O 24 de setembro a Cámara galega gardou un minuto de silencio sen que o presidente lese que era "polo xenocidio do pobo palestino", omisión que se mantén na acta oficial, que só fala de "un cartel co lema: Paremos o xenocidio en Gaza"
O 24 de setembro o Parlamento de Galicia gardou un minuto de silencio "polo xenocidio do pobo palestino", pero fíxoo sen que o presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, verbalizase o motivo. Esa omisión mantense na acta oficial daquela sesión que agora vén de publicarse no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia, documento que dá conta do que ocorre nos plenos da Cámara.
O que quedará oficialmente daquel pleno para a posteridade será que durante o minuto de silencio por motivos non explicitados os deputados e deputadas socialistas "mostran un cartel co lema: 'Paremos o xenocidio en Gaza'".
A proposta dun minuto de silencio polo "xenocidio" en Gaza fora formulada polo PSdeG un par de días antes. O PPdeG tentou primeiro rebaixar a iniciativa socialista quitando a palabra "xenocidio" e despois acabou aceptándoa, segundo admitiu o propio presidente Rueda para "evitar politizar" o asunto. Un Rueda que, na súa intervención no Pleno tras o minuto de silencio, acabou admitindo ao BNG que secundaran "unha declaración que condenaba o xenocidio en Gaza sendo perfectamente conscientes".
Pero esa declaración xustificativa do minuto de silencio nunca chegou a ser lida no Parlamento, como adoita facerse con outras similares. O presidente da Cámara, como contou daquela Praza.gal e reflicte agora de xeito oficial o Diario de Sesións do Parlamento, optou por varias reviravoltas dialécticas para non pronunciar a palabra "xenocidio".
Santalices pediu "gardar un minuto de silencio dentro do que era a proposta que o Grupo Socialista propoñía". E, malia as protestas de varios deputados e deputadas de PSdeG e BNG teimou en non ler esa proposta.
"A proposta é que o Grupo Socialista pediu que se gardase un minuto de silencio", insistiu Santalices, segundo reflicte o Diario de Sesións. "Está aí e pódese volver ler", "é a proposta" ou "gardamos un minuto de silencio, tal como se recolleu na proposta" foron algunhas das súas expresións para non verbalizar o que dicía a proposta, a palabra "xenocidio".
Porén, o Diario de Sesións, que reflicte non só o que se verbaliza senón tamén os incidentes máis significativos que acontezan no hemiciclo, remata ese punto da orde do día sinalando que "os deputados e as deputadas do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia mostran un cartel co lema: 'Paremos o xenocidio en Gaza'". Esa será toda a referencia oficial ao "xenocidio" no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia.