David Reinero

Unha ducia de fitos do Igadi no seu 30 aniversario

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) constituíuse o 10 de setembro de 1991 en Baiona por iniciativa de Xulio Ríos. O Consello da Cultura Galega acolle este 1 de outubro un acto polo seu 30 aniversario. Facemos repaso a unha ducia de fitos da súa historia.

  1. 01

    Tempo Exterior

    A revista de análise e estudos internacionais que impulsou o Igadi, de periodicidade semestral, é unha referencia estatal como publicación especializada no sector. E en galego.

  2. 02

    Fondo Galego de Cooperación

    O Igadi promoveu que os concellos galegos puxesen en común os cartos que destinaban por separado a cooperación internacional para facelos máis eficientes e potenciar a solidariedade municipalista. En 1997 naceu o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con dez concellos adheridos e hoxe son máis dun cento as administracións locais galegas incorporadas.

  3. 03

    Fundación Plácido Castro

    A fundación que lembra e pon en valor a figura do polifacético responsable de relacións internacionais do Partido Galeguista, tradutor ou xornalista impulsor do galego na BBC é outra das iniciativas nacidas do Igadi.

  4. 04

    Libro Branco da Acción Exterior

    En 2004 o Igadi elaborou por encargo da Xunta o Libro Branco da Acción Exterior, chamado a ser a folla de ruta de Galicia nese eido. Como ‘think tank’ vén facendo contribucións de todo tipo ás reflexións que todo tipo de institucións políticas, económicas ou sociais abren sobre a acción exterior galega.

  5. 05

    Observatorio de Política China

    Froito da especialización de Xulio Ríos en China naceu esta iniciativa en asociación con Casa Asia para analizar a evolución do xigante asiático.

  6. 06

    CIDIC

    O Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea é a gran biblioteca de publicacións especializadas no eido das relacións internacionais con que conta o Igadi. Está na súa actual sede en Pontevedra.

  7. 07

    Texturas Internacionais

    Ademais da revista periódica Tempo Exterior, o Igadi impulsa diversas publicacións monográficas sobre todo tipo de temas, a maioría delas incluídas dentro da colección Texturas Internacionais.

  8. 08

    Congreso, conferencias, mesas redondas...

    O labor de información e concienciación do Igadi vénse plasmando en todo tipo de actos académicos ou divulgativos.

  9. 09

    Nós no mundo

    Os informes periódicos sobre a acción exterior galega, ou sobre os principais acontecementos internacionais queren ratificar que “en Galicia temos opinión do mundo”.

  10. 10

    Estudantes de prácticas e profesorado visitante

    Polo Igadi pasaron ducias de estudantes de prácticas e profesorado visitante que contribuíu a dar a coñecer no mundo a acción exterior de Galicia.

  11. 11

    O lema

    A razón de ser do Igadi está expresada no seu lema...

  12. 12

    As persoas

    ...pero o Igadi só é posible polas persoas. Porque Xulio Ríos turrou del durante máis de dúas décadas e media, ata que pasou a ocupar a súa presidencia de honra e deixou a dirección nos últimos anos en mans de Daniel González Palau.