Cooperación galega en Palestina: dignidade entre cascallos, criminalización e morte

Unidade móbil de Médicos do Mundo en Rafah © Médicos do Mundo

Varias organizacións de cooperación ao desenvolvemento galegas traballan neste momento en Palestina. É o caso de Médicos do Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz, Movemento pola Paz e ONG Rescate Internacional

A invasión israelí da Franxa de Gaza iniciada en outubro de 2023 provocou a morte de máis de 47 mil persoas, un terzo deles nenos e nenas, e feriu a moitas máis. Os danos materiais, comezando polos provocados nas vivendas dunha gran parte da poboación do territorio ocupado, son incalculables. O ano comezou coa feliz nova do acordo de alto o fogo,que sen dúbida contribuirá a evitar danos e dor entre a poboación asediada que, con todo, mantén a incerteza sobre o seu futuro, máis aínda despois das recentes declaracións do presidente Trump, que anticipa os Estados Unidos "tomarán o control" de Gaza e expulsarán permanentemente os seus dous millóns de habitantes.

Independentemente de que as ameazas do mandatario estadounidense se fagan realidade, a poboación gazatí ten necesidades urxentes de atención - que deben ser cubertas de inmediato, un traballo no que as organizacións galegas para o desenvolvemento xogan un papel importante. Varias organizacións de cooperación ao desenvolvemento galegas traballan neste momento en Palestina. É o caso de Médicos do Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz, Movemento pola Paz e ONG Rescate Internacional.

Actividade de Médicos do Mundo en Gaza © Médicos do Mundo

"As infraestruturas, os hospitais e as casas de moitas familias están destruídas. Recompoñer a vida vai precisar non só de medios materiais senón -e sobre todo- dun longo proceso no que estean garantidas a asistencia humanitaria constante e suficiente, a xustiza, o diálogo permanente, a reparación, os dereitos humanos e a paz"

A Coordinadora Galega de ONGD, que "saúda" o alto o fogo, fai fincapé na "urxente necesidade de garantir no curto prazo a asistencia humanitaria" e, ademais, de "garantir no longo prazo os dereitos humanos, a xustiza e a paz". A entidade reclama un alto o fogo permanente que permita a acción humanitaria e a reparación e reconstrución do tecido social. E pide que se garanta o apoio aos procesos xudiciais abertos na Corte Internacional de Xustiza e no Tribunal Penal Internacional que se dea "especial protección" a colectivos relevantes en termos de testemuño, como xornalistas, persoal médico, organizacións da sociedade civil e organizacións de Nacións Unidas, como a UNWRA.

"As infraestruturas, os hospitais e as casas de moitas familias están destruídas. Recompoñer a vida vai precisar non só de medios materiais senón -e sobre todo- dun longo proceso no que estean garantidas a asistencia humanitaria constante e suficiente, a xustiza, o diálogo permanente, a reparación, os dereitos humanos e a paz", salienta a Coordinadora.

Falamos con tres destas organizacións para coñecer de primeira man os detalles do traballo que veñen realizando en Palestina, o efecto que tivo para elas -e sobre todo para as entidades locais coas que colaboran- a guerra dos últimos 15 meses, e a maneira en que están tentando recompoñer a actividade despois do acordo de alto o fogo.

Médicos do Mundo: "Por primeira vez o sistema de saúde foi atacado de forma consciente e directa"

Médicos do Mundo leva 25 anos traballando en Palestina, nunha actividade diversa en colaboración co sistema público de saúde palestino, incidindo sobre todo na atención á saúde mental (enfocada principalmente á atención de menores en contexto de violencia en Gaza)

Felipe Noya, cirurxián traumatólogo do Hospital de Santiago, é voluntario de Médicos do Mundo e portavoz da Coordinadora Galega de ONGD para as cuestións relacionadas con Palestina. Estivo 11 veces en Gaza como médico voluntario, o que lle confire un coñecemento profundo sobre o funcionamento do sistema sanitario gazatí e das necesidades das entidades locais.

