O longo camiño da eliminación do cambio de hora, medida apoiada por uns e detestada por outros

Reloxos do Parque do Pasatempo, en Betanzos CC-BY-SA uchiuska

España defenderá este luns no Consello de Enerxía da UE reabrir o debate sobre a supresión do cambio horario estacional. "Cambiar a hora dúas veces ao ano xa non ten sentido" pois "apenas axuda a aforrar enerxía e ten un impacto negativo na saúde e na vida da xente", di Pedro Sánchez

No inicio da semana na que se leva a cabo o cambio horario estacional (realizarase na noite do sabado 25 ao domingo 26) Pedro Sánchez anunciou que España defenderá no Consello de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía da Unión Europea que se celebra este luns en Luxemburgo a supresión desta medida. A través dun vídeo publicado nas redes sociais o presidente do Goberno do Estado defendeu que "cambiar a hora dúas veces ao ano xa non ten sentido" pois "apenas axuda a aforrar enerxía e ten un impacto negativo na saúde e na vida da xente".

Na xuntanza deste luns do órgano comunitario España solicitará reabrir un debate que leva anos estancado, a pesar de que hai seis anos o Parlamento europeo aprobou a supresión do cambio horario estacional. Porén, dende entón o complexo proceso que conlevaría a medida non avanzou ante a falta de consenso social e entre países e con argumentos a favor e en contra. Porque, hai que lembralo, unha vez desaparecido o cambio de hora habería que tomar a decisión sobre o fuso horario no que cada territorio permanecería, o actual horario de inverno ou o de verán.

En 2019 a Comisión Europea manifestou a súa intención de propoñer a fin do cambio de hora, en base ao resultado dunha consulta cidadá, unha medida que foi apoiada pola maioría do Parlamento europeo. Porén, o proceso ficou estancado ante a falta de consenso

Na súa intervención, Sánchez destacou que "en todas as enquisas nas que se lles pregunta, aos españois e aos europeos, de maneira maioritaria están en contra de cambiar o horario". En efecto, no ano 2018 a UE levou a cabo unha consulta cidadá que tivo unha participación moi numerosa (con 4,6 millóns de votantes, foi a maior na historia destas iniciativas), e que amosou un frontal rexeitamento aos cambios de hora bianuais, cun 84% de votos a favor de suprimilos, un 93% no Estado Español. 

En virtude destes resultados, a Comisión Europea manifestou a súa intención de propoñer a fin do cambio de hora, unha medida que foi apoiada pola maioría do Parlamento europeo. Porén, nos meses seguintes, cando cada país debía decidir que ficaba no horario de inverno ou no de verán, varios gobernos pediron un debate máis profundo sobre a cuestión. Ademais, destacouse que aínda que a participación na consulta fora ampla, esta só representara o 1% da poboación da UE, e que máis do 70% dos votos procederan dun único país (Alemaña).

Na consulta tamén se preguntou polas preferencias na escolla do horario definitivo, con triunfo xeral do horario de verán (56% fronte a 36%), que se impuxo en case todos os países, especialmente en Portugal (79% a favor). No Estado español o horario de verán foi apoiado polo 58% dos votantes.

Argumentos a favor e en contra

Hai tempo que se sabe que a medida non supón un aforro enerxético significativo. E diversas voces alertan de que trastoca os ritmos biolóxicos dúas veces ao ano, afectando negativamente á calidade do sono nos días posteriores ao cambio

Hai tempo que diversos estudos veñen amosando que a medida, introducida durante a crise do petróleo dos anos 70 da pasado século, non supón un aforro enerxético significativo. Así o destacou tamén Pedro Sánchez, que fixo referencia igualmente a que o cambio estacional "trastoca os ritmos biolóxicos" dúas veces ao ano, afectando negativamente á calidade do sono nos días posteriores ao cambio.

Hai uns meses, nun debate organizado en Santiago pola Sociedad Económica de Amigos del País, a catedrática de Medicina da USC María Rosaura Leis Trabazo, presidenta da Fundación Española da Nutrición, destacou que "o cambio de hora fai que o noso reloxo interno tarde varios días en reaxustarse, o que implica un período de adaptación durante o que moitas persoas manifestan irritabilidade, falta de concentración, baixo rendemento e insomnio".

