Tesouros do noso patrimonio para ver e tocar (virtualmente)

Detalle do reloxo © CCG

Pode contarse a historia dun país a través dunha serie de obxectos? O vindeiro 10 de maio inaugurarase na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) en Santiago de Compostela a exposición Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, unha mostra organizada polo Consello da Cultura Galega que amosará unha selección de cen obxectos, desde o Paleolítico Inferior ata os anos 90 do século pasado, seleccionados pola súa capacidade de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios ao longo do tempo. O evento, que tamén pasará por Vigo e A Coruña, combina a exposición física dalgúns destes obxectos con ferramentas interactivas que botan man das últimas técnicas empregadas na dixitalización do patrimonio, como modelos 3D e animacións.

Praza ofrece en exclusiva dous deses modelos 3D, os correspondentes ao Reloxo da Catedral de Santiago (unha fermosa e delicada peza realizada por Andrés Antelo en 1831) e á Virxe Abrideira de Allariz (de finais do século XIII e que pode verse no Museo de Arte Sacra de Santa Clara da vila ourensá). Ambas as dúas pezas pódense ver, xirar e tocar dende calquera dispositivo grazas ao traballo desenvolvido polos arqueólogos Patricia Mañana Borrazás e Alejandro Güimil Fariña, que empregaron técnicas de medición directa en base a fotogrametría e escáner 3D., combinando os datos de ambas as dúas fontes.

É especialmente salientable, destaca Patricia Mañana, o caso do reloxo da Catedral, "pola gran cantidade de detalles, de pequenas pezas, con formas requintadas e superficies de brillan". Para este obxecto aplicouse unha técnica de reconstrución en 3D, utilizando un programa de deseño en tres dimensións (Blender), de xeito que se puidesen obter para o modelo as partes que non estaban accesibles a simple vista. O proceso coa Virxe foi algo máis sinxelo, explica, ao ter todos os seus elementos á vista. "Porén, trátase dunha peza pequena e complexa, con moitos detalles na súa superficie. Neste caso, aplicouse a textura das fotografías para obter un modelo máis realista", comenta.

"Queremos que a xente coñeza estas técnicas, porque creo que é unha maneira moi valiosa de conservar e difundir o patrimonio. Esta exposición é un evento moi importante para dar a coñecer entre todos a riqueza do noso país"

Os modelos que se poden ver a través destas reproducións están simplificados, para permitir a súa consulta e interacción a través da rede e mesmo a través de dispositivos móbiles. Porén, a información recollida é moi ampla, obtendo un conxunto de datos cuxo resultado é unha malla que se podería imprimir en 3D sen ningún problema dende calquera lugar do mundo. Ademais deste uso, dende logo moi apetecible, Patricia Mañana salienta no campo do patrimonio todas estas técnicas "serven para documentar e preservar dixitalmente elementos que corren o risco de sufrir alteración co tempo, rexistrando con moito detalle o seu estado". "De igual xeito, serve para compartir información con investigadores que están noutro lugar, que poden visitar e analizar os modelos que realizaches", engade.

Permítelle tamén á xente unha exploración directa e en profundidade destes obxectos, a través dos seus dispositivos caseiros ou móbiles e mesmo grazas á realidade virtual, nun nivel de detalle e detemento que ata agora só estaba accesible para os investigadores. "Queremos que a xente coñeza estas técnicas, porque creo que é unha maneira moi valiosa de conservar e difundir o patrimonio. Esta exposición é un evento moi importante para dar a coñecer entre todos a riqueza do noso país", conclúe Patricia Mañana.

 

O reloxo da Catedral

Estas ferramentas permiten non só consultar con detalle estes obxectos (mesmo a través da realidade virtual) senón mesmo obter unha copia física cunha impresora 3D

Foi construído por Andrés Antelo, de Ferrol, en 1831, e polo seu deseño e acabado é un referente da reloxería española. Está instalado na torre da Berenguela e dispón de catro esferas con movemento solidario dunha soa agulla en forma de seta para marcar as horas. Na súa construción realizouse un cálculo moi detallado das rodas e piñóns para obter un movemento cuns roces mínimos, e elixiuse, como sistema de escape de áncora, o tipo Graham, un dos máis exactos e fiables que existían naquela altura. Con este coidadoso sistema, conseguiuse un dos reloxos máis exactos de España naquel tempo.

Andrés Antelo Lamas (1773-1844) achegouse á técnica aos dez anos como aprendiz de cerrallaría nun obradoiro dos estaleiros da Maestranza no Ferrol. Ascendeu posteriormente ata o grao de tenente de fragata e recibiu en 1811 a graduación de enxeñeiro extraordinario da Mariña. Foi un home polifacético, que mellorou a maquinaria do Arsenal e construíu diferentes enxeños da súa invención. Destacou no ámbito da reloxería e, así, construíu o reloxo do mosteiro de Celanova, en 1813 o de Sobrado dos Monxes e, catro anos máis tarde, o da catedral de Lugo. Como destaca Francisco Díaz-Fierros, "este reloxo pode interpretarse como un símbolo da proxección que tivo en Galicia o alto grao de saber técnico que se desenvolveu no Ferrol a partir do século XVIII, e no que os nomes ilustres de Baleato, Antelo ou Comerma, entre outros, foron exemplo de como a industria máis adiantada podía ter arraigamento neste país".

Reloxo da Catedral de Santiago © CCG
Detalle do reloxo © CCG
A Virxe Abrideira © Turismo.gal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.