“Sobrevivirá a literatura e, en xeral, toda a ficción sobre o Camiño máis alá dos impulsos institucionais? Mutará en aproximacións máis problemáticas desde o punto de vista estético, político e social coma as levadas a cabo por Vidal Bolaño? Seguirán as sagas do negro vigués co excelente comportamento actual? Continuará estendéndose a fórmula ‘noir’ na literatura galega coa velocidade coa que o fixo nos últimos dez anos? Terminará ‘Fariña’ vampirizando toda a ‘narcoficción’ galega?
O talento creativo forxado no campo cultural galego (escritores, actores, produtores) seguirá a ter un papel protagonista nas ficcións pensadas para un público global? Baleiraranse de contido ideolóxico a dimensión xeopolítica que a ‘narcoficción’ tivo nas primeiras aproximacións ao xénero?”. Son algunhas das preguntas que formula o investigador e profesor Xaquín Núñez Sabarís nas conclusións do seu ensaio ‘Cartografías da narrativa galega contemporánea’ (Galaxia), gañador do Premio Ramón Piñeiro 2020.
Núñez Sabarís proponse neste traballo trazar unha “cartografía conceptual e xeográfica da narrativa galega actual, a partir do estudo de tres casos singulares, expresados non só a través da literatura, senón tamén das artes escénicas, o cinema e a televisión, e ambientado en tres espazos xeográficos ben definidos: Compostela, Vigo e as Rías Baixas, articulados con temáticas xenéricas recoñecibles a nivel global: o ‘thriller’ relixioso, a novela negra e a ‘narcoficción”, centrándose así “na Compostela mística e fantástica do ‘thriller’ xacobeo, no Vigo da puxante novela negra e no litoral das Rías Baixas como mapa indispensable da ‘narcoficción”.
Subliña como a “excepcional recepción literaria e audiovisual’ de ‘Trece badaladas’ de Suso de Toro abriu camiño para outros proxectos
O autor comeza a súa análise polo ‘thriller’ relixioso arredor do Camiño de Santiago, subliñando como a “excepcional recepción literaria e audiovisual’ de ‘Trece badaladas’ de Suso de Toro abriu camiño para outros proxectos que gozaron igualmente do “favor do público” coma a película ‘O Apóstolo’ de Fernando Cortizo ou a novela ‘Camiño de paixóns’ de Carlos Meixide. A Compostela mística e fantástica do ‘thriller’ xacobeo, como a novela negra ambientada en Vigo e a ‘narcoficción’ situada nas Rías Baixas introducirían, segundo Núñez Sabarís, “contidos anovadores” na narrativa galega reorientando a súa tradición literaria. Mostra disto sería por exemplo que “os misterios milenarios da cidade apostólica non foran un elemento central no canon narrativo galego, pero serano na ficción actual, adoptando a adaptando a fecunda tradición fantástica da narrativa galega”.
O elemento fantástico
Así, aínda que o elemento fantástico tería sido un recurso narrativo importante na literatura galega, sobre todo desde o relato breve con predominio do “compoñente identitario”, a partir dos 80 produciríase unha “revitalización do fantástico” e dos “referentes culturais e temáticos do conto tradicional”, acadándose “unha maior autorreferencialidade e autonomía” -respecto ao campo político- no “funcionamento do campo cultural”, de xeito que xa no presente século os modelos xa non virían determinados polo subliñado da “identidade cultural”, senón pola “asimilación e normalización de xéneros narrativos que funcionan a nivel global”.
‘Trece badaladas’ e ‘O Apóstolo’ inscribiríanse, así, na esfera do “fantástico contemporáneo”, popularizado por diversas series de televisión dos anos 60 e 70, ademais de constituír o primeiro, xunto coa súa versión cinematográfica, un exemplo de “narrativa de carácter transmedial”, xa que a película e o libro xurdiron ao mesmo tempo. O “óptimo funcionamento a nivel internacional”, en termos de mercado, mostrado pola temática xacobea animou segundo este autor a seguir por ese camiño a outros creadores do país, en consonancia tamén co impulso institucional da mesma.
O “óptimo funcionamento a nivel internacional”, en termos de mercado, mostrado pola temática xacobea animou segundo a seguir por ese camiño a outros creadores do país
Aínda que a temática non era, lembra o autor, tan novidosa na literatura galega, pois xa o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño asinara títulos coma ‘As actas escuras’, que presenta unha curia compostelá “máis interesada en manter a lenda apostólica” que na verificación dos argumentos científicos sobre a tumba do Apóstolo. E se xa Vidal Bolaño introducira influencias cinematográficos no tecido desta historia, Suso de Toro tamén xogará con “referentes intertextuais e intermediais” en ‘Trece badaladas’, desde Prisciliano, Orosio e Martiño de Dumio a ‘O nome da rosa’, novela e filme. ‘
Trece badaladas’ respondería, segundo o autor, ao “xiro posmoderno do elemento fantástico” e en concreto a “orientación neofantástica” na que se asume o mundo real como unha “máscara” que oculta a segunda realidade, verdadeiro destinatario da narración. A novela de Carlos Meixide ‘Camiño de paixóns’ afastaríase, porén, desta tendencia fantástica, mais mantendo unha “aura misteriosa, enigmática e espiritual”, demostrando o seu autor estar atento “aos procesos narrativos e de produción creativa que se levan a cabo noutros medios e que conseguen alcanzar un público numeroso e heteroxéneo” e ter capacidade para mesturar o ‘pulp’, o suspense ou os libros de autoaxuda.
