A portavoz do Goberno central, Isabel Celaá, anunciouno na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros do pasado venres: non haberá cambios no fuso horario nin se eliminará o cambio de hora estacional. A ministra explicou que o informe solicitado á comisión de expertos sobre esta posible reforma non chegou a conclusión ningunha.
O Goberno central aclara que o informe encargado á comisión de expertos non chegou a conclusión ningunha, pero que non se propón cambio no fuso horario
"Non se formula cambio ningún no fuso horario, que levamos usando 80 anos, que coincide co de Alemaña e que se remonta á época franquista. A outra cuestión menos concluínte é o cambio de hora estacional", sinalou. "Nestes meses a comisión de expertos non chegou a ningunha conclusión, tendo en conta da gran cantidade de repercusións e impacto que ten: económicas, culturais...".
O Executivo central empraza a que, ante a falta de consenso, a cuestión continúe en estudo até 2021 e a nova dirección europea decida se quere seguir investigando esta proposta. Para a ministra, "a sociedade está afeita a eses fusos" e "ten costume" de realizar os cambios de hora, polo que até 2021 pide "reflexión".
Aínda que 2019 era a data elixida para eliminar os cambios de hora estacionais, a falta de acordo cos prazos dificultou que o cambio de hora da madrugada entre o 30 e o 31 de marzo sexa o último. Os ministros encargados na materia --Transporte e Medio Ambiente-- concluíron en outubro, como suxerira previamente a presidencia austríaca de quenda da UE --a súa proposta é levar o final do cambio horario a 2021--, que precisan máis tempo.
O debate sobre o cambio de hora
De manter o horario de verán (GMT +2) durante todo o ano, gañaríanse máis horas de sol polas tardes, pero no inverno as tardes serían máis longas, aínda que tamén amencería máis tarde: en moitos puntos de Galicia, como en Santiago de Compostela por exemplo, ás 10 da mañá sería noite.
De manter o horario de inverno (GMT +1) durante todo o ano, habería máis horas de sol pola mañá, polo que se favorecería un mellor espertar ao achegarse á nosa hora solar natural. Pero isto adiantaría as horas de alimentación e sono e polas tardes perderíase unha hora de sol desde marzo até outubro.
O físico Jorge Mira, un dos expertos, cre que "eliminar o cambio de hora sería asumir que vivimos nunha Terra plana"
De atrasar o fuso horario mentres se manteñen os cambios de hora (GMT 0,+1), tamén se adiantarían os hábitos sociais e poderíase durmir máis tempo. Pero a cambio, perderíase unha hora de sol durante todo o ano e habería que adaptarse aos cambios de hora.
O mellor do horario actual (GMT +1,+2) son as horas de sol extras das que gozamos pola tarde con respecto ao horario solar natural. Pero iso fai atrasar os horarios de alimentación, pérdese sono e hai que seguir adaptándose aos cambios de hora.
Jorge Mira, físico e catedrático de electromagnetismo pola Universidade de Santiago de Compostela, é un dos expertos consultados polo Goberno central. Para el, "eliminar o cambio de hora sería asumir que vivimos nunha Terra plana", como afirmaba nesta entrevista.