de España ante o xenocidio en Gaza e tamén, máis recentemente, para responder e rexeitar as mobilizacións que censuran a participación do equipo Israel na Vuelta Ciclista a España durante as etapas da competición en territorio galego, protestas que relevantes cargos da formación conservadora ligan exclusivamente co BNG.

Cargos dos conservadores ligan coa violencia as protestas en Galicia contra a participación do equipo Israel na Vuelta pouco despois de recibiren o embaixador israelí na Xunta e na Cámara en pleno masacre de Gaza

Así o fixeron, por exemplo, este pasado domingo tras un incidente ligado ás protestas que derivou na caída de dous ciclistas. Un manifestante que quería amosar unha bandeira palestina ao paso da carreira caeu nun noiro á beira da estrada ao tentalo e un garda civil cruzou ante o pelotón para interceptalo, como amosou a retransmisión ao vivo, combinación de movementos bruscos que propiciou que os corredores se asustasen e caesen.

Esta circunstancia, sucedida nun contexto de protestas constantes a prol de Palestina e contra o equipo de propietario abertamente sionista dende o inicio da Vuelta, foi aproveitada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, para culpar o BNG da caída. E ao conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para afirmar que "a violencia non é o camiño para expresar unha opinión" e afirmar que "os que provocan e lideran disturbios non representan o sentir maioritario dos galegos". 

O director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo (dereita), recibindo a Dan Poraz, embaixador israelí en funcións, o pasado 28 de maio en instalacións do Goberno galego CC-BY-SA Xunta

Paralelamente, Alberto Núñez Feijóo indicaba a través das redes sociais que non apoia "o que ocorre en Gaza" nin que "unha competición sexa boicoteada por motivos políticos". A Vuelta "é marca España e para defender a causa palestina non hai que desprestixiar un evento que é de todos os españois ou poñer en risco a seguridade", dixo compartindo un titular que aseguraba que o manifestante "tirou ao chan" ao ciclista, malia o visto nas imaxe da retransmisión.

Estas consideracións contrastan coa ausencia das mesmas por parte destes ou doutros cargos orgánicos do PP galego e estatal a respecto dos ataques israelís contra poboación civil en Gaza. E prodúcense despois de que, en pleno masacre de cidadanía gazatí, o Goberno galego recibise o pasado maio ao embaixador de Israel en funcións, Dan Poraz, nunha xornada na que tamén foi recibido pola vicepresidenta do Parlamento, Elena Candia (PP), sen dar conta ao resto de grupos. Semanas despois, ante preguntas ao respecto de BNG e PSdeG, a Xunta asegurou que recibira o embaixador para "avogar por solucións ao drama" en Gaza.

Mobilizacións nunha trintena de localidades

Alén das protestas ao paso da Vuelta, Unha trintena de vilas e cidades galegas acollen no serán deste luns mobilizacións contra o xenocidio de Israel en Gaza e en solidariedade co pobo palestino. As protestas están convocadas pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina baixo o lema 2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación: Galiza con Palestina

Mobilizacións en solidariedade con Palestina convocadas nunha trintena de localidades para este 8 de setembro CC-BY-NC-SA Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.