A explosión do policial
A cidade de Vigo será, por outra parte, segundo Núñez Sabarís, testemuña da “explosión do policial” na narrativa galega. Os números de vendas das novelas de Domingo Villar, Pedro Feijoo, Francisco Castro, Arantza Portabales ou Ledicia Costas parecen validar segundo este autor “a capacidade dun determinado xénero de literatura para conectar cos intereses dun público amplo”. González-Millán sinalara -lembra Núñez Sabarís- xa o carácter fundacional para o xénero policial en galego de ‘Crime en Compostela’ de Carlos Reigosa, xunto coa incorporación, nos anos 80, de “novos repertorios, orientados ao lecer” nunha literatura comercial, popular, ata entón escasa nas letras galegas. Así, se ‘Crime en Compostela’ abría paso ao ‘thriller’ detectivesco, este xénero acadará “nos últimos anos unha proliferación editorial e unha posición canónica inédita ata o momento”, como mostra por exemplo a “prolífica produción literaria (e crítica) de Diego Ameixeiras”.
Mais foi a publicación de ‘Ollos de auga’ e ‘A praia dos afogados’ de Domingo Villar, segundo este autor, o que converteu “a novela policial en galego nun produto literario de consumo masivo”. A primeira novela de Pedro Feijoo, ‘Os fillos do mar’, seguiu “marcas narrativas semellantes” con “análogos resultados”, e despois Galaxia “recuperará o éxito das novelas de Villar cunha fórmula próxima ao éxito de Xerais con ‘Os fillos do mar”. Fórmula que aplicarán Francisco Castro en ‘Tes ata as dez’ ou Manuel Esteban en ‘A ira dos mansos’. O ‘noir’ vigués continuará máis tarde con ‘Infamia’ de Ledicia Costas ou ‘Un lume azul’ de Pedro Feijoo. Boa parte destas novelas acadaron ademais un grande éxito no mercado español a través da tradución, funcionando a espacialización do relato tamén como unha estratexia narrativa para atraer un lector non galego.
Boa parte destas novelas acadaron ademais un grande éxito no mercado español a través da tradución, funcionando a espacialización do relato tamén como unha estratexia narrativa para atraer un lector non galego
Seguindo a Arturo Casas, que reflexionara sobre a relación entre dous campos literarios coma o galego e español, tan “descompensados na fortaleza das súas industrias”, Núñez Sabarís pregúntase tamén se a incorporación da narrativa galega a este ‘boom’ do policial, ao tempo que reforza a autonomía da literatura -respecto á esfera da política- a través da atracción de novos lectores, non reforzará a condición “subxenérica” da literatura en galego a partir dunha concepción “rexionalizante” da temática policial. Aspecto que ás veces é destacado a efectos de promoción das traducións ao castelán.
A representación focalizada en Vigo de boa parte do ‘noir’ galego ten que ver, segundo Núñez Sabarís, coas connotacións culturais e sociolóxicas desta cidade como centro de operacións editoriais -é onde residen Xerais e Galaxia- ou polo de actividade industrial e portuaria, como Barcelona no caso do policial en castelán. Aínda que na maioría destas novelas, segundo este mesmo autor, a expresión máis “dura” do negro non é un elemento substancial, pois nin abunda a extrema violencia nin se afonda en problemas sociais “agudos”.
Pola contra, a potenciación do elemento xeográfico -as descricións detalladas da cidade, o mapeado da mesma- actúa como práctica “transmedial” favorecendo a “inmersión experiencial do lector” e desta maneira unha “relación máis participativa” cun produto de consumo, a través de websites, roteiros literarios ou clubes de lectura, por exemplo.
A ‘narcoficción’ galega
O factor xeográfico é tamén fundamental, segundo Núñez Sabarís, no caso da ‘narcoficción’ galega, que amosa tamén un carácter transnacional e transmedia, con interacción entre a literatura, o xornalismo, o cinema ou as series de televisión. ‘Fariña’, adaptación do libro homónimo de Nacho Carretero, e ‘Vivir sin permiso’, con guión de Manuel Rivas e Aitor Gabilondo, foron produtos estrela da televisión española antes de pasar á plataforma Netflix.
Galicia pasa a “destacar nos mapas” por ser un dos centros mundiais do narcotráfico, incidindo as ficcións sobre este feito na “posición periférica” do país e nas “condicións de carestía e de abandono da Galicia rural” que o narcotráfico aproveita, sendo percibidos, polo menos nas primeiras décadas da expansión desta actividade, os narcos como unha especie de benefactores sociais onde “a man do estado e os beneficios do benestar non alcanzaban” e o contrabando era “contrapeso da dureza e pouca rendibilidade da pesca de baixura”.
O eco internacional da produción ‘Narcos’ proporcionará ademais un modelo de ficción exitoso que o audiovisual galego podía aproveitar
O eco internacional da produción ‘Narcos’ proporcionará ademais un modelo de ficción exitoso que o audiovisual galego podía aproveitar. Na literatura, o xénero fora tamén explorado antes do seu ‘boom’ por Manuel Rivas en ‘Todo é silencio’, publicado ao mesmo tempo en castelán e despois adaptado ao cinema por José Luis Cuerda. Tempo despois viría ‘Fariña’, cuxo éxito de vendas aumentou considerablemente co seu secuestro xudicial a partir dunha denuncia, e no que Carretero explica os determinantes xeográficos da actividade que describe: a fronteira con Portugal, histórico roteiro de estraperlo, as Rías Baixas e evolución do negocio do contrabando, así como a relación coas redes colombianas e a orografía da Costa da Morte.
O repaso polos textos literarios e produtos audiovisuais analizados, conclúe Núñez Sabarís, permite advertir a “transformación dunha cultura”, que se está a trasladar desde o eixe temporal que costuraba o relato da nación, ao espacial, fragmentando o espazo simbólico da representación cara a unidades máis atomizadas. A cidade actual recolle, en esencia, o legado da tradición narrativa anterior para definir a organización xeoliteraria da Galicia actual”.