“Hai moito tempo que nos coñecemos. Son o Medo e só busco a vosa atención”. Así comeza a carta de presentación do novo libro de Nuria Díaz (Vilagarcía de Arousa, 1982), ¿De qué tienes miedo? Guía ilustrada de terrores de la A a la Z, publicado pola editorial Lunwerg. Un percorrido que vai máis alá das historias populares e dos mitos, para achegarse aos medos cotiás, eses que máis asustan pero que menos se parecen ás pantasmas ou aos morcegos.
En medio das celebracións do Samaín, citámonos coa ilustradora e deseñadora gráfica residente en Compostela para debullar o papel que xogan os medos nas nosas vidas. Díaz vén de pasar unha semana na Residencia Literaria Illa de San Simón, impulsada dende a Xunta, onde comezou a traballar nun conto de ficción. Este é o seu cuarto libro como autora e ilustradora, tras tres volumes arredor de cineastas.
Pola carta coa que comeza, semella que este libro é para o que se estaba preparando sen sabelo durante toda a vida.
Pode ser, porque ademais non foi un libro pensado por min, como case ningún dos que teño como autora completa. Vanse poñendo no meu camiño dalgunha maneira. Pero este en concreto foi moi curioso porque este non ía ser así. Cando mo propuxo a editorial, hai dous anos e medio, non ía ser este libro, pero o plan inicial non foi adiante e eu tampouco estaba de todo convencida. Sabiamos que o libro ía falar do medo e foi entón cando a miña editora me suxeriu o título, para que a partir del eu puidera idear o que quixera.
Que curioso, así que finalmente tivo liberdade total?
Si, si, total. Está moi ben, aínda que ás veces tamén abruma. Pasei varios meses pensando que tipo de libro podía facer, pois o medo é un tema inabarcable, podes enfocalo dun montón de formas diferentes. Había dúas cousas que tiña que respectar: a extensión, que son 120 páxinas, non é un libro moi extenso; e a idade, para que o puidera ler a rapazada a partir dos doce anos. Con esas dúas premisas comecei a darlle voltas e primeiro pense nun libro de Samaín, pero descartei axiña a idea e púxenme a pensar en como abarcar omedo. Foi aí cando se me ocorreu a idea do alfabeto, con pequenas definicións e historias sobre casa letra.
Ademais en cada letra volve ter liberdade, porque unhas teñen textos máis divulgativos, outras contan historias... Pero en todas o narrador fala de ti a ti coa persoa lectora.
De feito, quixen que o propio medo fose o narrador. Precisamente por esa carta a modo de declaración de intencións coa que comeza o libro. Aquí o medo dálle a man ás lectoras e lévaas canda el a coñecer o seu mundo.
Aí aparecen a ansiedade, a inseguridade, a síndrome da impostora... Coñéceas ben?
A ver, todo medo comeza co descoñecemento. Unha vez que sabes por que pasan as cousas podes afrontalo doutra maneira. O que pasa é que moitas veces queremos afastalo porque é unha emoción desagradable, que non nos gusta sentir, e non lle damos o espazo que necesita. É verdade que hai medos que son moi paralizantes, que non che deixan facer vida normal, e iso xa é outra historia. O interesante é pensar que todos temos medos porque é unha emoción básica que nos avisa de perigos.
Tiñas claro que quería falar da ansiedade? Pois dependendo de quen o enfoque, non a vincula co medo.
Ben, é que unha compañera inseparable do medo. O que pasa é que despois, dependendo de cada persoa, de cada circunstancia vital e de cada aprendizaxe da nosa vida enfrontamos a ansiedade dunha maneira ou doutra. Eu son unha persona moi ansiosa. Creo que na miña familia temos medos que se transmiten de xeración en xeración. Moi vinculados a todas estas historias da oralidade. De feito, falo da Santa Compaña, das meigas e todo este tipo de historias que están moi arraigadas no noso pobo.
Eu a verdade que tiven unha relación co medo durante toda a miña vida, e agora estou empezando a darlle a man. A dicir, pois mira non vamos deixar que esteas aí tan presente na miña vida. Vamos intentar facer todas as cousas que ás veces non quería facer por medo. Como, por exemplo, facer entrevistas, que é algo que a min sempre me deu moito medo; pero tes que estar aí como autora para acompañar os libros.
Así que non tiña moita gana de rematar este libro.
Pois mira, ás veces sentes un baleiro terrible despois de estar tanto tempo cunha historia ti soa. Porque claro, esta profesión é super solitaria. Estás aí contando as túas cousas, que só ven a túa editora e o equipo editoria, e de pronto todo iso que facías pasa a ser para o público. Complétase o círculo. Eu quero contar unhas historias e logo está a expectativa de como as vai recibir a xente. Ese tamén é un tipo de medo. Non todos os libros son para todo mundo. Evidentemente, hai libros que gustan máis e outros menos, pero sempre tes aí a incertidume presente.
