Axuda humanitaria galega: unha política pública esencial nun mundo en crise

Axuda humanitaria en Dnipro, Ucraína © Farmamundo

No Día Internacional da Axuda Humanitaria repasamos o traballo de varias ONGD galegas en Palestina, Ucraína ou Centroamérica, asistencia que garante vidas, protección e dereitos básicos

Sudán, Ucraína, Palestina, Haití, Afganistán, o Sahel… O mundo concentra a maior cantidade de conflitos activos desde o final da Segunda Guerra Mundial. Non vivimos unha guerra mundial pero vivimos nun mundo en guerra. As crises humanitarias graves afectan a millóns de persoas en todo o planeta. Asegurar en tal contexto a asistencia humanitaria, da que este 19 de agosto se celebra o día internacional, é unha obriga establecida polo Dereito Internacional Humanitario que non está a ser cumprida. De feito, segundo denuncian as ONGD, nos últimos anos, multiplicáronse as trabas ao apoio humanitario e mesmo os ataques a quen exerce este labor. Segundo datos do Aid Worker Security Database, no que vai de ano 173 persoas foron asasinadas; 120 delas, en Palestina. O ano pasado a cifra total de mortes ascendeu a 280; delas, 163 eran palestinas. 

Só en Sudán, Ucraína e Palestina, 40 millóns de persoas necesitan axuda humanitaria; a inmensa maioría delas, de maneira urxente. Nos tres países, así como noutros moitos, está a producirse unha violación flagrante do Dereito Internacional Humanitario ao dificultar a asistencia que merece a poboación e ao atacar ao persoal que realiza este labor. Ademais, os países doantes non están a achegar os fondos que se requiren nin contribuíndo de maneira efectiva á promoción da solución dos conflitos e a construción da paz.

Farmamundi nun hospital en Odesa, Ucraína © José Colón

Palestina, unha crise sen precedentes

No que vai de ano, 173 traballadores e traballadoras humanitarias foron asasinados; 120 delas eran palestinas

As últimas cifras oficiais sitúan o número de persoas asasinadas en case 40.000. Case 90.000 resultaron feridas. 9 de cada 10 persoas en Gaza, case dous millóns, vense obrigadas a desprazarse de maneira constante nun territorio bombardeado sen tregua e sen posibilidade de escapatoria. 

Garantir a asistencia humanitaria é practicamente imposible: foron asasinadas máis de 280 traballadoras e traballadores humanitarios e máis de 500 profesionais da saúde. A utilización da fame como arma de guerra está a causar a morte de milleiros de nenas e nenos. Case medio millón de persoas atópanse en fase 5 de inseguridade alimentaria, é dicir, catastrófica. As altas temperaturas, a falta de auga, combustible, electricidade, alimentos, menciñas… está a agravar aínda máis se cabe unha situación que é absolutamente insostible.

O pasado mes de xaneiro, a Corte Internacional de Xustiza pediu a Israel que tomase medidas inmediatas para garantir que non se cometa un xenocidio. Sete meses despois, os bombardeos continúan de maneira incesante.

Felipe Noya, de Médicos do Mundo Galicia, lembra que “a crise humanitaria en Palestina non comezou o 7 de outubro” senón que a axuda leva sendo imprescindible para facer fronte ao bloqueo e ocupación israelí dende hai máis de dúas décadas. O traumatólogo compostelán, cunha extensa experiencia en axuda en catástrofes, participou en 11 misións na Franza de Gaza, un territorio que coñece ben. Conta como a maioría dos hospitais que prestaban servizo aos seus máis de medio millón de habitantes están destruídos e os que quedan están desabastecidos. “Moitos hospitais foron atacados directamente, incluso con pacientes dentro. A situación é de absoluto arrase”. 

Médicos do Mundo ofrece apoio operativo e técnico que ata o 7 de outubro incluía tamén formación e supervisión do persoal médico local, subministración de equipos médicos, medicamentos e outros materiais, especialmente na área de trauma e da cirurxía ortopédica, aínda que neste momento todo isto está supeditado ás enormes trabas existentes para facer chegar a axuda humanitaria.

