Esta fin de semana muda a hora. Que foi das propostas para suprimir o cambio?

Na madrugada do sábado para o domingo volverá cambiar a hora. Ás 2 serán as 3 CC-BY pxfuel

Na madrugada do sábado para o domingo volverá cambiar a hora. Ás 2 serán as 3, un adianto que provocará que durmamos unha hora menos este día e que amenza unha hora máis tarde, ao tempo que o sol se pon unha hora despois, facendo máis longos os seráns. O obxectivo desta práctica, iniciada hai xa medio século, é aproveitar mellor as horas de luz solar no final das tardes, momento destinado maioritariamente ao lecer, permitindo así ademais un certo aforro enerxético.

Ás 2 serán as 3, un adianto que provocará que durmamos unha hora menos este día e que amenza unha hora máis tarde, ao tempo que o sol se pon unha hora despois, facendo máis longos os seráns

Porén, dende hai uns anos este cambio horario estacional atópase cuestionado pola cativeza deste aforro e, sobre todo, polos efectos que sobre o organismo ten esta mudanza. No ano 2018 a Unión Europea levou a cabo unha consulta cidadá que tivo unha participación moi numerosa (con 4,6 millóns foi a máis votada na historia destas consultas) e que amosou un frontal rexeitamento a manter os cambios de hora bianuais, cun 84% de votos a favor de suprimilos, un 93% no Estado Español. En virtude destes resultados, a Comisión Europea manifestou a súa intención de propoñer a fin do cambio de hora, algo que en principio se produciría ao longo do ano 2019, momento no que cada país debería decidir se ficaba co seu horario "de inverno" ou "de verán".

Reloxos do mundo, no Parque do Pasatempo CC-BY-SA Óscar (xindilo/fotosderianxo)

A falta de consenso en cada país sobre se era mellor adoptar o horario de verán ou o de inverno aconsellou adiar a adopción dunha decisión. Posteriormente, en febreiro de 2020 a chegada da pandemia deixou este asunto fóra da axenda

Porén, nese momento xurdiron dúbidas de todo tipo, comezando polas críticas de expertos que defendían o mantemento do cambio estacional e reclamaban un debate rigoroso sobre o asunto e non unha decisión apresurada e adoptada de xeito plebiscitario. E, sobre todo, abriuse un intenso debate entre as posicións que apostaban por establecer de forma permanente o horario de verán e aqueles que preferían o horario de inverno.

De feito, na propia consulta cidadá o 56% dos votantes apostara por fixar nos seus países de forma permanente o horario de verán e o 36% por establecer de maneira definitiva o horario de inverno.Ademais, nesta cuestión si houbo importantes diferenzas entre uns e outros países. Así, o 79% dos portugueses e portuguesas votou a favor de adoptar o horario de verán, que tamén foi moi maioritario en Polonia, Chipre, Irlanda ou Grecia. En España o horario de verán recibiu o 58% dos apoios. Pola contra, entre os e as habitantes de Finlandia ou Dinamarca apostouse polo horario de inverno.

A falta de consenso interno en practicamente todos os países (comezando por España) aconsellou adiar a adopción dunha decisión. Posteriormente, en febreiro de 2020 a chegada da pandemia deixou este asunto fóra da axenda e, de momento, o debate non se volveu abrir, nin a nivel político nin social. 

O Goberno central fixou xa as datas previstas para o cambio de hora ata o ano 2026, unha mostra de que non se espera unha modificación do actual modelo de forma inmediata

Así pois, este ano seguiremos tendo cambio horario en marzo e tamén en outubro, cando regresaremos ao horario de inverno. Ademais, o Goberno central fixou xa as datas previstas para o cambio de hora ata o ano 2026, unha mostra de que non se esperan unha modificación de forma inmediata.

O debate está en marcha dende hai anos noutros países que tamén realizan este cambio horario semestral, como os Estados Unidos de América, onde a pasada semana o seu Senado aprobou unha lei para acabar coa modificación a partir do mes de novembro do ano 2023, unha norma que aínda debe ser votada no Congreso.

É bo ou malo o cambio horario? É mellor un fuso ou outro?

As voces contrarias ao cambio bianual lembran os recorrentes efectos negativos que para a saúde ten esta modificación estacional: as alteracións do sono, a ruptura das rutinas, o aumento das xaquecas e doutros problemas e mesmo os accidentes de tráfico xerados por eles.

As voces contrarias ao cambio bianual lembran os efectos negativos que ten para a saúde. Os seus defensores explican que o cambio é fundamental para ter uns horarios máis racionais, aproveitando mellor a luz solar polas mañás no outono e no inverno e polas tardes na primavera e no verán

Os seus defensores explican, pola contra, que o cambio é fundamental para ter uns horarios máis racionais, aproveitando mellor a luz solar polas mañás no outono e no inverno e polas tardes na primavera e no verán, e evitando que o solpor se adiante excesivamente nos meses máis fríos e que o mencer se adiante de máis nos meses máis cálidos. Así o vén defendendo o físico e catedrático de electromagnetismo da USC Jorge Mira e tamén outros expertos, como os que hai uns anos participaron na xornada de debate do Consello da Cultura Galega titulada “É racional o cambio estacional de hora?”, cos que falamos nesta reportaxe, na que varias voces apostaban por facer fincapé máis na racionalización de horarios e na mellorar da conciliación e non tanto na fixación dun ou doutro fuso horario.

En Galicia e noutros territorios, ademais, este debate mestúrase con outro referido ao fuso horario no que se encadra cada país, chamando a atención sobre o feito de que en Galicia "a hora legal está desviada da hora solar", como destacaba nesas xornadas o experto portugués Rui Jorge Agostinho.

Así ficarían os horarios galegos en distintos escenarios

En Galicia e noutros territorios, ademais, este debate mestúrase con outro referido ao fuso horario no que se encadra cada país

A escolla dun ou doutro fuso horario para Galicia ou para o conxunto do Estado español, e tamén a decisión sobre o mantemento ou non do cambio estacional pode mover a hora do amencer e do solpor ata dúas horas nun sentido ou noutro. Así, co actual modelo o horario do mencer no solsticio de verán (21 de xuño) está fixado para algo antes das 6 da mañá, pero mantendo todo o ano o horario de inverno este adiantaríase ata as 4:55 horas. De igual xeito, no outro extremo, manter todo o ano o horario de verán implicaría que no solsticio de inverno (21 de decembro) en Galicia amencería ás 10 da mañá.

Os efectos serían distintos se Galicia adoptase o horario que actualmente ten Portugal. Neste caso, os solpores non serían tan tardíos no verán e amencería unha hora antes, pero as tardes serían máis curtas no inverno, desaparecendo o sol ás cinco da tarde en decembro. O debate está aberto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.