Son moi numerosas as voces que defenden o mantemento do cambio horario estacional para un mellor aproveitamento das horas de luz. "O cambio estacional de hora agroma como unha reacción natural da sociedade para axustarse mellor ás variacións de luz", defende Jorge Mira

Leis Trabazo, que recomenda suprimir o cambio horario e establecer de forma permanente o horario de inverno, advirte de que "a escuridade pola mañá e a luminosidade pola noite atrasan o noso reloxo interno e o desaxustan", podendo provocar tamén patoloxías asociadas á falta de sono ou á súa mala calidade.

"A evidencia científica dispoñible indica que manter un horario permanente é a mellor opción para a saúde pública e que o horario de inverno mellora o noso sono, será máis saudable para o noso corazón, o noso peso, a nosa saúde mental e asóciase ademais con menor consumo de tabaco e alcol, así como con maior rendemento escolar e laboral", concluíu.

Semella existir un importante apoio social á supresión do cambio horario estacional. Porén, o consenso desaparece cando -unha vez eliminado o cambio- hai que decidir en que fuso horario queda cada territorio

Pola contra, son moi numerosas as voces que defenden o mantemento do cambio horario estacional, non por unha cuestión de aforro enerxético (nese tema hai consenso sobre a irrelevancia dos efectos) senón para un mellor aproveitamento das horas de luz nos territorios situados nestas latitudes. Entre estas voces destaca a de Jorge Mira, físico e catedrático da área de Electromagnetismo da USC, que explica que o cambio horario serve para sincronizar a luz matinal co organismo humano, facilitando a adaptación ao desprazamento do mencer e do solpor.

Así, o cambio horario estacional serviría para acompasar os horarios de traballo e comerciais coa hora solar, como destaca Mira: "O cambio estacional de hora agroma como unha reacción natural da sociedade para axustarse mellor ás variacións de luz".

'Perfil do tiempo', de Dalí Dominio Público Praza Pública

No caso de Galicia, por exemplo, ficar todo o ano co actual horario de verán (UTC +2) suporía que o Sol sairía máis tarde das dez da mañá o 21 de decembro (10:01 en Santiago), algo que semella inasumible.

Aparentemente existe un importante apoio social á supresión do cambio horario estacional, que evidentemente resulta molesto durante uns días para a maior parte da poboación. Porén, o consenso desaparece cando -unha vez eliminado o cambio horario- hai que decidir en que fuso horario queda cada territorio. No caso de Galicia, por exemplo, ficar todo o ano co actual horario de verán (UTC +2) suporía que o Sol sairía máis tarde das dez da mañá o 21 de decembro (10:01 en Santiago), algo que semella inasumible.

De igual xeito, optar por ficar todo o ano co actual horario de inverno (UTC +1) adiantaría a saída do Sol en xuño a antes da seis da mañá e, sobre todo, acurtaría notablemente as tardes, especialmente na primavera e no outono. Este luns 20 de outubro, por exemplo, sería noite xa ás 18:44, algo que semella contraditorio cunha sociedade na que moita xente traballa aínda polas tardes e na que está pendente un verdadeiro debate sobre a conciliación de horarios.

Optar por ficar todo o ano co actual horario de inverno (UTC +1) adiantaría a saída do Sol en xuño a antes da seis da mañá e, sobre todo, acurtaría notablemente as tardes, especialmente na primavera e no outono

O marco do debate, ademais, semella moi diferente nun territorio como Galicia e o que se pode dar na costa mediterránea, en Cataluña, a Comunidade Valenciana ou Baleares. En Barcelona hoxe -co actual horario de verán- o sol vai desaparecer ás 19:03, mentres que co horario de inverno faríao ás 18:03. O poderoso sector turístico dos territorios levantinos xa se pronunciou publicamente a prol de fixar o horario de verán todo o ano.

No caso de que o conxunto do Estado español optase polo horario de verán (UTC+2), de seguro impulsaría en Galicia (e pode que noutras comunidades autónomas occidentais) a reclamación por un fuso horario distinto (UTC+1), no que na actualidade se sitúan Portugal ou Canarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.