A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas vén de publicar o Mapa Literario de Vigo, unha ferramenta colaborativa que recolle o denso espazo literario que constitúe a cidade olívica
De Xulio Verne a Pedro Feijóo ou Carlos Oroza, de Ledicia Costas a Ernest Hemingway ou María Xosé Quezán, de Xosé Luís Méndez Ferrín a Álvaro Cunqueiro ou Marcos Calveiro. Vigo é literatura. Na cidade olívica leuse e escribiuse e foi, ademais, escenario e protagonista dunha chea de obras literarias. A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo vén de publicar o Mapa Literario de Vigo, unha ferramenta colaborativa que recolle o denso espazo literario que constitúe a cidade olívica.
O documento inclúe 3307 referencias a 285 novelas de 153 autores e autoras distintas. Na páxina do proxecto destácase que "Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, é tamén un importante escenario de obras literarias. A cidade conta cunha traxectoria literaria relevante, que se remonta a séculos atrás, cunha comunidade literaria activa, que inclúe escritores e escritoras, editoriais, bibliotecas, librarías e outras entidades culturais".
O documento inclúe 3307 referencias a 285 novelas de 153 autores e autoras distinta e deseña unha ducia de rutas para percorrer os lugares que aparecen en cada obra literaria
Na iniciativa da biblioteca Neira Vilas colaboraron editoriais, fundacións e entidades culturais e, ademais, un amplo grupo de lectores e lectoras, usuarias da biblioteca, que contribuíron á recompilación de citas bibliográficas. O proxecto permite consultar detalles das preto de trescentas obras analizadas, coas localizacións da cidade olívica que aparecen no texto.
Así mesmo, inclúese unha referencia biográfica para cada unha das 153 autoras e autores incorporados ao proxecto. Igualmente, deseñáronse un total de doce liñas literarias, imitando liñas de metro, coas que percorrer os distintos barrios da urbe, con indicacións das obras que fan refererencia a cada lugar. O mapa pódese descargar nesta ligazón.
Os seus responsables destacan que pretenden que este "sexa un proxecto vivo que vaia medrando cos novos títulos que aparezcan e que teñan como espazo as rúas da nosa cidade; tamén que sexa un traballo colectivo no que quen queira colabore para completalo".
Como escribiu Ledicia Costas en Pel de cordeiro, "nunca consegues coñecer esta cidade por completo. Sempre quedan rúas, camiños, escaleiras que xamais pisaches porque é tan fragmentaria coma inabarcable. Vigo é unha superposición de fragmentos. Alguén os coseu e agora vivimos nesta colcha de patchwork chea de cores e texturas"