Será este un dos últimos cambios de hora? Non está tan claro

Reloxo nunha igrexa galega CC-BY-ND Ricardo Samaniego

Nesta madrugada do sábado ao domingo tivo lugar o habitual cambio de hora que se vén realizando todos os outonos dende os anos 70. Ás tres da mañá foron as dúas, entrando no chamado horario de inverno, polo que (ademais de que o domingo terá unha hora máis) a partir de hoxe amencerá unha hora antes e o solpor tamén se adiantará. O luns o sol sairá ás 08:04 e o ocaso chegará ás 18:31. 

O luns o sol sairá ás 08:04 e o ocaso chegará ás 18:31

Este cambio prodúcese en virtude da Directiva Comunitaria del Cambio de hora, que persegue un aforro enerxético (moi cativo) e, sobre todo, un mellor aproveitamento das horas de sol, ampliando as tardes na primavera e o verán e achegando máis luz nas mañás outono-invernais. Con todo, a mudanza sempre levou aparellada unha certa polémica e moitas críticas, dados os efectos prexudiciais que provoca en moitas persoas. 

En principio, en outubro de 2019 cada Estado membro decidiría se fai ou non un derradeiro cambio, escollendo polo tanto se permanecer no horario de verán ou axustándose de forma definitiva ao de inverno

Este verán a UE levou a cabo unha consulta cidadá que tivo unha participación moi numerosa (con 4.6 millóns de participan foi a máis participada na historia destas votacións) e que amosou un frontal rexeitamento a manter os cambios de hora bianuais, cun 84% de votos a favor de suprimilos, un 93% no Estado Español. En virtude destes resultados, a Comisión Europea manifestou a súa intención de propoñer a fin do cambio de hora, algo que en principio se produciría ao longo do ano 2019. En principio, todos os países membros cambiarían a hora en marzo, regresando ao horario de verán. E posteriormente, en outubro, cada Estado membro decidiría se facía un novo cambio, escollendo polo tanto se permanecer no horario de verán ou axustándose de forma definitiva ao de inverno.

A presidencia rotatoria da UE, que este semestre ocupa Austria, propuxo adiar ao ano 2021 a decisión que en principio debía ser adoptada no outono do ano que vén

O cambio de hora desta madrugada, polo tanto, podería ser o último (ou o penúltimo) que realizásemos no outono. Porén, isto comeza a non estar tan claro: este mesmo venres a presidencia rotatoria da UE, que este semestre ocupa Austria, propuxo adiar ao ano 2021 a decisión que en principio debía ser adoptada no outono do ano que vén. Aduce que a maioría dos países aínda non realizaron o debate público e as análises necesarias para decidir que hora escoller e que, ademais, os cambios e adaptacións obrigatorias para determinados sectores (sobre todo o transporte aéreo e outros) necesitarían de máis tempo. 

Ademais, Portugal xa se posicionou a favor de manter o cambio horario bianual e outros países (como Holanda) reclaman que esta posibilidade estea cando menos sobre a mesa. Os Países Baixos subliñan que a consulta realizada este verán "non é representativa", pois só votou o 1% da poboación. Outros, como Austria e Finlandia, si que fixeron público o seu desexo por suprimir o cambio horario, preferindo Austria o horario de verán e estando os fineses moi divididos entre unha e outra hora. A xuntanza que os ministros e ministras de Transporte da UE manterán en Graz este luns e martes servirá para medir as posicións e dúbidas de cada un dos países.

No Estado Español o debate foi escaso e non houbo un posicionamento oficial por parte do Goberno, mentres que En Marea e BNG apostaron por incluír a Galicia na mesma hora que na actualidade ocupan Portugal ou Canarias. Expertos como Jorge Mira, entre outras voces, criticaron a falta de información e reflexión sobre este tema e reclamaron manter o cambio horario, que serve para acompasar as grandes diferenzas que ao longo do ano se producen entre a duración do día e da noite.

"A hora oficial afecta a todos os habitantes do país. Por iso calquera reflexión sobre ela debe ser pausada por parte dos responsables do Goberno, co mellor asesoramento posible, cun completo coñecemento dos factores en xogo e, sobre todo, cuns datos solventes", subliña Jorge Mira. Outras voces fan fincapé, igualmente, en racionalizar os horarios para poder dispor de máis tempo libre e, se é posible, que ese tempo libre aproveite mellor as horas de sol existentes. Algo que sería máis importante que adiantar ou atrasar os reloxos, o que non deixa de ser unha pura convención.

Os e as votantes de case todos os países manifestáronse de forma clara por suprimir o cambio horario bianual

 

Os resultados da consulta

O 84% dos votos apostaron por eliminar o cambio de hora, unha opción maioritaria en todos os países agás (Grecia e Chipre). En España o rexeitamento ao cambio horario foi mesmo maior (93%)

A consulta online que tivo lugar o pasado verán foi, en primeiro lugar, un fito de participación, con 4,5 millóns de votos. Con todo, hai que ter en conta que o 70% destes votos procederon dun único país (Alemaña, 3,1 millóns de votos), a moita distancia aparecen Francia (8,6%) ou Austria (6%). España foi, de feito, un dos países que menos votos achegou en relación coa súa poboación, sumando pouco máis do 1% das opinións totais. 

O 84% dos votos apostaron por eliminar o cambio de hora, unha opción maioritaria en todos os países agás (Grecia e Chipre). En España o rexeitamento ao cambio horario foi mesmo maior (93%). Tamén se preguntaba polos motivos polos que se desexaba suprimilo, sendo "razóns de saúde" (43%), "aforro de enerxía" (20%) a posibilidade de realizar actividades de ocio nas tardes (14%) e "seguridade nas estradas" (10%) as respostas máis frecuentes. 

O 56% apostou por fixar nos seus países de forma permanente o horario de verán e o 36% por establecer de maneira definitiva o horario de inverno. Con todo, nesta cuestión si houbo importantes diferenzas entre uns e outros países

A consulta preguntaba tamén pola hora (de inverno ou verán) que se preferiría adoptar no caso de eliminar o cambio horario. O 56% apostou por fixar nos seus países de forma permanente o horario de verán e o 36% por establecer de maneira definitiva o horario de inverno. Con todo, nesta cuestión si houbo importantes diferenzas entre uns e outros países. Así, o 79% dos portugueses e portuguesas votou a favor de adoptar o horario de verán, que tamén foi moi maioritario en Polonia, Chipre, Irlanda ou Grecia. En España o 58% votou a favor do horario de verán. Pola contra, entre os e as habitantes de Finlandia ou Dinamarca se apostou polo horario de inverno.

Na consulta os e as votantes da maior parte dos países apostaron por adoptar o seu 'horario de verán'

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.