“Tras máis de 10 meses de escalada do conflito, seguimos prestando atención primaria e de saúde mental a quen a necesita, así como protección para casos de violencia de xénero. Desde xuño, os 50 membros do noso equipo na Franxa despregaron 3 novas clínicas preto de os campamentos de persoas desprazadas e realizan a diario preto de 1.000 consultas”, explican dende Médicos do Mundo. Denuncian que o seu equipo opera no medio dun perigo constante pero aseguran que “aínda que a situación segue sendo perigosa, mantemos o noso firme compromiso de estar á beira da poboación palestina”.

Asistencia de Médicos do Mundo en Palestina © Médicos do Mundo

Un importante ámbito de traballo que destaca Noya é o da saúde mental da poboación palestina, “extremadamente afectada polo conflito e a ocupación”. As unidades de saúde mental e apoio psicosocial habilitadas son “un refuxio para a saúde mental da poboación que ten que soportar violencia constante, terribles condicións sanitarias, falta de alimentos e brotes de enfermidades. A poboación segue sen ter acceso a necesidades básicas, o que está a ocasionar cada vez máis problemas de saúde mental”. Máis de 3.100 persoas foron atendidas desde febreiro, ofrecendo tamén protección a vítimas de violencia de xénero e apoio ao persoal sanitario, quen tamén enfrontan traumas. Dende a organización aseguran que “a pesar dos desafíos extremos, incluíndo a falta de recursos básicos e a perda de seres queridos, manteñen o seu firme compromiso de estar ao lado da poboación palestina” e non cesan en reclamar “un alto o fogo inmediato e o cumprimento do dereito humanitario internacional”. 

Tamén na Franxa de Gaza traballa a Asemblea de Cooperación pola Paz en colaboración coas súas socias palestinas PACR (Asociación por el Desenvolvemento Agrícola) e PHG (Grupo Palestino de Hidroloxía). Xuntas tratan de mitigar os efectos devastadores do conflito a través da distribución de más de 1,4 millóns de suministros de axuda humanitaria esencial como auga, kits alimentarios e comidas quentes, refuxios, roupa ou mantas, chegando a decenas de miles de palestinos. Pola súa banda, PHG creou a Campaña de Subministración de Auga, que busca prover deste recurso básico a distintos campamentos de refuxiados, e logrou tamén construír baños para contribuír á privacidade e dignidade dos seus usuarios, en particular mulleres e nenas. 

“Máis aló do obxectivo principal destas accións –contribuír a mitigar os efectos do conflito sobre a poboación palestina  búscase tamén xerar un impacto positivo sobre a esnaquizada economía local gazatí. Para iso, as nosas socias seleccionan provedores locais, chegando a acordos con eles co dobre obxectivo de xerar sinerxías entre produtores e comerciantes locais, e garantir a contención dos prezos durante cada intervención fronte á inflación e a especulación”, explican dende a Asemblea de Cooperación pola Paz.

Cisxordania, máis de 500 asasinatos dende o 7 de outubro

A poboación da Cisxordania ocupada tamén está sometida, día tras día, a un derrame de sangue sen precedentes. Segundo a ONU, máis de 500 persoas foron asasinadas dende o 7 de outubro. Farmamudi, grazas a un convenio coa Xunta de Galicia, traballa no campo de refuxiadas de Nur Shams, ofrecendo kits nutricionais de emerxencia para reducir o risco de malnutrición e inseguridade alimentaria entre a poboación máis vulnerable do campo. Ademais distribúe kits de hixiene adaptados ás necesidades de idade, diversidade e xénero, e realiza formacións en materia sanitaria e comunitaria para que as persoas de todos os campos de refuxiados reforcen os seus coñecementos en protección fronte a enfermidades habituais en contextos enormemente insalubres coma estes, explica a súa responsable de comunicación, Yolanda Ansón. 

Actividade de Terra de Homes con nenos e nenas © Terra de Homes

Ucraína, dous anos de guerra sen perspectivas de paz

Os ataques a persoal humanitario incrementáronse notablemente nos últimos anos; a impunidade, con todo, continúa sendo a norma

Case 15 millóns de persoas necesitan asistencia humanitaria en Ucraína, é dicir, o 40% da poboación. Segundo os informes de Nacións Unidas, a situación humanitaria en Ucraína deteriorouse nos últimos meses. Os ataques seguiron provocando mortes, lesións graves e desprazamentos constantes de civís. As infraestruturas víronse gravemente afectadas, o que impactou nos medios de vida e agravou a vulnerabilidade da poboación. 