Máis hoxe en día, que a resposta da xente que a le chégalle directamente a través das redes sociais.
É terrorífico porque ao mellor de dez comentarios bos hai un malo e ti quedas co malo.
De feito, un dos medos, concretamente o da letra R, refírese precisamente á realidade.
Si, a como nos estamos a relacionar hoxe en día coa realidade. O tema das redes sociais dá moito que pensar, comparar a túa vida coas das demais, os filtros que nos poñemos, que é real e que non o é... Eu fagounha pequena introducción, pero pensei que era importante para colocar aí o debase sobre como nos estamos enfrontando á propia realidade, e o medo que poidamos ter dela.
Máis aínda pensando no lectorado máis novo, que ten as redes e o eido dixital máis presente.
Exactamente. Porque eu crieime nos anos oitenta, nós fixemos a transición do analóxico ao dixital pero aínda tivemos obxetos. Agora creo que está volvendo unha nova corrente de xente á que lle gusta ter os seus walkmans, que ten certo apego polas cousas físicas. Pero é que para estas novas xeracións a maioría das cousas que comparten son nun mundo virtual.
A cuestión tecnolóxica está moi presente no libro, tamén esa posibilidade de reemprazo que existe agora coa Intelixencia Artificial. Como autora ten unha preocupación con isto?
Outra máis, por se non tiñamos abondo os creadores, sempre coa precariedade do sector cultural ás costas e agora isto... Ademais é que o problema está na IA xenerativa, que carece de ética porque é un roubo masivo de imaxes para alimentar o monstro. Eu intento manterme un pouco informada, pero que tampouco me quite o sono. Realmente queremos que as máquinas nos reempracen? Que vai ser do ser humano? É todo un debate bastante complexo.
Evidentemente non todo é malo, pero creo que é preciso facer unha regulación. Vai ser complexo porque hai moitos poderes distintos e empresas implicadas, pero o que pase con isto é outro motivo de ansiedade social que temos aí. Temos a sorte de que moitas Administracións nos seus contratos especifican que os deseños non poden realizarse con IA, pero despois hai un montón de carteis de festas ou eventos locais que están feitos a golpe de clic.
O cinema é protagonista dos seus libros anteriores como autora e ilustradora: El Gran Hotel Wes Anderson (Lunwerg, 2018), Alfred Hitchcock: el niño que filmó el miedo (Libre Albedrío, 2023) e Charles Chaplin: el pequeño vagabundo (Libre Albedrío, 2024). Pero tamén está moi presente aquí, películas e series serven para explicar medos e, ademais, para facerse cun feixe de recomendacións para ver.
Máis ou menos na definición de cada letra hai unha referencia ao cine ou á literatura. É que o cine sempre foialgo que me produciu paixón. É unha linguaxe coa que conecto desde pequeniña. Neste libro quixen facer unha recompilación de diferentes películas e series relacionadas co medo. Se cadra non son as típicas películas de terror ou de sustos porque aí falo por exemplo de Wall-E, que é todo o contrario, pero me serve para explicar o medo a sermos reemprazados porque neste filme o verdadeiro humano non ten sentimentos, é o robot.
Diga unha película coa que pasara medo.
El orfanato, de Juan Antonio Bayona. Soñei con ese rapaz moitas veces...
Que aprendizaxes sacou do proceso de traballo sobre o medo para este libro?
Se cadra a aprendizaxe máis importante foi ver como o medo está presente en case todos os ámbitos da vida, que o impregna todo. Ademais, pensei moito como tendemos a rexeitar as emocións que non son agradables. Non somos quen de atendelas. Menos aínda se tes unha fobia, que xa quedas aí paralizada. Por exemplo, eu teño amaxofobia, que é a fobia a conducir, e fixen terapia pero non me atrevo a facerlle fronte. É cousa de cada un, pois para superar unha fobia hai que enfrontarse a ela, pero é unha decisión que ten que tomar cada persoa. As fobias son extremadamente limitantes.
Na parte do debuxo tamén había moitos retos no libro porque cada letra funciona como un capítulo distinto. Aínda que todo segue a súa marca persoal, como se consegue iso?
Iso son anos de traballo. O estilo ás veces é máis unha maneira de contar, non ten tanto que ver coa técnica. Pero a min sempre me gusta facer figuras solitarias, non excesivamente recargadas. Neste libro o reto foi tamén a composición das páxinas porque hai moito texto. A min gústame pensar o libro como un todo, no que poida contar historias desde a cuberta ata cando pasas as gardas. Neste caso optei por que cada letra teña unha cor predominante. Pero encaixalo todo é moi difícil, hai quen pasa moitísimo tempo coa cor ou coas artes finais, non é o meu caso. Eu tardo máis en atopar a estrutura do conxunto, ás veces a ilustración vai primeiro, outras é o texto.