De 10 concellos a 32 países en 25 anos: o Fondo Galego de Cooperación celebra o seu aniversario tras 170 proxectos en todo o mundo

Acción de axuda do Fondo Galego de Cooperación en Mozambique © Fondo Galego

A entidade na que se pon en común a cooperación municipalista agrupa hoxe cen concellos e tres deputacións

En 1997 dez concellos crearon o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación coa que poñer en común os recursos que cada un deles quería destinar á cooperación internacional para facela así máis efectiva. 25 anos despois ao fondo están adheridos cen concellos e tres deputacións que neste tempo desenvolveron 170 proxectos en 32 países de todo o mundo. 

O Fondo vén de celebrar hai uns días a súa asemblea xeral, na que aprobou o plan de actividades para este ano, que inclúe diversas actividades de celebración do seu 25 aniversario, que terán o seu momento central a finais de outubro.

Asemblea do Fondo Galego de Cooperación celebrada hai uns días en Santiago © Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación naceu da iniciativa do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), que nos anos 90 realizou diversos estudos sobre a cooperación descentralizada. Froito daquel traballo en 1997 creouse o Fondo, integrado polos concellos de Allariz, Arteixo, Brión, Culleredo, Fene, Moaña, Nigrán, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Oleiros, cuxo tenente de alcalde, Alfredo Novoa, falecido hai dous meses, xogou un papel salientable, xunto co fundador do Igadi, Xulio Ríos, na creación e crecemento da entidade.

O obxectivo do Fondo, máis alá de poñer en común os recursos limitados que cada concello pode destinar á cooperación para así facelos máis rendibles, sempre foi ofrecer unha visión municipalista da axuda internacional. A súa cooperación, sinala o Fondo, nace das administracións locais galegas para “prioritariamente, destinala ás administracións locais ou rexionais dos países cos que cooperamos”. Son “relacións entre homólogos, con reciprocidade e interese mutuo”.

A cooperación internacional do Fondo Galego vai destinada prioritariamente a administracións locais: "Son “relacións entre homólogos, con reciprocidade e interese mutuo”

25 anos despois, xa desligado do Igadi, co que en todo caso mantén unha relación de colaboración, e tras todo tipo de altibaixos froito das sucesivas crises o motivados por cambios de goberno a nivel municipal, o Fondo hoxe está integrado por cen concellos de todas as cores políticas e polas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. No seu haber están xa 170 proxectos en 32 países, de entre os que ocupan un lugar fundamental os da lusofonía e iberoamérica. Cabo Verde con 31 proxectos, Nicaragua con 23, Perú con 20 e Mozambique con 11 son os principais países beneficiados.

Pero o traballo do Fondo non se limita á execución de proxectos máis ou menos materiais de axuda ao desenvolvemento. Outra das iniciativas con máis recorrido ao longo destes anos son as denominadas vacacións con traballo, que xa permitiron a medio cento de funcionarios e funcionarias das administracións locais galegas cooperar de xeito directo pasando períodos de tempo en lugares nos que axudar cos seus coñecementos. E o Fondo tamén desenvolve proxectos de sensibilización entre a cidadanía galega. 

Actuación do Fondo Galego de Cooperación en Perú © Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Este ano, cun orzamento de 486.000 euros, e presidido desde 2017 polo alcalde de Nigrán, Juan González, o Fondo continuará impulsando proxectos na África lusófona. “É o caso do apoio á Rexión de Cacheu, en Guinea-Bissau, para facilitar o subministro de auga, ou o traballo a prol dos dereitos da infancia coa Fundação Encontro en Mozambique, iniciativas que contan con achegas extraordinarias dos concellos de Narón e Cambre, respectivamente”, salienta o Fondo. Canto á axuda humanitaria e de emerxencia, en Mozambique actuarase tamén para paliar os efectos dos últimos ciclóns e nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís estase a reforzar o sistema de recollida de residuos co cofinanciamento de Nigrán e da Mancomunidade do Val Miñor.

O aniversario do Fondo celebrarase a finais de outubro en Lugo, "no marco dun evento máis amplo con incidencia a nivel estatal"

O Fondo tamén ten en marcha un programa de cooperación técnica, denominado Especialistas en Cooperar e cofinanciado pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, que oferta tres prazas para colaborar cos proxectos desenvolvidos en Mozambique nas áreas de arquitectura, igualdade e acción social. Tamén este ano realizaranse misións políticas e técnicas tanto a este país como a Guinea-Bissau, para supervisar as accións financiadas, identificar outras novas e afianzar as relacións institucionais. E na área de sensibilización desenvolveranse diversas iniciativas en numerosos concellos de toda Galicia. 

Na área da acción institucional, salienta o Fondo, “o gran acto será a conmemoración a finais de outubro do 25 aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en Lugo, no marco dun evento máis amplo con incidencia a nivel estatal”.

Instalacións de auga potable desenvolvidas polo Fondo Galego de Cooperación en Mozambique © Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.