Farmamundi tamén está presente neste territorio grazas ao acordo coa Xunta cunha intervención que ten por obxectivo “contribuír ao exercicio do dereito á integridade física e mental da poboación desprazada en Poltava (leste de Ucraína) a causa dos ataques que comezaron o pasado maio na zona de Kharkiv”, explica Ansón. Para iso, inclúese o aprovisionamento de aloxamento temporal a mulleres desprazadas internas con menores e persoas maiores a cargo, incluíndo a dotación de insumos básicos para o correcto funcionamento dos aloxamentos, así como a entrega de alimentos e artigos non alimentarios adaptados ás necesidades da poboación desprazada. 

A case mil kilómetros, na provincia de Ivano-Frankivska, rexión que acolle a 120.259 desprazados internos, dos cales o 31% son menores de 18 anos e o 64% son mulleres e nenas, brinda asistencia humanitaria a ONGD Terra de Homes cun proxecto centrado na protección e apoio psicosocial á infancia e familias afectadas pola guerra en Ucraína, especificamente orientado a estas persoas

Aínda que a guerra activa non ameaza con estenderse ao oeste de Ucraína, a poboación desta rexión está directamente suxeita a ataques aéreos, cortes de enerxía e o impacto da mobilización da poboación masculina activa, lembran dende Terra de Homes. A isto súmanse as frecuentes alarmas antiaéreas que contribúen ao sentimento xeral de inseguridade e ansiedade que afecta a toda a poboación, incluídas as nenas, nenos e mocidade.

Os Child Friendly Spaces habilitados pola ONGD non só abordan as necesidades educativas das crianzas que participan neles, senón tamén as necesidades psicosociais das nenas e nenos. “A través de espazos equipados con tecnoloxía moderna e recursos educativos poden continuar co seu proceso de aprendizaxe a pesar das dificultades”, explica Rodrigo Hormazábal, responsable de Cooperación Internacional e Axuda Humanitaria de Terra de Homes. Ademais, “estes espazos ofrecen un ambiente seguro onde poden mellorar a súa autoestima e resiliencia, con actividades que combinan a aprendizaxe coa creatividade e o xogo. A integración do apoio psicosocial dentro do marco educativo é clave para axudar aos nenos a superar os efectos psicolóxicos da guerra”, aseguran dende Terra de Homes.

A colaboración con entidades gobernamentais “é un aspecto clave para evitar duplicacións e responder nas áreas con maiores necesidades”. O traballo realízase coas comunidades e a través dos centros comunitarios, espazos que serven como unha plataforma aberta para a implementación de iniciativas dirixidas a xuventude e infancia. 

Centroamérica: un fluxo de migrantes sen precedentes

En 2023, a Organización Internacional para as Migracións (OIM) instou aos gobernos de Centroamérica e México a colaborar para atender as urxentes necesidades humanitarias dos migrantes que cruzan esta rexión rumbo aos Estados Unidos, nun contexto de movementos migratorios sen precedentes. Segundo o Servizo Nacional de Migración de Panamá a finais do pasado ano, máis de 390.000 persoas cruzaran a selva do Darién desde Colombia, establecendo un récord histórico, con 82.000 migrantes só en agosto, a cifra mensual máis alta rexistrada. A maioría proceden de Venezuela, Ecuador e Haití.

Un dos países atravesados pola ruta é Honduras, onde Solidariedade Internacional de Galicia traballa dende hai anos. O Centro de Descanso Temporal Alivio del Sufrimento, abriu en xullo de 2022 para atender e aloxar a persoas migrantes fronte á saturación doutros centros en funcionamento. Está situado en El Paraíso, próximo á estrada que vai desde o punto fronteirizo de Las Manos (un dos lugares de maior paso). 