Médicos do Mundo leva 25 anos traballando en Palestina, nunha actividade diversa en colaboración co sistema público de saúde palestino, incidindo sobre todo na atención á saúde mental (enfocada principalmente á atención de menores en contexto de violencia en Gaza) e tamén no reforzo das capacidades tanto de atención primaria como de hospitalaria. Entre os proxectos desenvolvidos pola entidade destaca un centrado nas persoas vítimas dos derrubamentos de vivendas realizados polos asentamentos de colonos xudeus en Cisxordania e outro dirixido ao reforzo das áreas de traumatoloxía e de medicina de urxencia nos hospitais.

"Hai que cubrir as necesidades básicas, comezando polos medicamentos, entre eles os analxésicos básicos e anestésicos que se usan en intervencións cirúrxicas básicas", di Felipe Noya

Felipe Noya destaca que, a pesar da invasión israelí, os proxectos que desenvolve Médicos do Mundo seguiron en marcha. "Neste momento, por exemplo, temos dez centros de saúde improvisados en distintos puntos da Franxa de Gaza", explica, sinalando que "agora estamos analizando como retomar o traballo. Non se trata de volver ao punto de partida, senón que o noso ten que ser un plan de reconstrución completo". Entre os proxectos que Médicos do Mundo quere retomar de forma prioritaria está o de atención á saúde mental, sobre todo o traballo que desenvolvemos con menores. Noya engade, ademais, que "hai que cubrir as necesidades básicas, comezando polos medicamentos, entre eles os analxésicos básicos e anestésicos que se usan en intervencións cirúrxicas básicas".

Actividade de Médicos do Mundo sobre saúde mental en Palestina © Médicos do Mundo

"Por primeira vez o sistema de saúde foi atacado de forma consciente e directa, non como danos colaterais. Máis de mil traballadores do sistema de saúde foron asasinados e os hospitais foron bombardeados, quedaron sen luz e sen auga", denuncia Noya

"Con todo, gran parte da actividade interrompeuse e "os nosos traballadores locais foron vítimas e obxectivo dos bombardeos israelís, que tiveron un grande impacto: algúns morreron, moitos perderon familiares e amigos e tamén as súas casas", di. Noya destaca que "por primeira vez o sistema de saúde foi atacado de forma consciente e directa, non como danos colaterais. Máis de mil traballadores do sistema de saúde foron asasinados e os hospitais foron bombardeados, quedaron sen luz e sen auga".

Felipe Noya denuncia a "criminalización e ataques" que dende hai tempo sofren as organizacións de axuda ao desenvolvemento e critica a falta de apoio por parte do Estado español "máis aló dos xestos simbólicos". "O que pasa agora en Israel non é unha novidade pero foi especialmente esaxerado, porque estamos sendo vítimas directas dos ataques e dunha criminalización que sofre mesmo a UNRWA, e estamos a falar dunha axencia das Nacións Unidas", di. "O ambiente internacional está definido pola violencia. Cando un Estado utiliza a violencia como un recurso, como fai Israel, e se lle permite, iso é moi contaxioso", di.

O representante de Médicos do Mundo alerta das "limitacións de todo tipo" que entidades como a súa están a sufrir neste momento, "que mesmo afectan á posibilidade de acceder ao país: están sendo denegados os visados para entrar en Israel e mesmo para entrar en Gaza dende Israel. Ademais, moitos dos nosos traballadores, que contan con todos os permisos, son expulsados de forma completamente arbitraria".

ACPP: "A solidariedade crea lazos entre pobos"

A Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) leva en Palestina dende 1993, con proxectos sobte xestión de auga, saneamento, hixiene, infraestruturas hídricas...; tamén outros centrados en desenvolvemento rural; e outro proxecto que traballa sobre as violencias de xénero, mulleres e infancia

A Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) leva en Palestina dende 1993, combinando a acción humanitaria (cubrindo necesidades urxentes) co traballo en cooperación ao desenvolvemento, fortalecendo o desenvolvemento político, social e económico da poboación e actuar contra as vulneracións de dereitos que sofre a poboación.

