Este mércores comeza en Bos Aires a feira do libro da capital arxentina, unha das citas máis importantes para o mundo do libro e a edición en todo o planeta, con maís de 1.200.000 visitantes e máis 500 expositores de 20 países. Santiago de Compostela (e, por extensión, Galicia) será protagonista nesta edición, ao tratarse da cidade convidada, unha condición na que sucede a México e Amsterdam. París será a urbe escollida no 2017.
Martiño Noriega e Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, presentaron este luns as actividades organizadas polo Concello ao abeiro desta oportunidade. Noriega explicou que "o proceso polo que Compostela é a cidade invitada na Feira de Bos Aires foi lanzado pola Xunta de Galicia, que está levando o peso da organización. O Concello colabora cun espazo propio, e con actividades paralelas" e salientou "a importante oportunidade de promoción que supón esta cita".
"Compostela Colateral parte do convencemento de que a literatura actual é necesariamente oral, e por iso se bota man de lecturas, performances e coloquios"
Ademais de ser partícipe na programación deseñada pola Xunta, o Concello de Santiago organizou un ciclo paralelo que, baixo o nome de Compostela Colateral, achegarase á literatura galega actual dun xeito novidoso, a través de lecturas dramatizadas, performances e charlas nocturnas que se prolongarán durante tres semanas. O Concello sumou á delegación que viaxa a Bos Aires aos escritores Teresa Moure, Clara Gayo, Diego Ameixeiras e Antón Lopo. Os catro estarán no Club Cultural Matienzo, un espazo de referencia na capital arxentina dedicado á cultura independente. Branca Novoneyra incidiu en que "Compostela Colateral parte do convencemento de que a literatura actual é necesariamente oral, e por iso se bota man de lecturas, performances e coloquios para relacionar a literatura independente que ten a súa base en Santiago con espazos culturais independentes de Bos Aires".
Teresa Moure presentará o seu último libro, Ostrácia, cunha lectura performática; Clara Gayo fará unha intervención titulada O meu libro, o meu corpo, na que mestura a lectura dramatizada e o audiovisual; e Antón Lopo protagonizará Lampíricos, unha performance poética que busca "o contacto directo co espectador a través de preguntas sucesivas que crean unha atmosfera inquietante". Por último, o escritor Diego Ameixeiras manterá unha charla nocturna sobre novela negra co autor arxetino Kike Ferrari. Os dous falarán das "posibilidades de renovación dese xénero, que entenden como algo que vai máis alá do puro entretemento e pode servir para ser crítico coa realidade social que nos rodea".
O Mapa Literario de Santiago "está pensado para os que saben que as palabras constrúen as cidades, e para os que queren descubrir Compostela a través da literatura"
A concelleira de Acción Cultural presentará o Mapa Literario de Santiago de Compostela, tanto no propio recinto da Feira do Libro como na Libraría Eterna Cadencia, unha das máis recoñecidas de Bos Aires. Novoneyra sinalou que o mapa, unha idea orixinal do colectivo Compostela Literaria, "está pensado para os que saben que as palabras constrúen as cidades, e para os que queren descubrir Compostela a través da literatura". No mapa recóllense lugares vinculados a fragmentos literarios de 14 autores e autoras, algúns deles actuais como Suso de Toro, Teresa Moure ou Lupe Gómez, e outros que forman parte da historia da literatura como Rosalía de Castro, Otero Pedrayo ou Ramón María del Valle-Inclán. Outra das referencias é Federico García Lorca, "porque os escritores que nos visitaron tamén axudaron a construír a Compostela literaria".
Noriega aproveitará ademais a viaxe a Bos Aires para manter diversos contactos institucionais. Así, antes da inauguración oficial da Feira está previsto que o rexedor realice unha visita institucional ao Goberno de Bos Aires, e outra ao Centro Galego de Bos Aires. Martiño Noriega tamén manterá unha audiencia co Embaixador de España en Bos Aires, visitará o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, a sede da Federación de Sociedades Galegas e o Museo da Emigración. A axenda do alcalde na capital arxentina complétase coa súa participación no acto de celebración "Buenos Aires celebra Galicia", e cunha conferencia invitado pola Central de Traballadores Arxentinos.