Unha técnica de Solidariedade Internacional cunha migrante nun centro de descanso © Solidariedade Internacional

 

Esta dura travesía deixa moitas persoas feridas, ás veces abandonadas en ladeiras lamentas, arrastradas por enchentes repentinas dos ríos e vulnerables a roubos, violencia e abusos sexuais. “Estamos a observar un tránsito por Honduras como antes nunca visto, con milleiros de persoas migrantes en situación de vulnerabilidade, falta de hidratación, nenas e nenos con desnutrición, enfermidades diarreicas agudas ou adolescentes non acompañados, así como ou aumento dos riscos vinculados á migración irregular, persoas vítimas de estafas e de tratantes”, advertiu o xefe de misión da OIM.

“Moitos din que ata que chegan a Honduras non se lles ofreceu un sitio onde descansar, asearse ou comer”, explica Gloria Parra, unha das responsables do proxecto humanitario que Solidariedade Internacional desenvolve xunto coa súa socia Fundación Alivio del Sufrimiento. “Nos últimos anos abríronse varios centros públicos para brindar atención a persoas migrantes e, principalmente, rexistrar a súa entrada e poder xestionar un permiso de tránsito de 5 días que lles concede o goberno. Antes ao entrar de maneira irregular debían pagar unha sanción administrativa, pero desde agosto de 2022 decretouse unha amnistía migratoria que lles exime da devandita multa e que se foi ampliando ata a data actual, aínda que non se sabe que pasará no futuro”.

“Aínda así, na práctica, o certo é que, fronte a uns fluxos tan grandes, as capacidades de resposta do goberno vense limitadas”-continua Parra- “máis aínda cando deben facer fronte a numerosas problemáticas no país”. 

En Centroamérica hai “múltiples crises que coexisten como a inseguridade alimentaria e nutricional, os impactos da violencia xeneralizada, o cambio climático e a mobilidade humana”

Un dos factores que caracteriza a situación de crise humanitaria de Centroamérica con países como Honduras, Guatemala e El Salvador, é que enfrontan múltiples ameazas que tenden a cronificarse. “Múltiples crises que coexisten como a inseguridade alimentaria e nutricional, os impactos da violencia xeneralizada, o cambio climático e a mobilidade humana”, explican dende Solidariedade Internacional.

Debido ao incremento incesante dos fluxos, este ano, en marzo de 2024, Fundación Alivio del Sufrimiento, organización socia de Solidariedade en Honduras, inaugurou un novo centro, a uns pasos do paso fronteirizo, xa que a poboación que cruzaba por aí non tiña ningún sitio onde facer as súas necesidades, asearse ou descansar, especialmente se cruzaban de noite.

Centor de descanso temporal en Centroamérica © Solidariedade Internacional

El Salvador, refuxio e protección para o colectivo LGBTIQ+

A expectativa de vida para unha muller trans en El Salvador é de 33 años, un dato demoledor que pon de manifesto a persecución que sufre este colectivo en moitos países do mundo. A Asemblea de Cooperación pola Paz leva dende o 2022 coa súa socia salvadoreña COMCAVIS TRANS e outras entidades aliadas, poñendo o foco nun segmento da poboación invisibilizada e en situación de risco por desprazamento a causa da súa orientación sexual e identidade de xénero. 

Grazas ao proxecto humanitario que se desenvolve na Casa Refuxio Karla Avelar, un centro de resgardo para persoas LGBTIQ onde se brinda protección e refuxio temporal, atención psicoemocional e asesoría xurídica, máis de 150 persoas foron atendidas nestes dous últimos anos, explica Évora Barreiro da Asemblea de Cooperación pola Paz. Ata ela chegan decenas de casos de persoas desprazadas forzosamente das súas casas e comunidades. 

“Alén de dar unha resposta humanitaria, a intervención ten como eixo da acción a sanación, entendida como unha ferramenta non orientada unicamente ás persoas atendidas, senón tamén ás persoas que coidan e que fan parte do equipo de atención integral a vítimas”, explica Barreiro. “Ao longo deste tempo, afondouse en propostas que contribuíron dun e doutro xeito a procesos individuais e colectivos de sanación mediante a arteterapia e o teatro, e da testemuña e transformación do imaxinario social, a través da creación dun programa de Podcast ‘Voces Transformadoras’, protagonizado polas persoas atendidas e que se pode escoitar de balde en Spotify.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.