Unha ducia de reloxos galegos para sabermos en que hora vivimos
Hai unha semana realizouse o cambio de hora e entramos no chamado horario de inverno (UTC +1), un momento escollido por Pedro Sánchez para relanzar o debate sobre a supresión deste cambio estacional e decidir en que hora queremos vivir, se na UTC+1 ou na UTC+2. Foron días, polo tanto, no que falamos moito do tempo (e non só do meteorolóxico, como é habitual). Un tempo que a humanidade mediu ao longo da historia de moi diferentes maneiras e, de forma recente, a través dos reloxos. Antes de que todos tivesemos un no pulso ou no móbil, resultaban fundamentais os reloxos públicos que en igrexas, prazas ou nas estacións de tren, fixaban a hora pola que se vivía nese lugar. Estes son algúns deses reloxos.
-
01Torre do Reló, na Guarda
A Torre do Reló da Guarda, situada na Praza do Reló, formaba parte da antiga muralla medieval e protexía un dos accesos á vila. Aínda que a construción orixinal data do séxulo XVI, a torre foi reedificada en 1730. O reloxo é de 1924.
-
02Torre do Reloxo, Castro Caldelas
A Torre do Reloxo de Castro Caldelas forma parte do castelo medieval que domina a localidade dende o cumio de Cima de Vila. O castelo foi erguido e reconstruído en varias ocasiós, a última no século XVI, es estilo renacentista. A Torre do Reloxo forma parte da liña de murallas exterior e é a parte más antiga que se conserva do castelo. O reloxo data do século XIX.
-
03Reloxo de Guitián, Cangas
O Reloxo de Guitián, en Cangas, é en realidade todo un equipo de predición meteorolóxica (con termómetro, barómetro, anemómetro e higrómetro), ademais do propio reloxo construído no ano 1907 na Alameda á rúa Real, e constituía un punto de consulta obrigada para os mariñeiros antes de saír ao mar. Foi unha iniciativa do tenente de Navío da Armada Álvaro Guitián, que impulsou unha subscrición popular para construílo.
-
04Reloxo do Obelisco, na Coruña
Hai poucas cousas máis coruñesas que quedar no Obelisco, ao pé desta torre con reloxo que marca os tempos da cidade dende 1891. Na súa orixe dúas das súas catro esferas marcaban a hora da Coruña e as outras dúas a hora de Madrid, pois había uns 19 minutos de diferenza ata que o horario se unificou no momento en que as dúas cidades ficaron unidas por ferrocarril. Imaxe: postventarelojeros.com
-
05Torre do Reloxo ou da Berenguela, na Catedral de Santiago
Se o do Obelisco é o reloxo máis senlleiro da Coruña (hai outros, o de Madría Pita ou o floral dos Cantóns), en Compostela a referencia sempre foi o da Catedral, situado no alto da Torre da Berenguela (ou Torre do Reloxo). A torre ergueuse inicialmente no século XIV pero a súa forma actual na parte superior débese a Domingo de Andrade (1680). O reloxo orixinal (1522) tivo que se substituído e o actual foi construído en Ferrol en 1831 por Andrés Antelo Lamas.
-
06Reloxo do Instituto Santa Irene de Vigo
En Vigo, un dos reloxos de referencia é o do Instituto Santa Irene, cuxo edificio, de Antonio de Cominges y Tapias, foi inaugurado en 1946.
-
07Reloxo de sol na Igrexa de Hío (Cangas)
Era obrigatorio incluír algún reloxo de sol. Galicia conta, como mínimo, con máis de 1.500 reloxos de sol, situados en pazos, igrexas, hórreos, fontes ou prazas. Obxectos que durante séculos serviron para medir o paso do tempo.
O blog reloxosdesol.wordpress.com realizou un inventario destes elementos, que mesmo situou nun mapa. 1.501 reloxos de sol coma este, situado na Igrexa de Hío, en Cangas.
-
08Torre do Reloxo, Ribadavia
A Torre do Reloxo de Ribadavia atópase na Praza Maior da localidade, unida á Casa do Concello. En realidade a torre é o único que se conserva do antigo edificio do século XVI que ocupaba este lado da praza, pois a parte que corresponde á casa consistorial foi reedificada no século XIX en estilo neoclásico. O reloxo foi substituído cando menos en dúas ocasións, primeiro en 1781 e despois en 1902, cando se instala o actual aparello de corda.
-
09Torre do Reloxo, Samos
En Samos o seu reloxo é anterior á torre no que se asenta. O reloxo data de 1801, cando se instala no mosteiro da localidade. Porén, en 1835 a abadía fica abandonada despois da desamortización de Mendizábal. En 1857 apróbase a construción dunha torre no centro de Samos para acoller o aparello, unha construción que non se completa ata moitas décadas máis tarde, en 1915.
-
10Torre do Reló, Cea
A Torre do Reló é un dos símbolos de Cea. Dende 1926 o cupa o centro dunha praza. Na súa construción participaron canteiros de sona como Failde, Ruibal e Monteagudo.
-
11Torre do Reloxo, A Pobra de Trives
A Torre do Reloxo da Pobra de Trives é tamén un símbolo na localidade e a súa construción foi contemporánea á de Cea, pois inaugurouse en 1928. Porén, a torre foi derrubada en 1960 e non foi reconstruída ata 1995, aínda que o reloxo si é o orixinal.
-
12Torre do Reloxo, Betanzos
En Betanzos hai moitos reloxos que poderíamos destacar. Pero entre todos eles destaca o situado na chamada, precisamente, Torre do Reloxo, na Igrexa de Santiago. A torre, do século XVI e con planta poligonal. O reloxo foi construído por Lombarderon no ano 1757.
-
13Torre do Reloxo de Neda
A actual Torre do Reloxo de Neda formou parte do antigo Hospital de Peregrinos (século XVI) da localidade, situada no Camiño Inglés aínda que a propia torre é posterior, pois data de 1786. O reloxo, anexo á actual Casa do Concello da localidade, sitúase na Rúa Real, caracterizada polas súas casas con soportais.
-
14Torre do Reloxo de Maside
A Torre do Reloxo de Maside destaca por acoller o reloxo máis antigo construído en Galicia, construido en 1754 por Baltasar Barreiro de Andrade. Foi adquirido polo concello en 1843, despois de que fose posto á venda tras a desamortización de Mendizábal