Entre os proxectos en marcha, destacan os relativos á xestión de auga, saneamento, hixiene, infraestruturas hídricas...; tamén outros centrados en desenvolvemento rural; e outro proxecto que traballa sobre as violencias de xénero, mulleres e infancia. Neste momento, destacan, "temos que redobrar os esforzos porque houbo moitas operación militares israelís en Cisxordania, con danos para infraestruturas de auga".

Dende ACPP explican que antes de 2023 levaban tempo sen traballar en Gaza, pero a raíz da crise humanitaria volveron traballar na Franxa con proxectos de acción humanitaria a través dunha organización local, para garantir redes locais de distribución de alimentos frescos "a través dos poucos agricultores que conseguían cultivar algo durante a invasión" e tamén repartindo kits de hixiene. "A situación en Gaza é terrible, con infraestruturas destruídas, moitísimos nenos que perderon un ou os dous pais e están soas", advirten.

A raíz do desastre da DANA en Valencia a Asociación Palestina para o Desenvolvemento Agrícola (PARC), socia local de Asemblea de Cooperación pola Paz, enviou unha doazón de 5.000 euros. "Foi moi emotivo para nós", destacan dende ACPP, "sobre todo nun momento no que algunhas administracións suspenderon axudas a Palestina

ACPP traballa cun gran número de organizacións locais, tanto palestinas como israelís comprometidas na construción da paz. "Estamos moi comprometidos co que se coñece como localización de axuda, que son procesos de reflexión sobre o papel protagonista que deben ter as organizacións palestinas na xestión da axuda internacional e a necesidade de fortalecer as súas estruturas", salientan.

Ademais, a organización tamén traballa apoiando a organizacións israelís que rexeitan a ocupación e defensores dos dereitos humanos da poboación palestina. "Fan traballo de denuncia, certificación de abusos e de acompañamento á poboación palestina no traballo de recollida da oliva", sinalan. Engaden neste senso que "estamos moi convencidas da necesidade de traballar por unha solución política e negociada. Por iso cremos que é importante traballar coa parte da sociedade israelí que está comprometida con esta solución".

Nos últimos meses, a raíz do desastre da DANA en Valencia a Asociación Palestina para o Desenvolvemento Agrícola (PARC), socia local de Asemblea de Cooperación pola Paz, contactou coa organización española para “amosar a súa preocupación tras coñecer os efectos da DANA, ofrecer o seu apoio e comunicar a súa decisión colectiva de usar o fondo de solidariedade dos seus traballadores para realizar unha doazón en apoio ao pobo valenciano”.

 A ACPP lembra que, fronte á idea de que a solidariedade un proceso unidireccional, a realidade é que "a solidariedade é bidireccional" e "crea lazos entre pobos que de ningunha maneira prexudican a ninguén"

En efecto, PARC enviou en decembro unha doazón de 5.000 euros a Fundación Horta Sud, acompañada dunha carta na que a organización palestina lembraba que “os lazos de solidariedade entre pobos xeran unha resiliencia colectiva que cruza fronteiras” e que “en momentos difíciles apoiarse uns nos outros permite sobrepoñerse mesmo aos contextos máis deshumanizantes”. Na súa carta, a PARC concluía que “a solidariedade move solidariedade”.

"Foi moi emotivo para nós", destacan dende ACPP, "sobre todo nun momento no que algunhas administracións suspenderon axudas a Palestina porque, dicían, 'a poboación non entendería neste momento que enviásemos axuda alá con todo o que está pasando en Valencia'". A ACPP lembra neste senso, que fronte á idea de que a solidariedade un proceso unidireccional, a realidade é que "a solidariedade é bidireccional" e "crea lazos entre pobos que de ningunha maneira prexudican a ninguén".

Actividade de ACPP nas hortas de Palestina © ACPP

Movemento pola Paz

O Movemento pola Paz leva 30 anos colaborando en Palestina, traballando con diversas organizacións locais co obxectivo de protexer e defender os dereitos humanos dos colectivos máis vulnerables, co foco posto especialmente nas mulleres e nas persoas con discapacidade

O Movemento pola Paz leva 30 anos colaborando en Palestina, traballando con diversas organizacións locais co obxectivo de protexer e defender os dereitos humanos dos colectivos máis vulnerables, co foco posto especialmente nas mulleres e nas persoas con discapacidade. Tamén traballa para garantir o acceso a servizos básicos, como a saúde. A entidade ten moito interese en visibilizar a cuestión da xustiza e a reparación como elementos necesarios para a construción do futuro.

Susana Fernández é a delegada de MDPL en Galicia. A súa organización estaca que os últimos 15 meses foron "extremadamente duros para a poboación palestina". "A realidade das persoas ás que acompañamos foi especialmente devastadora. As mulleres con discapacidade representan un dos grupos máis vulnerables en calquera contexto, unha situación que se agrava exponencialmente en emerxencias humanitarias. A isto súmase a carga de coidados que recae sobre elas, xa que moitas tamén son responsables de persoas dependentes", explican.

Actividade de Movemento pola Paz en Palestina © MPDL

"Algunhas mulleres tiveron que improvisar produtos menstruais con tea das tendas de campaña, reducir o consumo de auga para evitar acudir a latrinas insalubres ou abandonar os seus tratamentos médicos e fisioterapéuticos. Moitas non puideron fuxir e morreron baixo os cascallos ao non ter mobilidade"

"Algunhas mulleres tiveron que improvisar produtos menstruais con tea das tendas de campaña, reducir o consumo de auga para evitar acudir a latrinas insalubres ou abandonar os seus tratamentos médicos e fisioterapéuticos. Moitas non puideron fuxir e morreron baixo os cascallos ao non ter mobilidade. A maioría perdeu os dispositivos que lles permitían sobrevivir: audiófonos rotos polo estrondo dos bombardeos, andadores e cadeiras de rodas inutilizadas nun terreo intransitable cheo de cascallos. Ademais, perderon completamente o acceso a medicamentos e rehabilitación", relatan.

A súa prioridade actual é a asistencia humanitaria urxente: distribución de medicamentos, kits de dignidade e hixiene, refuxio e apoio psicosocial, tanto para as persoas desprazadas como para aquelas que permanecen en zonas inseguras ou tentan regresar aos lugares onde estaban os seus fogares, con especial atención a persoas con discapacidade. Tamén traballan na protección dos dereitos humanos e apoiando ás organizacións palestinas no seu labor de asistencia. Agora, de consolidarse o alto o xogo, iniciarase unha nova etapa na que buscarán impulsar a reconstrución de infraestruturas esenciais e fortalecer o tecido social das comunidades afectadas.

Movemento Pola Paz rexeita "calquera intento de reducir o espazo da sociedade civil e calquera violación dos dereitos humanos" e subliña que "a criminalización das ONGD que operan en Palestina ou a prohibición do traballo da UNRWA son medidas inaceptables que agravan a crise humanitaria"

Movemento Pola Paz rexeita "calquera intento de reducir o espazo da sociedade civil e calquera violación dos dereitos humanos" e subliña que "a criminalización das ONGD que operan en Palestina ou a prohibición do traballo da UNRWA son medidas inaceptables que agravan a crise humanitaria", destacando que "o labor destas organizacións é insubstituíble, e a súa ausencia deixa a millóns de persoas, na súa maioría nenos e nenas, nunha situación de extrema vulnerabilidade".

Hai que ter en conta, engaden, que a UNRWA, ademais da Autoridade Palestina e xunto con organizacións da sociedade civil palestina e internacional, eran os principais provedores dos servizos básicos de educación e saúde, entre outros. Así, a UNRWA xestionaba aproximadamente o 50% das escolas primarias e secundarias e cubría o 40% dos servizos básicos de saúde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.